De conformidade co establecido nos artigos 88.2 e 92 da Lei 2/2015, do 29 de abril, do emprego público de Galicia, e nos artigos 6.2, 8 e sección 3ª do capítulo II do Decreto 151/2022, do 4 de agosto, polo que se aproba o Regulamento dos procedementos de mobilidade do persoal funcionario de carreira da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia e das entidades públicas instrumentais integrantes do sector público autonómico, e en uso das atribucións conferidas polo artigo 17.2.c) da citada lei, esta consellería
DISPÓN:
Primeiro. Anunciar a convocatoria para cubrir, polo sistema de libre designación, o posto de traballo que se indica no anexo I desta resolución.
Segundo. Poderá concorrer a ela o persoal funcionario de carreira que reúna os requisitos que se sinalan no anexo I para o posto de traballo.
Terceiro. As solicitudes para participar nesta convocatoria presentaranse no Rexistro Xeral da Xunta de Galicia (Edificio Administrativo de San Caetano, Santiago de Compostela), nos seus departamentos territoriais ou por calquera dos medios que establece o artigo 16 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, no prazo de quince (15) días, que se contarán a partir do seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia, segundo o modelo que se inclúe no anexo II.
Cuarto. As persoas aspirantes deberán xuntar un currículo á súa solicitude e xustificar documentalmente os méritos que aleguen.
Quinto. A Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional resolverá esta convocatoria. No caso de que resulte seleccionada/o para ocupar o posto de traballo que se anuncia no anexo I desta resolución unha/un funcionaria/o con destino noutras administracións públicas, requirirase o informe favorable do departamento onde preste servizos. Este considerarase favorable de non emitirse no prazo de quince (15) días, conforme o previsto no artigo 67 do Real decreto 364/1995, do 10 de marzo, e demais disposicións concordantes.
Unha vez que se tramite o seu traslado a esta comunidade autónoma, adxudicaráselle o posto para o cal foi seleccionada/o. Se no prazo de dous meses, a partir da publicación no Diario Oficial de Galicia da resolución pola que se resolva a convocatoria, a/o funcionaria/o seleccionada/o non se puidese incorporar á comunidade autónoma, considerarase deserto o posto e poderá procederse de novo á súa provisión.
Sexto. A resolución desta convocatoria farase pública no Diario Oficial de Galicia e poderá declararse deserto o posto de traballo, de considerarse oportuno.
Sétimo. O prazo de toma de posesión do posto adxudicado será de tres (3) días hábiles se non implica cambio de residencia ou de sete (7) días hábiles se comporta cambio de residencia. Cando a persoa adxudicataria do posto obteña coa súa toma de posesión o reingreso ao servizo activo, o prazo de toma de posesión será dun mes.
O prazo posesorio empezará a contarse a partir do día seguinte ao do cesamento, que deberá producirse dentro dos tres (3) días hábiles seguintes ao da publicación da resolución no Diario Oficial de Galicia, ou desde a data na que se lle comunique a resolución do traslado á comunidade autónoma para o caso de persoal funcionario doutras administracións públicas.
Se a resolución comporta o reingreso ao servizo activo, o prazo de toma de posesión empezará a contar desde o día seguinte ao da publicación da resolución no Diario Oficial de Galicia.
Oitavo. Contra esta resolución, que lle pon fin á vía administrativa, as persoas interesadas poderán formular, con carácter potestativo, un recurso de reposición ante o conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional no prazo dun mes, que se contará desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, de conformidade co establecido na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, ou poderán formular directamente un recurso contencioso-administrativo ante o xulgado do contencioso-administrativo competente no prazo de dous meses, que se contarán a partir da mesma data, segundo o establecido na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.
Santiago de Compostela, 27 de agosto de 2026
Román Rodríguez González
Conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional
ANEXO I
Denominación do posto: xefatura do Servizo de Financiamento do Sistema Universitario.
Código do posto: ED.401.00.000.15770.015.
Dependencia: Secretaría Xeral de Universidades.
Localidade: Santiago de Compostela.
Grupo: A1-A2.
Nivel: 28.
Corpo ou escala: xeral.
Complemento específico: 19.990,04 euros.
Tipo de adscrición: A11.
Formación específica: 640.
Descrición dos códigos:
A11-Adscrición indistinta a funcionariado da Xunta de Galicia, Estado e comunidades autónomas.
640-Para persoal doutra Administración, curso de perfeccionamento de galego (requisito indispensable).
