DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 165 Martes, 1 de setembro de 2026 Páx. 47483

III. Outras disposicións

Axencia Galega das Industrias Culturais

RESOLUCIÓN do 26 de agosto de 2026 pola que se modifica a Resolución do 16 de decembro de 2026 pola que se establecen as bases reguladoras, en réxime de concorrencia competitiva, das subvencións para a produción e coprodución de proxectos audiovisuais galegos, e se convocan para o ano 2026 (código de procedemento CT207A).

Con data do 28 de xaneiro de 2026 publícase no Diario Oficial de Galicia número 18, a Resolución do 16 de decembro de 2026 pola que se establecen as bases reguladoras, en réxime de concorrencia competitiva, das subvencións para a produción e coprodución de proxectos audiovisuais galegos, e se convocan para o ano 2026 (código de procedemento CT207A).

A Resolución do 16 de xaneiro de 2026 establece un crédito para o financiamento da convocatoria de 3.500.000 euros con cargo á aplicación orzamentaria 10.A1.432B.770.0 do código de proxecto 2010 00005 do orzamento de gasto da Axencia Galega das Industrias Culturais, posibilitando que os importes previstos poidan ser incrementados ao longo do exercicio orzamentario, nos supostos establecidos no artigo 31.2 da Lei de subvencións de Galicia, e tras a declaración previa de dispoñibilidade de crédito, logo da modificación orzamentaria que proceda.

Por outra banda, o artigo 26.3 do regulamento da Lei de subvencións de Galicia posibilita a modificación da distribución por anualidades inicialmente prevista nas bases reguladoras establecendo que será necesario a tramitación do correspondente reaxustamento de anualidades no expediente de gasto.

O artigo 27.1 do devandito regulamento establece que, cando como consecuencia da modificación da resolución de concesión, varíe o importe correspondente a cada ano, será necesario tramitar un expediente de reaxustamento de anualidades no expediente de gasto.

Con posterioridade a este feito, ten lugar a comunicación do director xeral do Instituto da Cinematografía e das Artes Visuais (ICAA) en que indica que a dotación económica do fondo para o fomento da produción, distribución, exhibición e promoción do audiovisual en lingua cooficial distinta ao castelán que recibirá a Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2026 ascende a un total de 690.461,85 euros, que se reparten no capítulo VI 100.000 euros, e 590.461,85 euros no capítulo VII.

Polo exposto, e para poder dar cumprimento ás obrigas que comporta a aceptación deste crédito, proponse a modificación da fonte de financiamento de parte do importe total destinado a esta convocatoria segundo se reflicte no cadro de financiamento, así como a nova redistribución por categorías, tendo en conta que non se modifica a contía total por beneficiario e proxecto previstas no punto 5 do artigo 3.

Así pois, de acordo co exposto e co establecido na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento, así como nos preceptos básicos da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e no Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, polo que se aproba o Regulamento xeral de subvencións, e en virtude das atribucións que me foron concedidas.

RESOLVO:

Primeiro. Modificar o artigo 3 da convocatoria, que resulta redactado como segue:

«Artigo 3. Financiamento

Os créditos dispoñibles para o financiamento desta convocatoria ascende a 3.500.000 euros, que se imputará aos orzamentos da Axencia Galega das Industrias Culturais para 2026, nas aplicacións, polos importe e pola distribución plurianual que se reflicten no cadro seguinte:

Aplicación orzamentaria

Anualidade

Código de proxecto

Fonte de financiamento

Importe

Total

13.A1.432B.770.0

2026

2010 00005

FCA

70.000,00 €

350.000,00 €

2026 00004

Fondos finalistas do Estado

280.000,00 €

2027

2010 00005

FCA

541.138,15 €

851.600,00 €

2026 00004

Fondos finalistas do Estado

310.461,85 €

2028

2010 00005

FCA

1.047.800,00 €

1.047.800,00 €

2029

2010 00005

FCA

1.250.600,00 €

1.250.600,00 €

Total

3.500.000,00 €»

Segundo. Modificar o artigo 3, puntos 1 e 2 das bases reguladoras, que resultan redactados como seguen:

«Artigo 3. Financiamento, contías máximas e intensidade das axudas

1. O importe global máximo para o financiamento desta convocatoria será de 3.500.000 euros, con cargo á aplicación orzamentaria 13.A1.432B.770.0 do orzamento de gasto da Axencia Galega das Industrias Culturais, códigos de proxecto 2010 00005 e 2026 00004.

2. Esta convocatoria ten carácter plurianual, polo que os créditos deben asignarse por categoría e anualidades. Esta asignación reflíctese no cadro seguinte:

 

2026

2027

2028

2029

Total

Categoría A: longametraxes cinematográficas de ficción e/ou animación

204.000 €

448.800 €

632.400 €

754.800 €

2.040.000 €

Categoría B: longametraxes cinematográficas de tipo documental

58.000 €

127.600 €

179.800 €

214.600 €

580.000 €

Categoría C : longametraxes en coprodución internacional con participación minoritaria española (ficción, animación, documental)

48.000 €

105.600 €

148.800 €

177.600 €

480.000 €

Categoría D: curtametraxes (ficción, animación, documental)

12.000 €

108.000 €

 

 

120.000 €

Categoría E: series para TV e plataformas VOD

E1. Ficción

28.000 €

61.600 €

86.800 €

103.600 €

280.000 €

E2. Animación

Total

350.000 €

851.600 €

1.047.800 €

1.250.600 €

3.500.000 €»

Terceiro. Modificar o artigo 20, puntos 6 e 7, que quedan redactados como seguen:

«Artigo 20. Obrigas das persoas beneficiarias

... 6. Nos títulos de crédito iniciais da produción deberá figurar en cartón único: “coa subvención da Xunta de Galicia (https://www.xunta.gal/identidade-corporativa/marca-principal), así como a marca oficial do Xacobeo 2027 e en cartón único do Instituto da Cinematografía e das Artes Audiovisuais (https://www.cultura.gob.es/cultura/areas/cine/sobre-el-icaa/imagen-icaa/logotipo-icaa.html), utilizando a imaxe gráfica corporativa que se descargará das páxinas oficiais de ambos os dous organismos.

Así mesmo, en todos os materiais de promoción, distribución e publicidade da obra (carteis, músicas, portadas e outros materiais), farase constar que a produción foi subvencionada pola Xunta de Galicia e a marca oficial do Xacobeo 2027 e o Instituto da Cinematografía e das Artes Audiovisuais, utilizando igualmente as marcas principais. Cando se trate de series de ficción, animación ou documentais a lenda e a marca figurarán no primeiro capítulo e nos créditos finais dos restantes. Calquera alteración das indicacións anteriores deberá ser motivada e contar coa autorización previa expresa da Agadic.

7. Facer constar na súa publicidade, incluída a realizada a través de páxinas web, ou unha información que xeren en relación co proxecto subvencionado, o financiamento dos seus proxectos pola Xunta de Galicia e o Instituto da Cinematografía e das Artes Audiovisuais. Os custos correspondentes á dita publicidade serán por conta da persoa beneficiaria da subvención”».

Disposición adicional única

Contra esta resolución, que esgota a vía administrativa, poderá interpoñerse recurso potestativo de reposición no prazo dun mes ante o presidente do Consello Reitor, contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, ou directamente recurso contencioso-administrativo ante os tribunais de instancia, sección do contencioso-administrativo de Santiago de Compostela, no prazo de dous meses, contados a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Disposición derradeira

Esta resolución entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 26 de agosto de 2026

José Carlos López Campos
Presidente do Consello Reitor da Axencia Galega
das Industrias Culturais