DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 162 Xoves, 27 de agosto de 2026 Páx. 46785

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude

ORDE do 21 de agosto de 2026 pola que se publica a ampliación do crédito da Orde do 21 de abril de 2026 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvencións ás galerías de arte para a participación en feiras e mercados de arte fóra da Comunidade Autónoma de Galicia, e se convocan para o ano 2026 (código de procedemento CT215C).

O 5 de maio de 2026 publicouse no Diario Oficial de Galicia a Orde do 21 de abril de 2026 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvencións ás galerías de arte para a participación en feiras e mercados de arte fóra da Comunidade Autónoma de Galicia, e se convocan para o ano 2026 (código de procedemento CT215C).

No artigo 4 da dita orde prevese un crédito de oitenta mil euros (80.000 €) para o financiamento destas axudas, con cargo á aplicación orzamentaria 13.03 432-B 770.0 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2026.

No artigo 2.4 das citadas bases prevese que as subvencións obxecto da mencionada orde poderán ser obxecto de ampliación de crédito orzamentario nos supostos previstos no artigo 31.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Dado que o importe inicial establecido na Orde do 21 de abril de 2026 non é suficiente para o pagamento de todas as solicitudes e que actualmente na aplicación orzamentaria correspondente existe crédito dispoñible, cómpre ampliar o importe do crédito destinado ás axudas que poderán ser concedidas ao abeiro da referida orde, coa finalidade de conceder a subvención ao maior número de beneficiarios posibles.

Segundo se establece no artigo 30 do Regulamento da Lei de subvencións de Galicia, nestes casos o órgano competente para a concesión deberá publicar a ampliación de crédito nos mesmos medios en que publicou a convocatoria, sen que esta publicación implique unha apertura do prazo para presentar novas solicitudes nin o inicio dun novo cómputo de prazo para resolver.

De acordo co anterior, unha vez declarada a dispoñibilidade de crédito; vistos a Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e mais o Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento; e no uso das facultades que me foron conferidas,

DISPOÑO:

Artigo único.

Ampliar o importe total do crédito das axudas establecidas na Orde do 21 de abril de 2026 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvencións ás galerías de arte para a participación en feiras e mercados de arte fóra da Comunidade Autónoma de Galicia, e se convocan para o ano 2026 (código de procedemento CT215C), por un importe de 52.000 €, con cargo á aplicación orzamentaria 13.03 432-B 770.0, proxecto 2015 00374. Unha vez efectuada esta ampliación, o importe total destas axudas ascende a cento trinta e dous mil euros (132.000 €).

Esta modificación non dá lugar á apertura dun novo prazo de presentación de solicitudes.

A presente orde entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 21 de agosto de 2026

O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude
P.D. (Orde do 28.6.2024; DOG núm. 130, do 5 de xullo)
Elvira María Casal García
Secretaria xeral técnica da Consellería
de Cultura, Lingua e Xuventude