DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 163 Venres, 28 de agosto de 2026 Páx. 46876

III. Outras disposicións

Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes

ORDE do 21 de agosto de 2026 pola que se clasifica de interese para a defensa do medio natural de Galicia a Fundación Antela.

Unha vez examinado o expediente de solicitude de clasificación da Fundación Antela con domicilio en rúa Fonteboa, 10, 32911, San Cibrao das Viñas (Ourense), resultan os seguintes feitos e consideracións legais.

Feitos:

1. O 15 de xaneiro de 2026, a Fundación presentou solicitude de clasificación, declaración de interese galego e a súa inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

2. A Fundación Antela constituíuna Isabel Álvarez Balvís, Marcos Manuel Frean Hernández e Serafín Jesús González Prieto, mediante escritura pública outorgada o 12 de decembro de 2025 ante a notaria de Ourense María Isabel Louro García, co número de protocolo 4199.

3. A Fundación, consonte o artigo 6 dos seus estatutos, ten por obxecto:

«Realizar actividades de conservación da natureza, a paisaxe e os ecosistemas naturais, coa súa fauna, flora e xea asociadas, así como de estudo e divulgación dos valores naturais, xunto coa restauración de espazos degradados».

4. O padroado inicial da Fundación está formado por Isabel Álvarez Balvís, como presidenta; Marcos Manuel Freán Hernández, como vicepresidente, e Serafín Jesús González Prieto, como secretario.

5. A Comisión integrada polos secretarios xerais de todas as consellerías eleva ao conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes proposta de clasificación como de interese cultural da Fundación Antela, con base nas materias que constitúen o seu obxecto fundacional.

6. Na escritura de constitución consta a identidade dos fundadores, a dotación inicial, os estatutos e a identificación dos membros do padroado.

7. De conformidade co artigo 51 do Decreto 14/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento de fundacións de interese galego, e segundo proposta da Comisión de Secretarios Xerais, procede a súa clasificación como de interese para a defensa do medio natural de Galicia e adscrición á Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático.

Consideracións legais:

1. O artigo 34 da Constitución española recoñece o dereito de fundación para fins de interese xeral de acordo coa lei, e o artigo 27.26 do Estatuto de autonomía de Galicia establece competencia exclusiva sobre o réxime das fundacións de interese galego.

2. A escritura de constitución da Fundación contén os datos exixidos na Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego.

3. Consonte o artigo 7 do Decreto 15/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento do Rexistro de Fundacións de Interese Galego, correspóndelle a esta Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes a clasificación da Fundación e a adscrición á consellería correspondente, que exercerá as funcións de protectorado.

De conformidade co exposto, e considerando que se cumpren as condicións establecidas pola normativa vixente en materia de fundacións de interese galego, de acordo coa proposta realizada pola Comisión de secretarios xerais na súa reunión do día 28 de xullo de 2026,

DISPOÑO:

Clasificar de interese para a defensa do medio natural de Galicia a Fundación Antela, adscribíndoa ao protectorado Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático.

Contra esta orde, que pon fin á vía administrativa, pode interpoñerse, no prazo de dous meses, recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, consonte o artigo 46.1 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa; podéndose interpoñer no prazo dun mes, previamente e con carácter potestativo, recurso de reposición ante o mesmo órgano que ditou o acto, de conformidade co artigo 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Santiago de Compostela, 21 de agosto de 2026

Diego Calvo Pouso
Conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes