DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 171 Mércores, 9 de setembro de 2026 Páx. 48382

III. Outras disposicións

Escola Galega de Administración Pública

RESOLUCIÓN do 1 de setembro de 2026 pola que se convoca o Curso de contratación pública de traballos de arquitectura.

Conforme os fins que lle asigna á Escola Galega de Administración Pública (EGAP) a normativa que a regula (Lei 4/1987, do 27 de maio, de creación da Escola Galega de Administración Pública, modificada pola Lei 10/1989, do 10 de xullo),

RESOLVO:

Convocar, en colaboración co Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia (COAG), o Curso de contratación pública de traballo de arquitectura, de acordo coas bases que se indican a seguir:

Primeira. Obxectivos

O curso ten como finalidade proporcionar ao alumnado os coñecementos necesarios para poder xestionar con solvencia todos os procesos relacionados coa contratación pública de obras de arquitectura.

Segunda. Estrutura e contidos

O curso estrutúrase en varias xornadas en que se abordará o marco xurídico da contratación pública de obras de arquitectura, así como as distintas fases do proceso de contratación, desde a definición da estratexia, a elaboración dos pregos e os procedementos de licitación ata a execución, a finalización e a recepción das obras.

Analizaranse as principais cuestións prácticas, custos e problemáticas asociadas a cada fase, complementando os contidos coa presentación de casos de éxito e da ferramenta informática PAUTA, desenvolvida polo COAG para facilitar a convocatoria de concursos de arquitectura e a estimación dos custos de obra e proxecto.

Terceira. Persoas destinatarias

O curso está dirixido a:

– Arquitectos/as interesados/as en ampliar os seus coñecementos con formación especializada no ámbito da contratación pública de obras de arquitectura e en coñecer en profundidade todos os procedementos vinculados a este tipo de contratación, en aplicación do seu marco xurídico definido pola Lei de contratación pública, Lei 9/2022, do 14 de xuño, de calidade da arquitectura, e a Lei 2/2017, do 8 de novembro, de contratos do sector público.

– Secretarios/as e interventores das administracións locais de Galicia.

– Persoal das distintas administracións públicas de Galicia: persoal funcionario de carreira, persoal interino dos grupos A e B e persoal laboral dos grupos I ou II, que posúan o título de grao, licenciatura ou máster, arquitecto, arquitecto técnico ou enxeñeiro.

Cuarta. Desenvolvemento

Lugar: Escola Galega de Administración Pública, rúa Madrid, 2-4. Santiago de Compostela.

Datas: 23 e 30 de setembro; 7, 14 e 21 de outubro de 2026.

Horarios: de mañá e tarde; das 10.00 ás 14.30 horas e das 16.00 ás 18.00 horas.

Horas lectivas: trinta e tres (33).

Quinta. Número de prazas

Cincuenta (50).

Sexta. Inscrición

As persoas interesadas deberán formalizar a súa inscrición cubrindo o formulario que para ese efecto figurará na páxina web do COAG (https://www.coag.es), na sección do curso, acreditando a documentación requirida:

– Arquitectos/as, arquitectos/as técnicos/as ou enxeñeiros/as: título de grao, licenciatura ou máster.

– Persoal empregado público: certificación de funcións, cabeceira de nómina, toma de posesión, nomeamento.... e título de grao, licenciatura ou máster, arquitecto, arquitecto técnico ou enxeñeiro.

Non é necesario que acheguen documentación acreditativa:

– Arquitectos/as colexiados/as no Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia.

– Secretarios e interventores das administracións locais colexiados en COSITAL.

O prazo para a inscrición estará aberto desde as 9.00 horas do primeiro día hábil seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia ata as 23.59 horas do día 20 de setembro de 2026.

Finalizado este prazo publicarase na páxina web do COAG a listaxe provisional de persoas seleccionadas e toda a información necesaria para formalizar o pagamento da matrícula polo importe que corresponda en cada caso.

Modalidades de matrícula e importes:

– Matrícula ordinaria: 100 euros.

– Arquitectos/as colexiados no Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia: 75 euros.

– Arquitectos/as subscritos/as a formación e concursos: 50 euros.

– Persoal empregado público (arquitectos/as e secretarios/as interventores das administracións locais): 50 euros.

Toda a información relativa ao procedemento, aos prazos e aos importes de matrícula estará dispoñible na páxina web do COAG (https://www.coag.es), na sección do curso.

Para formular consultas á área de formación do COAG en relación a calquera aspecto deste curso están dispoñibles os seguintes medios:

– Colexiados/as: a través do panel de servizos do COAG, sección de Formación.

– Non colexiados/as: a través do enderezo de correo electrónico formacion@colexiodearquitectos.org

Sétima. Criterios de selección

A metade das prazas convocadas estarán reservadas para o persoal empregado público indicado na base terceira.

A outra metade das prazas será seleccionada entre as persoas colexiadas e solicitantes con matrícula ordinaria.

O criterio de ordenación subsidiario en cada cota será, en todo caso, a data e a hora de presentación das solicitudes.

Oitava. Publicación da listaxe de persoas seleccionadas. Alegacións

A listaxe provisional de persoas seleccionadas publicarase na páxina web do COAG (https://www.coag.es).

O prazo para achega de alegacións á listaxe provisional será de dous días hábiles a partir da data de publicación, de acordo co establecido nas instrucións do curso, accesibles na web do COAG.

Transcorrido o prazo de alegacións, publicarase na páxina web do COAG (https://www.coag.es) a listaxe definitiva de persoas seleccionadas para esta actividade.

Novena. Cambios ou substitucións na selección, renuncia e asistencia

1. En ningún caso serán admitidos cambios ou substitucións entre as persoas seleccionadas.

2. A renuncia:

a) As persoas seleccionadas só poderán renunciar á actividade formativa:

– Por causa de forza maior suficientemente acreditada.

– Por necesidades do servizo debidamente motivadas por parte dos responsables dos centros directivos.

– Por razóns de conciliación familiar.

– Por outras causas xustificadas documentalmente.

b) A renuncia debe ser comunicada ao COAG o antes posible e, en todo caso e como máximo, antes das 12.00 horas do día 22 de setembro, enviando un correo electrónico a formacion@colexiodearquitectos.org, sen prexuízo do previsto no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (BOE do 2 de outubro).

3. A asistencia e a puntualidade:

a) Son obrigatorias a asistencia ás sesións da actividade formativa e a puntualidade.

b) Durante a actividade formativa realizaranse controis de asistencia e puntualidade.

c) As faltas de asistencia non poden superar en ningún caso o 10 % das horas lectivas do curso. En todo caso, as faltas de asistencia deberán xustificarse documentalmente ante as persoas responsables da actividade formativa nun prazo máximo de 10 días contados a partir do día da falta de asistencia. As persoas que incumpran o especificado anteriormente perderán o dereito ao certificado final desta actividade formativa.

d) Aquelas persoas cuxas faltas de asistencia superen o 50 % das horas lectivas pasarán ao final das listaxes de agarda de todas as actividades formativas da EGAP que soliciten e cuxo prazo de matrícula comece dentro do ano seguinte, contado a partir do día da finalización desta actividade.

Décima. Certificado electrónico de asistencia

Ao final do curso emitirase un certificado electrónico de asistencia descargable desde a área de matrícula da EGAP (https://egap.xunta.gal/matricula), a aquelas persoas inscritas que cumpran todos os requisitos establecidos.

O certificado estará asinado electronicamente pola EGAP e incluirá, de forma expresa, o contido, a carga lectiva, a modalidade de impartición, as datas e o lugar de realización do curso, así como un código de verificación electrónica (CVE) para contrastar a súa autenticidade.

Unha vez finalizado o curso, para poder emitir os certificados electrónicos de asistencia ás persoas con dereito á súa emisión, é imprescindible que as persoas inscritas estean rexistradas na área de matrícula da EGAP e teñan actualizados os seus datos. De non ser así, non se procederá á emisión do certificado.

Décimo primeira. Facultades da EGAP e do COAG

1. A EGAP e o COAG reservan para si a facultade de modificar o programa, interpretar e resolver as incidencias que poidan xurdir no desenvolvemento deste curso, así como a facultade de cancelalo se o escaso número de solicitudes non xustificase a súa realización.

2. A realización deste curso queda condicionada tamén á formalización de matrículas, así como ao pagamento das matrículas. No caso de que, por insuficiencia de matrículas, non sexa posible a realización do curso, o COAG procederá á devolución das cantidades aboadas.

En caso de cancelación empregaranse os medios de notificación ás persoas interesadas previstos na normativa vixente.

3. A EGAP e o COAG garantirán na acción derivada desta convocatoria a promoción da igualdade real e efectiva entre mulleres e homes, a eliminación de calquera tipo de discriminación e o fomento dos dereitos de conciliación.

Santiago de Compostela, 1 de setembro de 2026

Sonia Rodríguez-Campos González
Directora da Escola Galega de Administración Pública