DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 159 Luns, 24 de agosto de 2026 Páx. 46362

III. Outras disposicións

Academia Galega de Seguridade Pública

RESOLUCIÓN do 18 de agosto de 2026 pola que se convoca a segunda práctica do Plan anual de adestramento regulamentario para a seguridade no manexo das armas.

Dentro das actividades programadas para o ano 2026, e conforme as funcións atribuídas pola Lei 1/2007, do 15 de xaneiro, de creación da Academia Galega de Seguridade Pública, anúnciase a convocatoria da segunda práctica do Plan anual de adestramento regulamentario para a seguridade no manexo das armas, dos/das policías locais de Galicia, que se desenvolverá conforme as seguintes bases:

Obxectivos:

– Facilitar o cumprimento do disposto no artigo 11.4 da Lei 4/2007, do 20 de abril, de coordinación de policías locais.

– Dispoñer de persoal actualizado nas prácticas de armamento e tiro policial de defensa.

– Controlar a práctica anual e regulamentaria do cadro de persoal, mediante un control e unha cartilla de tiro individual.

– Establecer distintos niveis para categorías de tirador, segundo a seguridade e habilidade que demostre no manexo das armas.

Persoal destinatario:

A actividade vai dirixida ao persoal dos corpos das policías locais da Comunidade Autónoma de Galicia que cumpran co disposto no artigo 11.4 da Lei 4/2007, relativo a garantir unha adecuada preparación no uso da arma regulamentaria para o persoal dos corpos de policía local.

Para tal fin, a Dirección Xeral da Academia Galega de Seguridade Pública establece un plan anual de adestramento, no cal se inclúen dúas prácticas anuais para o persoal dos concellos interesados.

Solicitudes:

Os concellos interesados deberán remitir o formulario que está na páxina web https://agasp.xunta.gal/es á Academia Galega de Seguridade Pública, antes do día 2 de outubro de 2026.

As solicitudes deberán presentarse a través do correo electrónico formacion.agasp@xunta.gal, indicando no asunto: Plan de tiro 2026, ou ben a través do rexistro electrónico.

As solicitudes deberán estar autorizadas pola alcaldía, concellaría ou xefatura, segundo proceda.

Todos aqueles concellos que adquirisen recentemente armas regulamentarias para a policía local terán preferencia para efectuar as prácticas regulamentarias, indispensables para un mellor coñecemento da nova arma e a adquisición da destreza suficiente para o seu manexo coa seguridade e habilidade necesarias.

Medios:

Para o desenvolvemento da actividade, o alumnado deberá traer a súa respectiva arma regulamentaria da dotación e a munición correspondente para as prácticas. A Academia Galega de Seguridade Pública nomeará o profesorado e as persoas instrutoras necesarias.

Determinación da data das prácticas. A seguir, sinálanse os días e as franxas horarias habilitadas dentro da segunda práctica do plan:

– Días: 13, 15, 27 e 29 de outubro; 3, 5, 10, 12, 17, 19, 24 e 26 de novembro de 2026.

– Franxas horarias:

• 1ª) das 10.00 ás 11.30 horas.

• 2ª) das 11.30 ás 13.00 horas.

• 3ª) das 13.00 ás 14.30 horas.

• 4ª) das 16.00 ás 17.30 horas.

• 5ª) das 17.30 ás 19.00 horas.

• 6ª) das 19.00 ás 20.30 horas.

Configurado o calendario segundo as solicitudes recibidas, comunicarase aos concellos coa finalidade de que, pola súa vez, informen con antelación suficiente da relación nominal do persoal participante na práctica.

Control e cartilla de tiro:

O control das prácticas do persoal xestionarano conxuntamente a Academia Galega de Seguridade Pública e a persoa designada polo concello.

Estableceranse niveis segundo a categoría e a habilidade que cada persoa tiradora amose nos aspectos tanto de seguridade como de manexo coas armas, niveis a que irá accedendo paulatinamente cada policía, se é o caso. Estes niveis constarán na cartilla ou documento de control que se dispoña para as prácticas de tiro, tal e como se indicaba no punto anterior.

Lugar:

As prácticas desenvolveranse na galería de tiro da Academia Galega de Seguridade Pública, sita na rúa da Cultura, s/n, no concello da Estrada (Pontevedra).

Modificacións:

A Academia Galega de Seguridade Pública poderá modificar o desenvolvemento do Plan anual de actualización para adaptalo ás necesidades da Administración e ás continxencias que poidan xurdir.

A Estrada, 18 de agosto de 2026

Santiago Villanueva Álvarez
Director xeral da Academia Galega de Seguridade Pública