DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 165 Martes, 1 de setembro de 2026 Páx. 47487

III. Outras disposicións

Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia

RESOLUCIÓN do 6 de agosto de 2026 pola que se anuncian as convocatorias das probas de avaliación para a obtención do certificado galego de competencias dixitais (ComDix) na Rede CeMIT, nos seus niveis iniciación e intermedio, correspondentes ao segundo semestre do ano 2026.

A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, na súa condición de entidade pública instrumental do sector público, ten entre as súas funcións favorecer un contexto dixital en que a cidadanía poida alcanzar, actualizar e mellorar as súas competencias dixitais, en liña cos cambios e os usos tecnolóxicos que se integren na sociedade.

Para tal fin, e tendo como referente o Marco europeo de competencias dixitais na súa versión DigComp 2.2, o Decreto 123/2021, do 2 de setembro, regulou o Marco galego de competencias dixitais e a certificación galega en competencias dixitais, de acordo co establecido na Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, co obxectivo de alcanzar unha cidadanía dixitalmente responsable nunha contorna en que, cada vez máis, se require o uso da tecnoloxía case a diario.

O artigo 3 do citado Decreto 123/2021 establece que o desenvolvemento específico das dimensións e especializacións do marco en función dos grupos destinatarios se incluirá no documento «Bases para o desenvolvemento do Marco galego de competencias dixitais».

O 11 de setembro de 2023 aprobouse unha primeira versión deste documento en que se identifica como unha das vías de obtención do certificado galego en competencias dixitais (ComDix) a realización dunha proba de certificación específica que permita demostrar ter os coñecementos, habilidades e actitudes propias das devanditas competencias. Actualmente, na súa terceira versión, aprobada o 30 de xuño de 2025 polo Consello Reitor da Amtega, mantense esta vía de obtención.

Esta proba de certificación compleméntase coa posta á disposición das persoas interesadas de contidos en liña, de uso voluntario, para adquirir os coñecementos, habilidades e actitudes dixitais, e que servirán de referencia antes de presentarse á proba de certificación.

Así mesmo, establece no seu artigo 13 que a propia Amtega, a través das aulas da Rede de centros para a modernización e a inclusión tecnolóxica (Rede CeMIT), cooperará, no seu ámbito de competencia, na execución das actuacións para a xestión da certificación en competencias dixitais, e está habilitada e autorizada para a formación e avaliación para a súa obtención.

De acordo co anterior,

RESOLVO:

Convocar as probas de certificación para a obtención do certificado galego de competencias dixitais nos seus niveis iniciación e intermedio para o segundo semestre do ano 2026, que deberán desenvolverse segundo as bases detalladas no anexo I.

Santiago de Compostela, 6 de agosto de 2026

Damián Rey Rodríguez
Director da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia

ANEXO I

Convocatorias de probas de certificación para a obtención do certificado de competencias dixitais na Rede CeMIT, nos seus niveis iniciación e intermedio

Bases

Primeira. Datas e realización das probas

1. Establécense as seguintes convocatorias de probas:

Nivel

Convocatoria

Días das probas

Horarios

Prazo de inscrición

Intermedio

Outubro 

7, 8 e 9

10.00 horas
12.00 horas
16.30 horas

Do 2 ao 11 de setembro

14, 15 e 16

10.00 horas
12.00 horas
16.30 horas

Iniciación

Decembro

2, 3 e 4

10.00 horas
12.00 horas
16.30 horas

Do 26 de outubro ao 4 de novembro

2. Os detalles de cada convocatoria, as aulas concretas en que se realizarán as probas, os horarios asignados a cada unha delas e o número de prazas ofertadas publicaranse na web da Rede CeMIT (https://cemit.xunta.gal) cunha antelación mínima dun mes respecto á data de inicio das probas.

3. Na devandita web as persoas interesadas poderanse subscribir a un sistema automático de aviso ou recordatorio de apertura do prazo de inscrición nestas convocatorias, para facilitar a súa matriculación nelas.

4. As probas realizaranse de maneira presencial nas aulas da Rede CeMIT. As localizacións de cada aula pódense consultar na web https://cemit.xunta.gal/centros

Segunda. Itinerario formativo

1. Co fin de facilitar a preparación das probas de certificación, ponse á disposición das persoas interesadas material formativo de apoio deseñado para proporcionar os coñecementos e competencias necesarias para afrontar as probas de cada nivel. En función do nivel correspondente, estarán dispoñibles as seguintes formacións:

Nivel iniciación

• Empezamos! Que nivel de competencias teño? Introdución ao Marco galego de competencias dixitais

• ComDix I: coñece a contorna dixital

• ComDix II: ten a información dixital sempre á man: buscar, seleccionar e gardar

• ComDix III: tecnoloxías dixitais

• ComDix IV: participa na sociedade dixital

• ComDix V: crea contidos dixitais

• ComDix VI: atopa o benestar dixital

Nivel intermedio

• ComDix I: afondando na contorna dixital

• ComDix II: aplicando estratexias de busca, verificación e organización da información

• ComDix III: comunicación e colaboración efectiva en contornos dixitais

• ComDix IV: cidadanía dixital: afondando na administración electrónica

• ComDix V: crea, actualiza e mellora contidos dixitais

• ComDix VI: promovendo a seguridade, o benestar e a inclusión dixital

2. O acceso a estes contidos pode realizarse en calquera momento e estarán dispoñibles permanentemente na plataforma de teleformación https://formacion-cemit.xunta.gal

3. O acceso voluntario aos contidos non é un requisito para matricularse nas probas de certificación nin dá dereito á expedición do certificado de competencias dixitais (ComDix), que se obterá unicamente pola superación da proba de certificación regulada nesta convocatoria.

Terceira. Solicitudes de participación e prazo de inscrición

1. As persoas que desexen participar nas probas de certificación deberán ter un mínimo de 16 anos e inscribirse na páxina web da Rede CeMIT https://cemit.xunta.gal antes da finalización de cada prazo de inscrición indicado na base primeira.1 deste anexo.

2. Con carácter previo á inscrición é necesario darse de alta como usuario/a da Rede CeMIT no enderezo electrónico https://aulascemit.xunta.es/usuarios, para o que é imprescindible facilitar unha conta persoal de correo electrónico.

Os datos persoais con que a persoa se inscriba na Rede CeMIT serán os que se tomen de referencia durante todo o proceso de selección para a participación nas probas e a posterior emisión das certificacións. A Amtega non se fai responsable da emisión de certificacións con datos incorrectos por erros na inscrición ás probas.

3. O prazo de inscrición correspondente a cada convocatoria, que figura na base primeira desta resolución, terá unha duración de dez (10) días naturais contados desde a data de inicio do prazo.

4. En cada convocatoria só se poderá presentar unha solicitude por persoa participante para unha aula, un día e unha hora. As persoas que figuren rexistradas en máis dunha localidade ou quenda para o mesmo mes de probas o día de finalización do prazo de inscrición serán excluídas automaticamente do proceso de participación.

5. Antes do remate do prazo de inscrición é recomendable que as persoas participantes comproben que figuran correctamente rexistradas a súa solicitude, así como os seus datos persoais completos no enderezo electrónico https://aulascemit.xunta.es/usuarios

Cuarta. Criterios de selección

1. Para a cobertura inicial das prazas, no caso de que houbese máis solicitudes que prazas dispoñibles, terán preferencia só para os efectos da convocatoria do nivel intermedio aquelas persoas solicitantes que posúan o diploma de aproveitamento do curso (equivalente a 10 ECTS) de Competencias dixitais intermedias emitido pola Amtega.

2. Se existen máis solicitudes que o número de prazas en cada unha das localidades, as prazas dispoñibles distribuiranse entre as persoas inscritas en tempo e forma. A orde de asignación será o resultado dun sorteo público, que se realizará unha vez finalizado o prazo de inscrición.

3. Para elaborar a listaxe tomarase a data e a hora de rexistro no sistema e asignarase o número un (1) ao primeiro solicitante e así sucesivamente ata o último rexistro.

4. Realizarase un sorteo a través dunha aplicación informática que seleccionará aleatoriamente un único número de entre os que integran a listaxe de solicitantes do punto anterior. Este número corresponderá ao día, hora e minuto concreto en que se realizou a súa inscrición.

5. As prazas adxudicaranse a partir da solicitude correspondente co número determinado no parágrafo anterior da lista previamente ordenada e continuarase, ata esgotar as prazas vacantes e reservadas, para aquelas solicitudes ás cales correspondan os seguintes números segundo a orde ascendente da serie numérica.

6. Para os efectos do punto anterior, no caso de finalizar a lista sen cubrir o número total de prazas dispoñibles, continuarase desde o seu comezo.

7. Os resultados do sorteo publicaranse na web da Rede CeMIT para a súa consulta pública (https://cemit.xunta.gal).

Quinta. Publicación da relación de persoas admitidas

1. Para cada convocatoria publicarase na páxina web https://cemit.xunta.gal unha relación provisional de persoas admitidas, excluídas e en reserva en cada unha das localidades, días e horas de realización, de conformidade co disposto no artigo 45.1.b) da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (BOE núm. 236, do 2 de outubro).

2. As persoas que resulten seleccionadas provisionalmente recibirán un correo electrónico confirmatorio da súa selección e poderán comunicar a súa desistencia para participar na proba nun prazo de sete (7) días naturais desde a publicación da listaxe provisional. Esta renuncia deberá comunicarse obrigatoriamente por correo electrónico ao enderezo formacion-cemit@xunta.gal, mediante o modelo de renuncia dispoñible na web da Rede CeMIT.

No caso de non rexeitala expresamente no citado prazo, entenderase que a persoa seleccionada acepta participar na proba de certificación para a cal foi admitida provisionalmente.

3. Así mesmo, as persoas excluídas, así como aquelas persoas que non figuren en ningunha das listaxes, terán un prazo de dez (10) días naturais desde a devandita publicación para presentaren alegacións, de conformidade co artigo 68.1 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

4. Finalizados os prazos de presentación, publicarase na web da Rede CeMIT (https://cemit.xunta.gal) a listaxe definitiva de persoas admitidas nas probas en cada localidade, día e hora, que incluirá a relación de persoas en reserva que finalmente obtiveron praza tras a renuncia daquelas seleccionadas provisionalmente.

Contra esta listaxe poderase interpoñer recurso de alzada no prazo dun (1) mes desde a devandita publicación, de conformidade co disposto nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

5. Baixo ningunha circunstancia se permitirán cambios ou substitucións de localidades, horas ou días das asignadas as persoas seleccionadas.

Sexta. Procedemento de asignación de prazas non cubertas

1. No caso de que existisen prazas vacantes para realizar as probas despois da publicación da listaxe definitiva de persoas admitidas, abrirase un período extraordinario para a adxudicación destas prazas, que serán publicadas na web CeMIT (https://cemit.xunta.gal) e que poderán ser solicitadas unicamente polas persoas inscritas que figuren nas listaxes de espera e que non obtiveron praza definitiva.

2. O prazo máximo para realizar a solicitude de participación nesta fase será de dous (2) días hábiles, contado desde a comunicación por correo electrónico das prazas dispoñibles e o procedemento para optar a elas.

3. A listaxe final coa adxudicación definitiva das prazas publicarase na páxina web da Rede CeMIT (https://cemit.xunta.gal).

Sétima. Exención do pagamento de taxas de exame

Segundo o establecido no artigo 23.10 da Lei 6/2003, do 9 de decembro, de taxas, prezos e exaccións reguladoras da Comunidade Autónoma de Galicia (DOG núm. 240, do 11 de decembro), referente ás exencións de taxas por servizos administrativos, a matriculación nestas convocatorias estará exenta do pagamento de taxas.

Oitava. Penalizacións

1. Unha vez publicada a listaxe definitiva das persoas participantes, as ausencias á proba deberán ser formalmente comunicadas e xustificadas mediante correo electrónico dirixido a formacion-cemit@xunta.gal

2. Todas as ausencias á proba que non presenten xustificación supoñerán a condición de non presentado da persoa participante, que estará suxeita ás penalizacións indicadas no número 5 desta base.

3. Se o motivo da non presentación é xustificado, deberá presentar o comprobante correspondente a través do correo electrónico para que poida inscribirse na próxima convocatoria.

4. Consideraranse causas xustificadas: accidente, hospitalización, nacemento ou adopción, falecemento dun familiar ata o segundo grao de consanguinidade ou primeiro de afinidade, obrigacións públicas ineludibles e outras de carácter igualmente excepcional.

5. As persoas usuarias non poderán inscribirse nunha nova proba de certificación no prazo de doce meses no caso de non presentación sen xustificación ou de incumprimento grave das normas, calquera que sexa o nivel da certificación. Considéranse infraccións graves das normas as seguintes:

– Uso de material de estudo, acceso a páxinas web non permitidas ou uso doutros recursos que representen unha axuda non permitida á hora de responder as preguntas do exame.

– Anotación ou captura de preguntas do exame que logo poidan filtrarse a outras persoas.

– Calquera conduta sospeitosa que supoña un intento de copia ou fraude identificada polo responsable da proba.

Novena. Desenvolvemento das probas de certificación

1. A proba de certificación para a obtención do certificado ComDix realizarase na plataforma habilitada para o efecto pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia.

2. A estrutura desta proba será a seguinte:

– Estará dispoñible tanto en galego como en castelán, para que a persoa usuaria poida seleccionar o idioma no momento de realizar a proba.

– Constará dun cuestionario composto por entre 60 e 70 preguntas de diversa complexidade que inclúe a avaliación das 21 competencias establecidas na estrutura do Marco galego ComDix.

– Tipoloxía de preguntas: pregunta simple, múltiple, arrastrar, relacionar...

– Non haberá penalización por respostas incorrectas.

– Durante a realización da proba está permitido o acceso á internet e aos programas instalados no equipamento usado para realizar a proba (navegador, solución ofimática e lector de PDF); de feito, para algunhas preguntas será necesario utilizalos.

– O acceso a páxinas ou ferramentas de intelixencia artificial (IA) non está autorizado durante o desenvolvemento da proba e será causa de anulación desta.

– Dispoñerase dun tempo máximo de 90 minutos para realizar a proba.

– Serán consideradas aptas aquelas persoas que superen o 60 % das preguntas referentes a cada unha das 5 áreas e o 70 % do total das preguntas.

– Se algunha persoa candidata non finaliza a proba no tempo establecido, o exame darase por concluído e enviarase automaticamente para a súa corrección.

– Unha vez que a persoa candidata complete a súa proba poderá coñecer a súa puntuación, o seu resultado (apto/a ou non apto/a) e o número de respostas incorrectas.

3. As persoas con discapacidade legalmente recoñecida poderán solicitar a adaptación do tempo ou dos medios necesarios para realizar a proba. Esta adaptación deberá comunicarse cunha antelación mínima de cinco (5) días á data de realización da proba por correo electrónico ao enderezo formacion-cemit@xunta.gal

4. Non se autoriza o uso de dispositivos electrónicos ou calquera outro material adicional durante o desenvolvemento das probas de certificación.

Décima. Corrección e revisión das probas

1. Inmediatamente despois de finalizar a proba, na mesma plataforma de certificación, as persoas participantes poderán realizar observacións e/ou solicitar a revisión dalgunha pregunta con que estean en desacordo.

2. Posteriormente, levarase a cabo unha análise das preguntas obxecto de revisión para determinar a súa admisión, anulación ou a súa posible modificación.

3. As preguntas que resulten anuladas poden supoñer un cambio nos resultados das persoas participantes non aptas. Estas anulacións non afectarán negativamente as cualificacións obtidas por aquelas persoas que xa obtivesen a puntuación de apto/a.

4. A modificación dos resultados finais tras a revisión de preguntas realizaraa de oficio a Administración e será notificada ás persoas participantes afectadas.

Décimo primeira. Publicación da relación dos resultados finais

1. Finalizado todo o proceso de corrección e revisión das preguntas, publicarase na páxina web https://cemit.xunta.gal un anuncio coas preguntas anuladas que puidesen afectar os resultados iniciais das persoas participantes na convocatoria e a listaxe final de persoas aptas con dereito a certificación.

2. As persoas que resulten aptas recibirán un correo electrónico confirmando o seu resultado e indicando os seus datos persoais e información relacionada coa realización da proba, como xustificante provisional ata a emisión do certificado final.

Décimo segunda. Emisión da certificación ComDix

1. Esta certificación será emitida de oficio conforme o procedemento establecido no Marco galego de competencias dixitais e de acordo co que se recolle no documento «Bases para o desenvolvemento do Marco galego de competencias dixitais».

2. Esta acreditación terá unha validez de cinco anos a partir da data de expedición.

Décimo terceira. Notificacións

1. As persoas que superen as probas de certificación serán notificadas preferentemente por medios electrónicos, e poderán decidir e comunicar en calquera momento que as sucesivas notificacións se realicen ou se deixen de realizar por medios electrónicos.

2. As notificacións electrónicas realizaranse a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal/). Este sistema enviará ás persoas interesadas avisos da dispoñibilidade das notificacións mediante un correo electrónico dirixido ao enderezo de correo incluído na solicitude para os efectos de notificación.

3. As notificacións realizadas por medios electrónicos consideraranse realizadas no momento de acceder ao seu contido. Cando a notificación por medios electrónicos sexa obrigatoria, ou fose expresamente elixida pola persoa interesada, considerarase rexeitada cando transcorran dez días naturais desde que se puxo á disposición a notificación sen acceder ao seu contido.

4. Se por problemas técnicos non é posible o envío da notificación electrónica, realizarase a notificación polos medios previstos na normativa que regula o procedemento administrativo común.

Décimo cuarta. Facultades da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia

1. Resolver aquelas incidencias que se poidan producir no desenvolvemento e xestión das actividades formativas e de certificación. Así mesmo, correspóndelle dispoñer o necesario para a execución e cumprimento desta resolución.

2. Expedir a certificación galega de competencias dixitais a todas aquelas persoas que superen con éxito a proba de certificación, segundo o disposto no Decreto 123/2021, do 2 de setembro, polo que se regula esta certificación.

Décimo quinta. Información sobre protección de datos persoais

1. Os datos persoais recollidos neste procedemento serán tratados na súa calidade de responsable pola Xunta de Galicia, Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, coa finalidade de levar a cabo a inscrición, selección e xestión xeral desta convocatoria de probas de certificación.

2. O tratamento de datos baséase no cumprimento dunha misión de interese público ou no exercicio de poderes públicos, de conformidade co disposto na Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, e no Decreto 123/2021, do 2 de setembro, polo que se regula o Marco galego de competencias dixitais e a certificación galega en competencias dixitais, nesta convocatoria e nas referencias recollidas en https://www.xunta.gal/informacion-xeral-proteccion-datos

3. Os datos poderán ser comunicados a terceiros colaboradores para a expedición do certificado de competencias dixitais, coa finalidade de informar as persoas interesadas sobre o seu desenvolvemento e xestionar a súa expedición e arquivamento. Determinados datos tamén poderán ser comunicados a entidades que colaboren na supervisión e xestión de probas de coñecementos ou de avaliación, para que non se cometan irregularidades.

4. Para dar a publicidade requirida ao procedemento, de acordo co disposto na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, os datos identificables das persoas interesadas publicaranse de conformidade co que se describe nesta resolución a través dos distintos medios de comunicación institucional de que dispón a Xunta de Galicia, tales como xornais oficiais, páxinas web ou taboleiros de anuncios.

5. As persoas interesadas poderán solicitar ao responsable o acceso, rectificación e supresión dos seus datos, así como exercer outros dereitos a través da sede electrónica da Xunta de Galicia, persoalmente ou nos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, segundo se explicita na información adicional recollida en https://www.xunta.gal/informacion-xeral-proteccion-datos

6. Información adicional e contacto co delegado de protección de datos en: https://www.xunta.gal/informacion-xeral-proteccion-datos