DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 169 Luns, 7 de setembro de 2026 Páx. 48236

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía e Industria

RESOLUCIÓN do 12 de agosto de 2026, do Departamento Territorial de Pontevedra, pola que se conceden as autorizacións administrativas previa e de construción dunha instalación eléctrica no concello de Salvaterra de Miño (expediente IN407A 2026/094-4).

Expediente: IN407A 2026/094-4.

Promotora: Electra Alto Miño Distribuidora de Energía, S.L.U.

Denominación: LMTS de unión LMT Muguiña-2 con LMT Limeres (peche do bucle) e dous CS.

Concello: Salvaterra de Miño.

Feitos:

1. O 20.4.2026 a empresa Electra Alto Miño Distribuidora de Energía, S.L.U. solicitou a autorización administrativa previa e a autorización administrativa de construción da instalación eléctrica denominada LMTS de unión LMT Muguiña-2 con LMT Limeres (peche do bucle) e dous CS.

A solicitude inclúe o proxecto de execución asinado polo enxeñeiro técnico industrial Emilio Gómez Ramos, colexiado 3637 do Colexio Oficial de Enxeñeiros Técnicos Industriais de Vigo, e contén un orzamento total de 177.660,71 euros.

Examinado o proxecto de execución, conclúese que ten como finalidade a instalación de dous centros de seccionamento e unha liña de media tensión subterránea (LMTS) para pechar o bucle entre as LMT Arantei-Muguiña-2 e LMT Limeres.

2. Este departamento territorial solicitou o preceptivo informe ás distintas administracións, organismos ou, de ser o caso, empresas de servizos de interese xeral afectadas, isto é, o Concello de Salvaterra de Miño, a Confederación Hidrográfica do Miño-Sil, a Axencia Galega de Infraestruturas, o Servizo de Montes e a Sección de Minas de Pontevedra. A empresa manifestou a súa conformidade cos condicionados emitidos polo Servizo de Montes e pola Sección de Minas de Pontevedra.

Os demais organismos non emitiron os condicionados técnicos, entendéndose en consecuencia a súa conformidade coa autorización de construción da dita infraestrutura eléctrica, conforme o disposto no artigo 131 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro; sen prexuízo da autorización que lles corresponda outorgar.

3. O 25.6.2026 os servizos técnicos deste departamento territorial emitiron un informe favorable ás autorizacións administrativas previa e de construción da instalación eléctrica LMTS de unión LMT Muguiña-2 con LMT Limeres (peche de bucle) e dous CS.

Consideracións legais e técnicas:

1. O Departamento Territorial de Pontevedra é competente para resolver este expediente con fundamento no Decreto 140/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Economía e Industria (DOG núm. 101, do 27 de maio) e no Decreto 9/2017, do 12 de xaneiro, polo que se establecen os órganos competentes para a resolución dos procedementos de autorización de instalacións eléctricas que sexan competencia da Comunidade Autónoma de Galicia (DOG núm. 22, do 1 de febreiro).

2. A lexislación de aplicación ao presente expediente é:

– Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico.

– Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

– Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público.

– Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia.

– Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica.

– Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en liñas eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-LAT 01 a 09.

– Real decreto 337/2014, do 9 de maio, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-RAT 01 a 23.

3. As características técnicas da instalación son as que a seguir se describen:

– Centro de seccionamento (CS) Muguiña 2, en caseta prefabricada tipo CMS-21, con tres celas (unha de entrada e dúas de saída) compactas, 630 a 24 kV libres de SF6.

– CS Limeres, en caseta prefabricada tipo CMS-21, con tres celas (unha de entrada e dúas de saída) compactas, 630 a 24 kV libres de SF6.

– Liña de media tensión subterránea (LMTS) a 20 kV, con condutor RHZ1 3x(1x240) mm² Al 18/30 KV, de 990 metros de lonxitude, anel desde a cela de saída do CS proxectado Muguiña-2, ata a cela de entrada do CS proxectado Limeres.

– LMTS a 20 kV, con condutor RHZ1 3x(1x95) mm² Al 18/30 kV, de 20 metros de lonxitude, con saída desde a cela do CS proxectado Muguiña-2, ata o paso aéreo-subterráneo (PAS) do apoio do centro de transformación (CT) Muguiña-2 (AMA252) existente.

– LMTS a 20 kV, con condutor RHZ1 3x(1x95) mm² Al 18/30 kV, de 30 metros de lonxitude, con saída desde a cela do CS proxectado Limeres, ata a arqueta existente, en que se realiza entroncamento coa LMTS de acometida ao CT Limeres (Bodegas La Val) existente.

A instalación está situada no lugar de Muguiña, na parroquia de Arantei, no concello de Salvaterra de Miño (Pontevedra).

Conforme o indicado,

RESOLVO:

Outorgar á empresa Electra Alto Miño Distribuidora de Energía, S.L.U. as autorizacións administrativas previa e de construción da instalación de distribución de enerxía eléctrica denominada LMTS de unión LMT Muguiña-2 con LMT Limeres (peche de bucle) e dous CS, expediente IN407A 2026/094-4.

Estas autorizacións outórganse sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros necesarios para a realización das obras da instalación autorizada e de acordo coas seguintes condicións:

1. As características da instalación axustaranse en todas as súas partes ás que figuran no proxecto de execución, ás condicións técnicas e de seguridade establecidas nos regulamentos de aplicación e aos condicionados técnicos impostos polas administracións públicas, organismos ou empresas que presten servizos públicos ou de interese económico xeral, no relativo aos bens e dereitos da súa propiedade que se atopen afectados pola instalación, en especial os relativos ás distancias de seguridade, cruzamentos e paralelismos prescritos pola normativa vixente.

2. A empresa promotora asegurará o mantemento e a vixilancia correcta das instalacións durante a construción e despois da súa posta en servizo, co fin de garantir que, en todo momento, se manterán as condicións regulamentarias de seguridade.

3. En todo momento se deberán cumprir as normas e as directrices vixentes que resulten de aplicación, en particular, canto establece o Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en liñas eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-LAT 01 a 09 e o Real decreto 337/2014, do 9 de maio, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-RAT 01 a 23.

4. O prazo para a posta en marcha das instalacións que se autorizan será de doce meses, contados a partir da data da última autorización administrativa necesaria para a execución. Unha vez constituídas estas instalacións, a empresa promotora deberá presentar a solicitude de autorización de explotación ante este departamento territorial, acompañada da seguinte documentación:

– As declaracións de conformidade relativas ao material ou ao equipamento e as certificacións ou homologacións, se procede.

– Un certificado de dirección final de obra en que se garantirá o cumprimento das especificacións do proxecto e das prescricións complementarias, se as houber, así como das regulamentacións e normas axeitadas para a montaxe da instalación e posta a punto.

– Planimetría as built da instalación eléctrica en formato shape.

O incumprimento das condicións e dos requisitos establecidos nesta resolución poderá dar lugar á súa revogación, logo da audiencia á promotora, de conformidade co disposto no artigo 53.10 da Lei 24/2013, do 26 de decembro.

Contra esta resolución, que non é definitiva en vía administrativa, poderase interpoñer recurso de alzada ante a conselleira de Economía e Industria da Xunta de Galicia, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación ou publicación, de acordo co disposto nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, sen prexuízo de que as persoas interesadas poidan interpoñer calquera outro recurso que consideren pertinente.

Pontevedra, 12 de agosto de 2026

Beatriz López del Olmo
Directora territorial de Pontevedra