DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 174 Luns, 14 de setembro de 2026 Páx. 48741

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía e Industria

RESOLUCIÓN do 24 de outubro de 2025, do Departamento Territorial de Pontevedra, pola que se conceden as autorizacións administrativas previa e de construción dunha instalación eléctrica no concello de Pontevedra (expediente IN407A 2025/033-4).

Expediente: IN407A 2025/033-4.

Promotora: Inmobiliaria Ponteno, S.L.U.

Denominación: LMTS, CT-1 e CT-2, no polígono comercial do Vao.

Concello: Pontevedra.

Feitos:

1. O 12 de febreiro de 2025, a empresa Inmobiliaria Ponteno, S.L.U. solicitou a autorización administrativa previa e a autorización administrativa de construción da instalación eléctrica denominada LMTS, CT-1 e CT-2, no polígono comercial do Vao.

A solicitude inclúe o proxecto de execución asinado polo enxeñeiro técnico industrial Luis A. Tizón Cabaleiro, colexiado 2449 do Colexio Oficial de Enxeñeiros Técnicos Industriais de Vigo, e contén un orzamento total de 707.683,64 euros.

Unha vez examinado o proxecto de execución, conclúese que ten como finalidade atender a necesidade de subministración eléctrica aos establecementos comerciais e servizos xerais do polígono comercial do Vao, no concello de Pontevedra, mediante as seguintes actuacións:

– Instalación dun centro de distribución e transformación (CT-1) de 630 kVA de potencia en edificio de obra civil.

– Instalación dun centro de transformación (CT-2) de 630 kVA de potencia en edificio de obra civil.

– Instalación dunha liña de media tensión subterránea (LMTS) de 1.820 metros en dobre circuíto para dar continuidade á configuración en anel da rede de distribución e alimentar os centros de transformación proxectados (CT-1 e CT-2), así como os centros de transformación existentes (36CDM3 e 36CDM4).

As instalacións eléctricas proxectadas serán cedidas á empresa distribuidora da zona, neste caso, UFD Distribución Electricidad, S.A.

2. Este departamento territorial solicitoulles o preceptivo informe ás distintas administracións, organismos ou, de ser o caso, empresas de servizos de interese xeral afectadas, isto é, o Concello de Pontevedra, a Axencia Galega de Infraestruturas, Augas de Galicia, a Demarcación de Costas do Estado e o Servizo do Patrimonio Cultural. A empresa promotora manifestou a súa conformidade cos condicionados emitidos polo Concello de Pontevedra, Augas de Galicia e o Servizo do Patrimonio Cultural.

Os demais organismos non emitiron os condicionados técnicos, polo que se entende a súa conformidade coa autorización de construción da devandita infraestrutura eléctrica, conforme ao disposto no artigo 131 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, sen prexuízo da autorización que lles corresponda outorgar.

3. O 28 de maio de 2025, os servizos técnicos deste departamento territorial emitiron un informe favorable ás autorizacións administrativas previa e de construción da instalación eléctrica LMTS, CT-1 e CT-2, no polígono comercial do Vao.

Consideracións legais e técnicas:

1. O Departamento Territorial de Pontevedra é competente para resolver este expediente, conforme ao Decreto 140/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Economía e Industria (DOG núm. 101, do 27 de maio) e no Decreto 9/2017, do 12 de xaneiro, polo que se establecen os órganos competentes para a resolución dos procedementos de autorización de instalacións eléctricas que sexan competencia da Comunidade Autónoma de Galicia (DOG núm. 22, do 1 de febreiro).

2. A lexislación de aplicación a este expediente é:

– Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico.

– Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

– Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público.

– Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia.

– Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica.

– Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en liñas eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-LAT 01 a 09.

– Real decreto 337/2014, do 9 de maio, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-RAT 01 a 23.

3. As características técnicas da instalación son as que a seguir se describen:

– Liña de media tensión subterránea (LMTS) a 20 kV, con condutor RHZ1 2OL 12/20 kV 3x(1x240), de 1.820 metros de lonxitude, con orixe no paso aéreo subterráneo no apoio existente A2INPSHF//D8 da liña de media tensión aérea (LMTA) LOZ807A e final no paso aéreo subterráneo no apoio A2KKTBXR//16, con entrada e saída nos centros de transformación proxectados 1 e 2 e nos existentes 36CDM3 e 36CDM4.

– Centro de distribución e transformación 1 (CT núm. 1) a 630 kVA, con relación de transformación 20 kV/400 V.

– Centro de transformación 2 (CT núm. 2) a 630 kVA, con relación de transformación 20 kV/400 V.

A instalación está situada no Vao, no concello de Pontevedra.

Conforme ao indicado,

RESOLVO:

Outorgarlle á empresa Inmobiliaria Ponteno, S.L.U. as autorizacións administrativas previa e de construción da instalación de distribución de enerxía eléctrica denominada LMTS, CT-1 e CT-2, no polígono comercial do Vao, expediente IN407A 2025/033-4.

Estas autorizacións outórganse sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros necesarios para a realización das obras da instalación autorizada e de acordo coas seguintes condicións:

1. As características da instalación axustaranse en todas as súas partes ás que figuran no proxecto de execución, ás condicións técnicas e de seguridade establecidas nos regulamentos de aplicación e aos condicionados técnicos impostos polas administracións públicas, organismos ou empresas que presten servizos públicos ou de interese económico xeral, no relativo aos bens e dereitos da súa propiedade que se atopen afectados pola instalación, en especial os relativos ás distancias de seguridade, cruzamentos e paralelismos prescritos pola normativa vixente.

2. A empresa promotora asegurará o mantemento e a vixilancia correcta das instalacións durante a construción e despois da súa posta en servizo, co fin de garantir que en todo momento se manterán as condicións regulamentarias de seguridade.

3. Deberanse cumprir en todo momento as normas e directrices vixentes que resulten de aplicación, en particular o que establece o Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en liñas eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-LAT 01 a 09, e o Real decreto 337/2014, do 9 de maio, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-RAT 01 a 23.

4. O prazo para a posta en marcha das instalacións que se autorizan será de doce meses, contados a partir da data da última autorización administrativa necesaria para a execución. En todo caso, deberán respectarse os prazos establecidos no artigo 13.9 do Regulamento (UE) 2024/573 do Parlamento Europeo e do Consello, do 7 de febreiro, sobre os gases fluorados de efecto invernadoiro, polo que se modifica a Directiva (UE) 2019/1937 e se derroga o Regulamento (UE) 517/2014 (DOUE núm. 573, do 20 de febreiro), sobre prohibicións para a posta en funcionamento de aparellaxe eléctrica que empregue gases fluorados de efecto invernadoiro ou cuxo funcionamento dependa deles, nun medio illante ou de rotura.

5. Unha vez constituídas estas instalacións, a empresa distribuidora da zona será quen tramite a solicitude de autorización de explotación ante este departamento territorial, acompañada da seguinte documentación:

– As declaracións de conformidade relativas ao material ou equipamento, e as certificacións ou homologacións, se procede.

– Un certificado de dirección final de obra suscrito por unha técnica ou un técnico facultativo competente no que conste que a instalación foi realizada de acordo coas especificacións contidas na autorización de construción, así como coas prescricións da regulamentación técnica de aplicación á materia, segundo a Lei 9/2021 do 25 de febreiro. Este certificado debe cumprir co establecido na Resolución do 12 de xuño de 2025, da Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Minas, pola que se aproban o modelo oficial de certificado de instalación eléctrica en alta tensión, publicada no Diario Oficial de Galicia do 24 de xuño de 2025 e na Instrución 5/2012, do 15 de novembro, da Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas, sobre os criterios que se han aplicar para exixir visado colexial en materias de industria e enerxía.

– Contrato de cesión entre Inmobiliaria Ponteno, S.L.U. (o promotora) e UFD Distribución Electricidad, S.A. (a entidade de transporte e distribución de enerxía eléctrica).

– Planimetría as built da instalación eléctrica en formato shape.

O incumprimento das condicións e dos requisitos establecidos nesta resolución poderá dar lugar á súa revogación, logo da audiencia á promotora, de conformidade co que dispón o artigo 53.10 da Lei 24/2013 do 26 de decembro.

Contra esta resolución, que non é definitiva en vía administrativa, poderase interpoñer recurso de alzada perante a conselleira de Economía e Industria da Xunta de Galicia, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación ou publicación, de acordo co disposto nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, sen prexuízo de que as persoas interesadas poidan interpoñer calquera outro recurso que consideren pertinente.

Pontevedra, 24 de outubro de 2025

Beatriz López del Olmo
Directora territorial de Pontevedra