Expediente: IN407A 2023/021-4.
Promotora: UFD Distribución Electricidad, S.A.
Denominación: LMTS CII810 e CTC rúa da Rozada.
Concello: Cangas.
Feitos:
1. O 24.1.2023 a empresa UFD Distribución Electricidad, S.A. solicitou a autorización administrativa previa, a autorización administrativa de construción e a declaración, en concreto, de utilidade pública da instalación eléctrica denominada LMTS CII810 e CTC rúa da Rozada.
A solicitude inclúe o proxecto de execución asinado pola enxeñeira técnica industrial Herminia López Caamaño, colexiada 4598 do Colexio Oficial de Enxeñeiros Técnicos Industriais de Vigo, e no cal figura un orzamento total de 114.780,66 euros.
Examinado o proxecto de execución, conclúese que ten como finalidade mellorar a calidade da subministración e as infraestruturas da zona, debido ás caídas de tensión na rede. Para isto están previstas as seguintes actuacións na rúa da Rozada, na parroquia de Coiro, no municipio de Cangas (Pontevedra):
Instalación dun centro de transformación de 250 kVA de potencia, compacto de manobra exterior 2L1P telecontrolado con GPRS/FO en envolvente prefabricada de formigón con telexestión BT, que se instalará na parcela con referencia catastral 36008A044006140000JT e se conectará á rede no tramo da liña de media tensión subterránea CII8100042.
Tendido dunha liña de media tensión subterránea (LMTS) de 444 metros para alimentar o centro de transformación proxectado.
2. Este departamento territorial solicitou o preceptivo informe ás distintas administracións, organismos ou, de ser o caso, empresas de servizos de interese xeral afectadas, isto é, o Concello de Cangas, a Axencia Estatal de Seguridade Aérea (AESA), Augas de Galicia e o Servizo do Patrimonio Cultural. A empresa promotora manifestou a súa conformidade co condicionado emitido por AESA.
O Servizo do Patrimonio Cultural informou de que non existen elementos para protexer desde o punto de vista de protección do patrimonio que poidan verse afectados polas referidas obras.
Os demais organismos non emitiron os condicionados técnicos e enténdese, en consecuencia, a súa conformidade coa autorización de construción da dita infraestrutura eléctrica, conforme o disposto no artigo 131 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, sen prexuízo da autorización que lles corresponda outorgar.
3. Mediante escrito do 7.3.2023, este departamento territorial púxolle de manifesto este procedemento á única persoa que figura afectada pola declaración de utilidade pública na relación de bens e dereitos achegada pola empresa promotora.
4. O proxecto someteuse ao trámite de información pública mediante resolución do 7.3.2023 publicada nos seguintes medios:
Diario Oficial de Galicia (DOG): 29.3.2023.
Xornal Faro de Vigo: 30.3.2023.
Taboleiro de anuncios do Concello de Cangas.
Portal de transparencia e goberno aberto da Consellería de Economía e Industria.
Durante este trámite presentaron alegacións Ángel Martínez Pousada, Camilo Camaño Xestido, Placeres Rodríguez Molanes e Xoán Carlos Chillón Iglesias. A seguir, resúmese o seu contido:
A actuación prevista ten o seu trazado sobre o camiño histórico do núcleo rural tradicional da Rozada, que figura xunto aos muíños de auga na cartografía histórica e tamén na fotografía aérea de referencia do denominado voo americano de 1956. Destaca a presenza do muíño de Fausto na contorna.
Deberían informarse os propietarios das parcelas 609, 611, 613 e 615, dado que se corta o acceso a estas propiedades.
Provoca impacto paisaxístico sobre o lugar.
Falta de xustificación da implantación do centro de transformación no lugar da Rozada.
O proxecto non cumpre a normativa urbanística.
Expropiación total das parcelas 614 e 615 do polígono 44.
5. As alegacións presentadas foron trasladadas á empresa promotora. A seguir, resúmese a contestación de UFD Distribución Electricidad, S.A.:
O proxecto técnico elaborado cumpre con todos os requisitos formais e de carácter técnico e legais exixidos pola lexislación vixente na materia.
Non se concreta ningunha alternativa nos escritos de alegacións.
Non se incorre en ningunha limitación do artigo 161.2 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro.
A xustificación da necesidade da instalación vén recollida no número 1 (Obxecto) do proxecto.
6. O 23.12.2024 os servizos técnicos deste departamento territorial emitiron un informe favorable para a instalación eléctrica proxectada e o 19.6.2026 un informe sobre as alegacións presentadas.
Consideracións legais e técnicas:
1. O Departamento Territorial de Pontevedra é competente para resolver este expediente con fundamento no Decreto 140/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Economía e Industria (DOG núm. 101, do 27 de maio), e no Decreto 9/2017, do 12 de xaneiro, polo que se establecen os órganos competentes para a resolución dos procedementos de autorización de instalacións eléctricas que sexan competencia da Comunidade Autónoma de Galicia (DOG núm. 22, do 1 de febreiro).
2. A lexislación de aplicación a este expediente é:
• Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico.
• Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.
• Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público.
• Lei do 16 de decembro de 1954, sobre expropiación forzosa.
• Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia.
• Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica.
• Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en liñas eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-LAT 01 a 09.
• Real decreto 337/2014, do 9 de maio, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-RAT 01 a 23.
• Decreto do 26 de abril de 1957 polo que se aproba o Regulamento da Lei de expropiación forzosa.
3. As características técnicas da instalación son as que a seguir se describen:
• Liña de media tensión subterránea (LMTS) a 20 kV, con condutor RHZ1, de 444 metros de lonxitude, con orixe e final no empalme que se realizará no tramo CII8100042, na arqueta existente, facendo entrada e saída no centro de transformación proxectado.
• Centro de transformación a 250 kVA, con RT 20 kV/400 V, situado na parcela con referencia catastral 36008A044006140000JT.
• A instalación está situada na rúa da Rozada, en Coiro, Cangas (Pontevedra).
4. Con respecto ás alegacións presentadas, visto o contido destas, as respostas do promotor e os informes dos servizos técnicos deste departamento territorial, exponse:
Con relación ao prexuízo que causa a instalación eléctrica, cabe sinalar que, unha vez iniciado o procedemento expropiatorio, os interesados serán informados do trámite de levantamento de actas previas á ocupación. Nese momento débese describir e delimitar o obxecto de expropiación e débense describir as afectacións concretas que comporta a expropiación.
De todas as maneiras, poderase poñer de manifesto a perda de valor da parcela na presentación da folla de valoración, momento no cal o titular concretará o valor que estime, como se indica no artigo 29 e seguintes da Lei do 16 de decembro de 1954, sobre a expropiación forzosa.
Ademais, o artigo 23 da Lei de expropiación forzosa permítelle ao propietario solicitar da Administración, nos casos de expropiación parcial dunha parcela e cando, como consecuencia diso, resulte antieconómica a conservación do resto da parcela non expropiada, que a expropiación comprenda a súa totalidade.
En relación coa declaración de utilidade pública e a urxente ocupación que leva implícita, sinálase que o artigo 54 da Lei 24/2013 e o 140 do Real decreto 1955/2000 establecen que se declaran de utilidade pública as instalacións eléctricas de xeración, transporte e distribución de enerxía eléctrica, para os efectos de expropiación forzosa dos bens e dereitos necesarios para o seu establecemento e a imposición e exercicio da servidume de paso. Neste caso a implantación do centro de transformación no lugar da Rozada vén xustificada pola mellora na calidade de subministración e infraestruturas existentes na zona, xa que están actualmente sometidas a caídas de tensión.
Con relación á presenza de elementos etnográficos, tales como muíños, remítese ao informe do Servizo do Patrimonio Cultural, en que destaca que non existen elementos para protexer.
Con relación á normativa urbanística, correspóndelle ao Concello a súa valoración dentro dos instrumentos de planificación urbanística. Destácase que se solicitou informe ao Concello de Cangas, porén, non consta no expediente a súa remisión. Así mesmo, as autorizacións administrativas que concede este departamento outórganse independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal que teña que solicitar a empresa promotora deste proxecto.
Respecto ás parcelas 609, 611, 613 e 615, estas non se encontran afectadas pola declaración, en concreto, de utilidade pública. De todas as maneiras, o proxecto estivo en información pública para que calquera persoa que o considerase oportuno presentase as súas alegacións.
Conforme o indicado,
RESOLVO:
1. Outorgarlles áa empresa UFD Distribución Electricidad, S.A. as autorizacións administrativas previa e de construción da instalación de distribución de enerxía eléctrica denominada LMTS CII810 e CTC rúa da Rozada, expediente IN407A 2023/021-4.
2. Declarar a utilidade pública, en concreto, da citada instalación eléctrica, o que leva implícita a necesidade de ocupación dos bens ou de adquisición dos dereitos afectados e implica a urxente ocupación para os efectos do artigo 52 da Lei de expropiación forzosa.
Estas autorizacións outórganse sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros necesarios para a realización das obras da instalación autorizada e de acordo coas seguintes condicións:
1. As características da instalación axustaranse en todas as súas partes ás que figuran no proxecto de execución, ás condicións técnicas e de seguridade establecidas nos regulamentos de aplicación e aos condicionados técnicos impostos polas administracións públicas, organismos ou empresas que presten servizos públicos ou de interese económico xeral, no relativo aos bens e dereitos da súa propiedade que se atopen afectados pola instalación, en especial os relativos ás distancias de seguridade, cruzamentos e paralelismos prescritos pola normativa vixente.
2. A empresa promotora asegurará o mantemento e a vixilancia correcta das instalacións durante a construción e logo da súa posta en servizo, co fin de garantir que en todo momento se manterán as condicións regulamentarias de seguridade.
3. En todo momento se deberán cumprir as normas e directrices vixentes que resulten de aplicación, en particular, canto establece o Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en liñas eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-LAT 01 a 09, e o Real decreto 337/2014, do 9 de maio, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-RAT 01 a 23.
4. O prazo para a posta en marcha das instalacións que se autorizan será de doce meses, contados a partir da data da última autorización administrativa necesaria para a execución. En todo caso, deberán respectarse os prazos establecidos no artigo 13.9 do Regulamento (UE) 2024/573 do Parlamento Europeo e do Consello, do 7 de febreiro, sobre os gases fluorados de efecto invernadoiro, polo que se modifica a Directiva (UE) 2019/1937 e se derroga o Regulamento (UE) 517/2014 (DOUE núm. 573, do 20 de febreiro), sobre prohibicións para a posta en funcionamento de aparellaxe eléctrica que empregue gases fluorados de efecto invernadoiro ou cuxo funcionamento dependa deles, nun medio illante ou de rotura.
5. Unha vez constituídas estas instalacións, a empresa promotora deberá presentar a solicitude de autorización de explotación ante este departamento territorial acompañada da seguinte documentación:
• As declaracións de conformidade relativas ao material ou equipamento e as certificacións ou homologacións, se procede.
• Un certificado de dirección final de obra en que se garantirá o cumprimento das especificacións do proxecto e prescricións complementarias, se as houber, así como das regulamentacións e normas axeitadas para a montaxe da instalación e posta a punto.
• De ser o caso, a acreditación ou declaración de que a instalación non se atopa incursa nas prohibicións establecidas no artigo 13 do Regulamento (UE) 2024/573 do Parlamento Europeo e do Consello, do 7 de febreiro.
• Planimetría as built da instalación eléctrica en formato shape.
O incumprimento das condicións e requisitos establecidos nesta resolución poderá dar lugar á súa revogación, logo da audiencia á promotora, de conformidade co disposto no artigo 53.10 da Lei 24/2013, do 26 de decembro.
Contra esta resolución, que non é definitiva en vía administrativa, poderase interpoñer recurso de alzada ante a conselleira de Economía e Industria da Xunta de Galicia, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación ou publicación, de acordo co disposto nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, sen prexuízo de que os interesados poidan interpoñer calquera outro recurso que consideren pertinente.
Pontevedra, 6 de agosto de 2026
Beatriz López del Olmo
Directora territorial de Pontevedra
ANEXO
Relación de bens e dereitos afectados. Concello de Cangas
|
Nº |
Terreo |
Lugar e referencia catastral |
Titular |
Afeccións |
||
|
Pleno dominio CT (m2) |
Servidume de paso |
|||||
|
ml sub. |
m2 sub. |
|||||
|
1 |
Rústico |
Nabal de Arriba 36008A044006140000JT |
Placeres Rodríguez Molares |
16,81 |
1,80 |
7,73 |
