DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 169 Luns, 7 de setembro de 2026 Páx. 48162

III. Outras disposicións

Consellería de Emprego, Comercio e Emigración

ORDE do 2 de setembro de 2026 pola que se amplía a dotación orzamentaria das subvencións convocadas ao abeiro da Orde do 27 de maio de 2026 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das subvencións para a promoción da artesanía galega e o fomento da súa comercialización, e se convocan para o ano 2026 (código de procedemento IN201G).

A Orde do 27 de maio de 2026, publicada no Diario Oficial de Galicia número 109, do venres 12 de xuño, establece as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das subvencións para a promoción da artesanía galega e o fomento da súa comercialización, e convoca esas subvencións para o ano 2026 (código de procedemento IN201G).

No artigo 2 da convocatoria establécese que as devanditas subvencións serán financiadas co crédito correspondente ás aplicacións orzamentarias seguintes dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma para o ano 2026:

Aplicación orzamentaria

Importe (€)

Beneficiarias/os

14.06.751A.470.11. Comercialización artesanía de Galicia. Obradoiros artesáns.

180.000,00 €

Artigo 5 do anexo I

14.06.751A.460.11. Comercialización artesanía de Galicia. Corporacións locais.

50.000,00 €

Artigo 6 do anexo I

14.06.751A.481.11. Comercialización artesanía de Galicia. Asociacións profesionais artesanais.

35.000,00 €

Artigo 7 do anexo I

Por outra banda, no artigo 2.2 do anexo I sinálase que se poderán incrementar as contías previstas en función das solicitudes presentadas e de acordo coa dispoñibilidade de crédito. Nestes casos publicarase a ampliación de crédito polos mesmos medios que a convocatoria, sen que tal publicidade implique a apertura de prazo para presentar novas solicitudes nin o inicio dun novo cómputo de prazo para resolver.

Co obxecto de poder amparar o maior número de solicitudes, e posto que a dotación inicial resulta insuficiente, mediante a presente orde increméntase a dotación orzamentaria consignada inicialmente, dada a existencia de remanentes de créditos incluídos en programas do mesmo servizo.

A teor do exposto, en virtude das competencias que ten atribuídas a Consellería de Emprego, Comercio e Emigración en materia de comercio interior, e no exercicio das atribucións que me foron conferidas,

DISPOÑO:

Artigo único. Financiamento

1. Amplíase a dotación orzamentaria prevista na Orde do 27 de maio de 2026 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das subvencións para a promoción da artesanía galega e o fomento da súa comercialización, e se convocan para o ano 2026 (código de procedemento IN201G) (DOG núm. 109, do venres 12 de xuño).

2. O incremento da dotación será de 10.000,00 € con cargo á aplicación orzamentaria 14.06.751A.470.11 («Comercialización artesanía de Galicia. Obradoiros artesáns») dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2026.

Unha vez efectuado este incremento, o importe da dotación orzamentaria da aplicación 14.06.751A.470.11 ascende a 190.000,00 €, e o importe total da orde de axudas ascende a 275.000,00 €.

Disposición derradeira única. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 2 de setembro de 2026

José González Vázquez
Conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración