DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 164 Luns, 31 de agosto de 2026 Páx. 47254

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía e Industria

RESOLUCIÓN do 6 de agosto de 2026, do Departamento Territorial de Pontevedra, de autorización administrativa previa, declaración, en concreto, de utilidade pública e a necesidade da urxente ocupación que leva implícita e de autorización administrativa de construción dunha instalación eléctrica no concello de Vigo (expediente IN407A 2023/086-4).

Expediente: IN407A 2023/086-4.

Promotora: UFD Distribución Electricidad, S.A.

Denominación: LMTS GON806 e BAL708, CS e substitución dos apoios 9SRMLCJX//D56 e 9SPJIALL/D57.

Concello: Vigo.

Feitos:

1. O 16.2.2023 a empresa UFD Distribución Electricidad, S.A. solicitou a autorización administrativa previa, a autorización administrativa de construción e a declaración, en concreto, de utilidade pública da instalación eléctrica denominada LMTS GON806 e BAL708, CS e substitución dos apoios 9SRMLCJX//D56 e 9SPJIALL/D57.

A solicitude inclúe o proxecto de execución asinado pola enxeñeira técnica industrial Herminia López Caamaño, colexiada 4.598 do Colexio Oficial de Enxeñeiros Técnicos Industriais de Vigo, e no cal figura un orzamento total de 65.778,23 euros.

Examinado o proxecto de execución, conclúese que ten como finalidade as seguintes actuacións no lugar da Ermida, na parroquia de San Miguel de Oia, no municipio de Vigo (Pontevedra):

• Centro de seccionamento compacto de manobra exterior 3L+TT coas dúas celas de saída telecontroladas vía GPRS/3G en envolvente prefabricada de formigón, que estará conectado á liña de media tensión BAL708 e GON806.

• Substitución dos tramos de dobre circuíto aéreo BAL7082991, BAL7082990, BAL7024086 e BAL7024195.

• Substitución dos apoios de formigón 9SRMLCJX//D56 e 9SPJIALL//D57 por dous apoios de celosía C-3000/16 e C-2000/16.

• Desmontaxe do ITC instalado no apoio 9SL5TQ7A//D93.

• Instalación dunha liña de media tensión subterránea de 110 metros para alimentar o centro de seccionamento proxectado.

2. Este departamento territorial solicitou o preceptivo informe ás distintas administracións, organismos ou, de ser o caso, empresas de servizos de interese xeral afectadas, isto é, o Concello de Vigo, a Axencia Estatal de Seguridade Aérea (AESA), Augas de Galicia e o Servizo do Patrimonio Cultural. A empresa promotora manifestou a súa conformidade cos condicionados emitidos pola AESA, o Concello de Vigo e o Servizo do Patrimonio Cultural.

Augas de Galicia non emitiu o condicionado técnico e enténdese, en consecuencia, a súa conformidade coa autorización de construción da dita infraestrutura eléctrica, conforme o disposto no artigo 131 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, sen prexuízo da autorización que lle corresponda outorgar.

3. O proxecto someteuse ao trámite de información pública mediante resolución do 21.3.2023, publicada nos seguintes medios:

Diario Oficial de Galicia (DOG): 18.4.2023.

Xornal Faro de Vigo: 19.4.2023.

• Taboleiro de anuncios do Concello de Vigo: do 29.3.2023 ao 15.5.2023, segundo comunicación do propio concello.

• Portal de transparencia e Goberno aberto da Consellería de Economía e Industria.

4. Mediante escritos do 21.3.2023, este departamento territorial púxolles de manifesto este procedemento ás persoas que figuran afectadas pola declaración de utilidade pública na relación de bens e dereitos achegada pola empresa promotora.

Como non foi posible efectuar a notificación a todas as persoas afectadas, este departamento publicou os correspondentes anuncios no Diario Oficial de Galicia do 11.4.2023 e no taboleiro de edictos único do Boletín Oficial del Estado do 14.4.2023, co fin de realizar a notificación por comparecencia.

5. O 26.4.2023 María Divina Alonso Rial presentou alegacións. En resumo, oponse á declaración de utilidade pública polo prexuízo que lle provoca a instalación do apoio na súa parcela. A alegante propón que se manteña o apoio existente ou que sexa instalado na extrema das parcelas 117 e 118.

6. As alegacións presentadas foron trasladadas á empresa promotora. A continuación, resúmese a contestación de UFD Distribución Electricidad, S.A.:

• A finalidade do proxecto é instalar un elemento de manobra na rede.

• O centro de seccionamento será alimentado pola liña de media tensión BAL7082990. É necesario substituír o apoio existente 9SRMLCJX//D56 por un apoio C-3000/16 e, debido ás novas condicións, tamén será necesario cambiar o apoio 9SPJIALL/D57, pois non soportaría os esforzos demandados pola liña. Os apoios substituídos mantéñense baixo o trazado aéreo existente.

7. O 19.5.2025 os servizos técnicos deste departamento territorial emitiron un informe favorable para a instalación eléctrica proxectada e o 23.6.2026, un informe sobre as alegacións presentadas.

Consideracións legais e técnicas:

1. O Departamento Territorial de Pontevedra é competente para resolver este expediente con fundamento no Decreto 140/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Economía e Industria (DOG núm. 101, do 27 de maio), e no Decreto 9/2017, do 12 de xaneiro, polo que se establecen os órganos competentes para a resolución dos procedementos de autorización de instalacións eléctricas que sexan competencia da Comunidade Autónoma de Galicia (DOG núm. 22, do 1 de febreiro).

2. A lexislación de aplicación a este expediente é:

• Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico.

• Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

• Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público.

• Lei do 16 de decembro de 1954, sobre expropiación forzosa.

• Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia.

• Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica.

• Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en liñas eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-LAT 01 a 09.

• Real decreto 337/2014, do 9 de maio, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-RAT 01 a 23.

• Decreto do 26 de abril de 1957 polo que se aproba o Regulamento da Lei de expropiación forzosa.

3. As características técnicas da instalación son as que a seguir se describen:

• Liña de media tensión aérea (LMTA) a 15 kV, con condutor LA-110 en tres actuacións. A primeira, na BAL708, tramo BAL7082991, é de 83 metros, con orixe no apoio existente 9STA04FK//D55 e final no apoio proxectado C-3000/16, que substitúe o apoio 9SRMLCJX//D56. A segunda, tamén na BAL708, tramo BAL7082990, é de 99 metros, con orixe no apoio proxectado C-3000/16 e final no apoio proxectado C-2000/16, que substitúe o apoio 9SPJIALL//D57. A terceira actuación, na BAL702, nos tramos BAL7024086 e BAL7024195, é de 182 metros, con orixe no apoio existente 9STA04FK//D55 e final no apoio proxectado C-2000/16.

• Liña de media tensión subterránea (LMTS) a 15 kV, con condutor RHZ1, de 110 metros de lonxitude, con orixe e final no apoio proxectado C-3000/16, facendo entrada e saída no centro de seccionamento proxectado.

• Centro de seccionamento compacto de manobra exterior 3L+TT localizado no camiño da Ermida, fronte ao número 52, na parcela con referencia catastral 54057A126001230000BB.

A instalación está situada na Ermida, na parroquia de San Miguel de Oia, no municipio de Vigo (Pontevedra).

4. Con respecto ás alegacións presentadas, visto o contido destas, as respostas do promotor e os informes dos servizos técnicos deste departamento territorial, exponse:

Con relación ao prexuízo que causa a instalación do apoio na parcela, cabe sinalar que, unha vez iniciado o procedemento expropiatorio, as persoas afectadas serán informadas do trámite de levantamento de actas previas á ocupación. Nese momento, de forma concreta, por unha parte débese describir e delimitar o obxecto de expropiación e, por outro lado, débense describir as afectacións concretas que comporta a expropiación.

De todas as maneiras, poderase poñer de manifesto a perda de valor da parcela na presentación da folla de valoración, momento no cal o titular concretará o valor que estime, como se indica no artigo 29 e seguintes da Lei do 16 de decembro de 1954, sobre a expropiación forzosa.

Ademais, o artigo 23 de Lei de expropiación forzosa permite ao propietario solicitar da Administración, nos casos de expropiación parcial dunha parcela e cando, como consecuencia diso, resulte antieconómica a conservación do resto da parcela non expropiada, que a expropiación comprenda a súa totalidade.

Con relación ao mantemento do apoio existente, a empresa promotora presenta cálculos xustificativos dos esforzos que demanda a liña para fundamentar o cambio dos apoios 9SRMLCJX//D56 e 9SPJIALL/D57.

Respecto ao trazado proposto pola alegante, instalación do apoio na extrema das parcelas 117 e 118, este carece da necesaria concreción, xa que non permite calibrar cal é o orzamento das actuacións, as súas medidas reais, a porcentaxe da modificación etc. En definitiva, a proposta non queda debidamente concretada desde un punto de vista económico e técnico, nin se acredita nela que cumpre os tres condicionamentos exixidos polo citado artigo 161 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro.

Conforme o indicado,

RESOLVO:

1. Outorgar á empresa UFD Distribución Electricidad, S.A. as autorizacións administrativas previa e de construción da instalación de distribución de enerxía eléctrica denominada LMTS GON806 e BAL708, CS e substitución dos apoios 9SRMLCJX//D56 e 9SPJIALL/D57, expediente IN407A 2023/086-4.

2. Declarar a utilidade pública, en concreto, da citada instalación eléctrica, o que leva implícita a necesidade de ocupación dos bens ou de adquisición dos dereitos afectados e implica a urxente ocupación para os efectos do artigo 52 da Lei de expropiación forzosa.

Estas autorizacións outórganse sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros necesarios para a realización das obras da instalación autorizada e de acordo coas seguintes condicións:

1. As características da instalación axustaranse en todas as súas partes ás que figuran no proxecto de execución, ás condicións técnicas e de seguridade establecidas nos regulamentos de aplicación e aos condicionados técnicos impostos polas administracións públicas, organismos ou empresas que presten servizos públicos ou de interese económico xeral, no relativo aos bens e dereitos da súa propiedade que se atopen afectados pola instalación, en especial os relativos ás distancias de seguridade, cruzamentos e paralelismos prescritos pola normativa vixente.

2. A empresa promotora asegurará o mantemento e a vixilancia correcta das instalacións durante a construción e despois da súa posta en servizo, co fin de garantir que en todo momento se manterán as condicións regulamentarias de seguridade.

3. En todo momento se deberán cumprir as normas e directrices vixentes que resulten de aplicación, en particular, canto establece o Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en liñas eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-LAT 01 a 09, e o Real decreto 337/2014, do 9 de maio, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-RAT 01 a 23.

4. O prazo para a posta en marcha das instalacións que se autorizan será de doce meses, contados a partir da data da última autorización administrativa necesaria para a execución. En todo caso, deberán respectarse os prazos establecidos no artigo 13.9 do Regulamento (UE) 2024/573 do Parlamento Europeo e do Consello, do 7 de febreiro, sobre os gases fluorados de efecto invernadoiro, polo que se modifica a Directiva (UE) 2019/1937 e se derroga o Regulamento (UE) 517/2014 (DOUE núm. 573, do 20 de febreiro), sobre prohibicións para a posta en funcionamento de aparellaxe eléctrica que empregue gases fluorados de efecto invernadoiro ou cuxo funcionamento dependa deles, nun medio illante ou de rotura.

5. Unha vez constituídas estas instalacións, a empresa promotora deberá presentar a solicitude de autorización de explotación ante este departamento territorial acompañada da seguinte documentación:

• As declaracións de conformidade relativas ao material ou equipamento, e as certificacións ou homologacións, se procede.

• Un certificado de dirección final de obra en que se garantirá o cumprimento das especificacións do proxecto e prescricións complementarias, se as houber, así como das regulamentacións e normas axeitadas para a montaxe da instalación e posta a punto.

• De ser o caso, a acreditación ou declaración de que a instalación non se atopa incursa nas prohibicións establecidas no artigo 13 do Regulamento (UE) 2024/573 do Parlamento Europeo e do Consello, do 7 de febreiro.

• Planimetría as built da instalación eléctrica en formato shape.

O incumprimento das condicións e requisitos establecidos nesta resolución poderá dar lugar á súa revogación, logo da audiencia á promotora, de conformidade co disposto no artigo 53.10 da Lei 24/2013, do 26 de decembro.

Contra esta resolución, que non é definitiva en vía administrativa, poderase interpoñer recurso de alzada ante a conselleira de Economía e Industria da Xunta de Galicia, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación ou publicación, de acordo co disposto nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, sen prexuízo de que os interesados poidan interpoñer calquera outro recurso que consideren pertinente.

Pontevedra, 6 de agosto de 2026

Beatriz López del Olmo
Directora territorial de Pontevedra

ANEXO

Relación de bens e dereitos afectados. Concello de Vigo

Lugar

Terreo

Referencia catastral

Titular

Afectacións pleno dominio

Afectacións

servidume de paso

CT m2

Apoio m2

ml sub.

m2 sub.

1

Ermida

Rústico

54057A126001230000BB

Descoñecido/a

13,77

8,15

35,22

2

Ermida

Rústico

54057A126001170000BH

María Divina Alonso Rial

1,69