DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 164 Luns, 31 de agosto de 2026 Páx. 47270

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía e Industria

RESOLUCIÓN do 7 de agosto de 2026, do Departamento Territorial de Pontevedra, pola que se conceden as autorizacións administrativas previa e de construción dunha instalación eléctrica no concello de Baiona (expediente IN407A 2025/278-4).

Expediente: IN407A 2025/278-4.

Promotora: Autoridade Portuaria de Vigo.

Denominación: LMTS e reforma e ampliación de potencia de CT Cabo Silleiro.

Concello: Baiona.

Feitos:

1. O 3.12.2025 a Autoridade Portuaria de Vigo solicitou a autorización administrativa previa e a autorización administrativa de construción da instalación eléctrica denominada LMTS e reforma e ampliación de potencia de CT Cabo Silleiro.

A solicitude inclúe o proxecto de execución asinado polo enxeñeiro técnico industrial Luis Alberto Tizón Cabaleiro, colexiado 2.449 do Colexio Oficial de Enxeñeiros Técnicos Industriais de Vigo, e contén un orzamento total de 41.589,94 euros.

Examinado o proxecto de execución, conclúese que ten como finalidade atender a demanda de enerxía eléctrica do Faro de Cabo Silleiro mediante a reforma e ampliación do centro de transformación existente.

As instalacións eléctricas proxectadas serán cedidas á empresa distribuidora da zona, neste caso UFD Distribución Electricidad, S.A.

2. Este departamento territorial solicitou o preceptivo informe ás distintas administracións, organismos ou, de ser o caso, empresas de servizos de interese xeral afectadas, isto é, o Concello de Baiona, o Instituto de Estudos do Territorio e o Servizo do Patrimonio Cultural. A empresa promotora manifestou a súa conformidade co condicionado emitido polo Servizo de Patrimonio Cultural.

Os demais organismos non emitiron os condicionados técnicos e enténdese, en consecuencia, a súa conformidade coa autorización de construción da dita infraestrutura eléctrica, conforme o disposto no artigo 131 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, sen prexuízo da autorización que lles corresponda outorgar.

3. O 29.7.2026 os servizos técnicos deste departamento territorial emitiron un informe favorable ás autorizacións administrativas previa e de construción da instalación eléctrica LMTS e reforma e ampliación de potencia de CT Cabo Silleiro.

Consideracións legais e técnicas:

1. O Departamento Territorial de Pontevedra é competente para resolver este expediente con fundamento no Decreto 140/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Economía e Industria (DOG núm. 101, do 27 de maio), e no Decreto 9/2017, do 12 de xaneiro, polo que se establecen os órganos competentes para a resolución dos procedementos de autorización de instalacións eléctricas que sexan competencia da Comunidade Autónoma de Galicia (DOG núm. 22, do 1 de febreiro).

2. A lexislación de aplicación a este expediente é:

• Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico.

• Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

• Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público.

• Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia.

• Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica.

• Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en liñas eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-LAT 01 a 09.

• Real decreto 337/2014, do 9 de maio, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-RAT 01 a 23.

3. As características técnicas da instalación son as que a seguir se describen:

• Retirada do trafo de 100 kVA existente, así como das celas de media tensión.

• Instalación dun trafo de 250 kVA, así como de celas de media tensión de illamento e corte en dieléctrico SF6, tipo compacta (RMU) 2L1P.

• Liña de media tensión subterránea (LMTS) a 20 kV, con condutor RHZ1-2OL 12/20 kV 3x1x150 mm2 de 42 metros de lonxitude, con orixe no paso aéreo-subterráneo que se instalará no apoio 9N88L755/53-14 da LMTA GON815 e final no centro de transformación proxectado.

• Instalación dun paso aéreo-subterráneo e pararraios-autoválvulas no apoio 9N88L755/53-14 da LMTA GON815.

• A instalación está situada na estrada de Cabo Silleiro, no concello de Baiona (Pontevedra).

Conforme ao indicado,

RESOLVO:

Outorgar á Autoridade Portuaria de Vigo as autorizacións administrativas previa e de construción da instalación de distribución de enerxía eléctrica denominada LMTS e reforma e ampliación de potencia de CT Cabo Silleiro, expediente IN407A 2025/278-4.

Estas autorizacións outórganse sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros necesarios para a realización das obras da instalación autorizada e de acordo coas seguintes condicións:

1. As características da instalación axustaranse en todas as súas partes ás que figuran no proxecto de execución, ás condicións técnicas e de seguridade establecidas nos regulamentos de aplicación e aos condicionados técnicos impostos polas administracións públicas, organismos ou empresas que presten servizos públicos ou de interese económico xeral, no relativo aos bens e dereitos da súa propiedade que se atopen afectados pola instalación, en especial os relativos ás distancias de seguridade, cruzamentos e paralelismos prescritos pola normativa vixente.

2. A empresa promotora asegurará o mantemento e a vixilancia correcta das instalacións durante a construción e despois da súa posta en servizo, co fin de garantir que en todo momento se manterán as condicións regulamentarias de seguridade.

3. En todo momento se deberán cumprir as normas e directrices vixentes que resulten de aplicación, en particular, canto establece o Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en liñas eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-LAT 01 a 09, e o Real decreto 337/2014, do 9 de maio, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-RAT 01 a 23.

4. O prazo para a posta en marcha das instalacións que se autorizan será de doce meses, contados a partir da data da última autorización administrativa necesaria para a execución. En todo caso, deberán respectarse os prazos establecidos no artigo 13.9 do Regulamento (UE) 2024/573 do Parlamento Europeo e do Consello, do 7 de febreiro, sobre os gases fluorados de efecto invernadoiro, polo que se modifica a Directiva (UE) 2019/1937 e se derroga o Regulamento (UE) 517/2014 (DOUE núm. 573, do 20 de febreiro), sobre prohibicións para a posta en funcionamento de aparellaxe eléctrica que empregue gases fluorados de efecto invernadoiro ou cuxo funcionamento dependa deles, nun medio illante ou de rotura.

5. Unha vez constituídas estas instalacións, a empresa distribuidora da zona deberá presentar a solicitude de autorización de explotación ante este departamento territorial acompañada da seguinte documentación:

• As declaracións de conformidade relativas ao material ou equipamento, e as certificacións ou homologacións, se procede.

• Un certificado de dirección final de obra subscrito por unha técnica ou un técnico facultativo competente en que conste que a instalación foi realizada de acordo coas especificacións contidas na autorización de construción, así como coas prescricións da regulamentación técnica de aplicación á materia, segundo a Lei 9/2021, do 25 de febreiro. Este certificado debe cumprir co establecido na Resolución do 12 de xuño de 2025, da Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Minas, pola que se aproba o modelo oficial de certificado de instalación eléctrica en alta tensión, publicada no DOG do 24.6.2025, e na Instrución 5/2012, do 15 de novembro, da Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas, sobre os criterios que se aplicarán para exixir visado colexial en materias de industria e enerxía.

• Contrato de cesión entre a empresa Autoridade Portuaria de Vigo (promotora) e UFD Distribución Electricidad, S.A. (a entidade de transporte e distribución de enerxía eléctrica).

• De ser o caso, a acreditación ou declaración de que a instalación non se atopa incursa nas prohibicións establecidas no artigo 13 do Regulamento (UE) 2024/573 do Parlamento Europeo e do Consello, do 7 de febreiro.

• Planimetría as built da instalación eléctrica en formato shape.

O incumprimento das condicións e requisitos establecidos nesta resolución poderá dar lugar á súa revogación, logo da audiencia á promotora, de conformidade co disposto no artigo 53.10 da Lei 24/2013, do 26 de decembro.

Contra esta resolución, que non é definitiva en vía administrativa, poderase interpoñer recurso de alzada ante a conselleira de Economía e Industria da Xunta de Galicia, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación ou publicación, de acordo co disposto nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, sen prexuízo de que os interesados poidan interpoñer calquera outro recurso que consideren pertinente.

Pontevedra, 7 de agosto de 2026

Beatriz López del Olmo
Directora territorial de Pontevedra