DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 163 Venres, 28 de agosto de 2026 Páx. 46878

III. Outras disposicións

Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes

ORDE do 21 de agosto de 2026 pola que se clasifica de interese social a Fundación AFAGA.

Unha vez examinado o expediente de solicitude de clasificación da Fundación AFAGA con domicilio na estrada Baiona, número 20 (antiga escola de Chan), 36713, Pontevedra, resultan os seguintes feitos e consideracións legais.

Feitos:

1. O 15 de decembro de 2025, a Fundación presentou solicitude de clasificación, declaración de interese galego e a súa correspondente inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

2. A fundación AFAGA, constituíuna a Asociación de Familiares de Enfermos de Alzhéimer y otras Demencias de Galicia (AFAGA), mediante escritura pública outorgada o 11 de decembro de 2025, perante o notario de Vigo, Miguel Lucas Sánchez, co número de protocolo 3556, posteriormente modificada mediante escritura pública outorgada o 2 de xuño de 2026, polo referido notario, co número de protocolo 1775.

3. A Fundación, consonte o artigo 6 dos seus estatutos, ten por obxecto:

«Contribuír á innovación na abordaxe e atención ás persoas que se vexan afectadas pola enfermidade de Alzhéimer ou outras formas de demencia. Entendendo por afectados, o binomio indisoluble formado pola persoa coa enfermidade, así como a persoa que asume o coidado diario no ámbito familiar. Todo iso sen prexuízo de estender a súa atención ao conxunto da sociedade galega».

4. O padroado inicial da fundación está formado por Juan Carlos Rodríguez Bernárdez, como presidente; Olga Visitación Milla Castro, como vicepresidenta; Remigio Rodríguez Pérez, como secretario; e María Carmen Álvarez Yrago, como tesoureira.

5. A Comisión integrada polos secretarios xerais de todas as consellerías eleva ao conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes a proposta de clasificación como de interese social da Fundación AFAGA, en base ás materias que constitúen o seu obxecto fundacional.

6. Na escritura de constitución consta a identidade dos fundadores, a dotación inicial, os estatutos e a identificación dos membros do padroado.

7. De conformidade co artigo 51 do Decreto 14/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento de fundacións de interese galego, e segundo proposta da Comisión de Secretarios Xerais, procede a súa clasificación como de interese social e a súa adscrición á Consellería de Política Social e Igualdade.

Consideracións legais:

1. O artigo 34 da Constitución española recoñece o dereito de fundación para fins de interese xeral de acordo coa lei, e o artigo 27.26 do Estatuto de autonomía de Galicia establece competencia exclusiva sobre o réxime das fundacións de interese galego.

2. A escritura de constitución da fundación contén os datos exixidos na Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego.

3. Consonte o artigo 7 do Decreto 15/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento do Rexistro de Fundacións de Interese Galego, correspóndelle a esta Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, a clasificación da fundación e a adscrición á consellería correspondente, que exercerá as funcións de protectorado.

De conformidade co exposto, e considerando que se cumpren as condicións establecidas pola normativa vixente en materia de fundacións de interese galego, de acordo coa proposta realizada pola Comisión de Secretarios Xerais na súa reunión do día 28 de xullo de 2026,

DISPOÑO:

Clasificar de interese social a Fundación AFAGA, adscribíndoa ao protectorado da Consellería de Política Social e Igualdade.

Contra esta orde, que pon fin á vía administrativa, pode interpoñerse, no prazo de dous meses, recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, consonte o artigo 46.1 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa; e poderase interpoñer no prazo dun mes, previamente e con carácter potestativo, recurso de reposición perante o mesmo órgano que ditou o acto, de conformidade co artigo 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Santiago de Compostela, 21 de agosto de 2026

Diego Calvo Pouso
Conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes