DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 165 Martes, 1 de setembro de 2026 Páx. 47478

III. Outras disposicións

Consellería de Política Social e Igualdade

EXTRACTO da Orde do 18 de agosto de 2026 pola que se establecen as bases para a concesión das axudas económicas ás familias para a conciliación, en situacións puntuais e períodos de vacacións escolares, a través do programa Bono Concilia Familia, e se procede á súa convocatoria para o ano 2026 (código de procedemento BS412A).

BDNS (Identif.): 926485.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións:

https://www.infosubvenciones.es/bdnstrans/GE/es/convocatoria/926485

Primeiro. Persoas beneficiarias

1. Poderán ser beneficiarias das axudas do programa Bono Concilia Familia os pais/nais e as persoas titoras de nenas e nenos nados entre o 1 de xaneiro de 2013 e o 31 de decembro de 2022, ou as persoas que os/as teñan en situación de acollemento familiar ou garda con fins adoptivos, que residan na Comunidade Autónoma de Galicia.

No suposto de solicitudes da axuda por enfermidade ou accidente da nena ou neno e/ou por necesidades de conciliación da vida persoal, familiar e laboral en períodos de vacacións escolares, os pais/nais, persoas titoras, acolledoras, gardadoras con fins adoptivos, pais/nais con custodia non compartida ou proxenitor de familia monoparental terán que estar traballando. Para os efectos desta epígrafe, as situacións de incapacidade permanente absoluta e grande invalidez dun dos pais/nais, persoas titoras, acolledoras, gardadoras con fins adoptivos, pais/nais con custodia non compartida ou proxenitor de familia monoparental equipáranse a esta situación. Nos supostos de custodia compartida, este requisito de estar traballando entenderase referido ao tempo en que esta custodia se exerza efectivamente, e deberase acreditar que nese período de tempo lle corresponde a garda e custodia á persoa que solicita esta axuda; nestes casos, cada pai/nai deberá presentar unha solicitude individual.

2. Ademais, as persoas beneficiarias teñen que cumprir os requisitos establecidos no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

Segundo. Obxecto

1. Esta orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras polas que se rexerá a concesión de axudas ás familias residentes en Galicia con nenas e nenos nados entre o 1 de xaneiro de 2013 e o 31 de decembro de 2022, para a atención de necesidades de conciliación de carácter puntual ou durante os períodos de vacacións escolares que teñan lugar entre o 1 de xaneiro e o 8 de setembro de 2026 (código de procedemento BS412A), así como proceder á súa convocatoria.

2. Para os efectos desta orde, entenderanse como vacacións escolares os seguintes períodos do ano 2026:

– Do 1 ao 7 de xaneiro.

– Os días 16, 17 e 18 de febreiro.

– Do 30 de marzo ao 6 de abril.

– Do 20 de xuño ao 8 de setembro.

3. As axudas previstas nesta orde tramitaranse baixo o réxime de concorrencia non competitiva, de acordo co previsto no artigo 19.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, dado que polo obxecto e a finalidade das subvencións non será necesaria a comparación e prelación das solicitudes presentadas que reúnan os requisitos establecidos na convocatoria.

Terceiro. Bases reguladoras

Orde do 18 de agosto de 2026 pola que se establecen as bases para a concesión das axudas económicas ás familias para a conciliación, en situacións puntuais e períodos de vacacións escolares, a través do programa Bono Concilia Familia, e se procede á súa convocatoria para o ano 2026 (código de procedemento BS412A).

Cuarto. Financiamento

1. Ao financiamento das axudas obxecto desta convocatoria destínase un orzamento total de dous millóns seiscentos sesenta e tres mil oitocentos sesenta e sete euros (2.663.867,00 €), que se imputará á aplicación orzamentaria 08.02.312B.480.11. 2015 00550.

2. Concederase a subvención en actos sucesivos ata o esgotamento do crédito. A Consellería de Política Social e Igualdade publicará no Diario Oficial de Galicia e no portal da Consellería de Política Social e Igualdade o esgotamento da partida orzamentaria e non admitirá as solicitudes posteriores presentadas para a obtención desta subvención, salvo que se produza un incremento do crédito.

3. De acordo co previsto no artigo 31.2. da Lei 9/2007, do 13 de xuño, excepcionalmente poderase ampliar a contía máxima dos créditos dispoñibles cando o aumento veña derivado dunha xeración, ampliación ou incorporación de crédito, cando existan remanentes doutras convocatorias financiadas con cargo ao mesmo crédito ou a créditos incluídos no mesmo programa ou en programas do mesmo servizo, ou dunha transferencia de crédito. O incremento do crédito queda condicionado á declaración de dispoñibilidade como consecuencia das circunstancias sinaladas e, se é o caso, logo da aprobación da modificación orzamentaria que proceda. A ampliación do crédito publicarase nos mesmos medios que a convocatoria sen que implique a apertura dun prazo para presentar novas solicitudes, nin o inicio dun novo cómputo do prazo para resolver.

Quinto. Accións e gastos subvencionables

1.Para ter dereito ás axudas previstas nesta orde as familias deberán acreditar que se atopan nun dos seguintes supostos:

a) Supostos de necesidades puntuais que a continuación se relacionan:

1º. Enfermidade ou accidente da nena ou neno ou da persoa coidadora habitual.

2º. Asistencia da persoa coidadora habitual a entrevistas de traballo ou cursos de formación que impidan a atención da nena ou neno.

3º. Situacións puntuais de carácter laboral da persoa coidadora habitual que impidan a atención da nena ou neno.

4º. Situacións puntuais de coidado de familiares da nena ou neno ou da persoa coidadora habitual ata o segundo grao de parentesco por consanguinidade ou afinidade, sempre que impidan a atención da nena ou neno pola persoa coidadora habitual.

b) Necesidades de conciliación da vida persoal, familiar e laboral en períodos de vacacións escolares que se producen cando os centros educativos están pechados por vacacións, sempre que os pais/nais, persoas titoras, acolledoras, gardadoras con fins adoptivos, pais/nais con custodia non compartida ou o proxenitor dunha familia monoparental non se poidan facer cargo da atención da nena ou neno por motivos laborais.

2. Poderán ser obxecto de subvención os seguintes gastos derivados dos medios empregados para a atención de nenas e nenos nados entre o 1 de xaneiro de 2013 e o 31 de decembro de 2022, nos supostos previstos no número anterior e realizados dentro do período indicado no artigo 1.1:

1º. Contratación laboral dunha persoa empregada do fogar, de forma temporal, para o coidado da nena ou neno.

2º. Contratación de servizos de atención á infancia a domicilio.

3º. Asistencia a servizos de conciliación autorizados pola Consellería de Política Social e Igualdade, en concreto, atención en ludotecas, espazos infantís ou servizos complementarios de atención á infancia previstos na sección quinta do capítulo III do Decreto 329/2005, do 28 de xullo, polo que se regulan os centros de menores e os centros de atención á infancia.

4º. Asistencia a campamentos ou outros recursos de conciliación colectivos especificamente organizados por calquera persoa física ou xurídica privada, para a atención das nenas e nenos nos períodos de vacacións escolares; polo tanto, exceptúanse os recollidos na Orde do 30 de marzo de 2026 pola que se regula a oferta de prazas para actividades xuvenís dentro do programa Campaña de verán 2026 e se procede á súa convocatoria (código de procedemento BS303A) e calquera outro organizado directa ou indirectamente por calquera Administración pública.

Sexto. Tipo de axuda e contía

1. A axuda consistirá nunha achega que pode acadar ata un máximo do 100 % do custo das actuacións previstas no artigo anterior no caso de familias numerosas, familias monoparentais, familias acolledoras, familias con garda con fins adoptivos, familias en que un ou varios fillos ou fillas conviventes teñan unha discapacidade recoñecida igual ou superior ao 33 % ou familias vítimas de violencia de xénero, e ata un máximo do 75 % no resto dos casos, sempre cun límite:

a) De 500 euros por unidade familiar, no caso de contratación dunha persoa empregada do fogar ou de servizos de atención á infancia a domicilio.

b) De 200 euros por cada nena ou neno no caso de asistencia a servizos de conciliación autorizados pola Consellería de Política Social e Igualdade ou a campamentos ou outros recursos de conciliación colectivos especificamente organizados para a atención dos nenas e nenos nos períodos de vacacións escolares.

2. Cada suposto de conciliación a que dá cobertura esta orde poderá ser obxecto dunha axuda dentro das dispoñibilidades orzamentarias, pero só se poderá presentar unha única solicitude por nena ou neno, agás nos casos de custodia compartida, e só por un dos tipos de gasto recollidos no número 2 do artigo 4.

Sétimo. Lugar e prazo de presentación das solicitudes

1. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal e deberase realizar unha única solicitude por neno ou nena, agás nos caso de custodia compartida, e por un único tipo de gasto. En caso de se presentar máis dunha solicitude, atenderase á primeira solicitude realizada.

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario/a e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

2. O prazo de presentación de solicitudes será dun mes e comezará ás 9.00 horas do día 9 de setembro de 2026 e finalizará o día 9 de outubro de 2026, ás 14.00 horas. 

Santiago de Compostela, 18 de agosto de 2026

Fabiola García Martínez
Conselleira de Política Social e Igualdade