BDNS (Identif.): 928821.
De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións:
https://www.infosubvenciones.es/bdnstrans/GE/es/convocatoria/928821
Primeiro. Entidades beneficiarias
1. Poderán optar a estas axudas os concellos da Comunidade Autónoma de Galicia que se atopen nos supostos seguintes:
a) Ter en funcionamento unha ou varias escolas infantís 0-3 ou un PAI da súa titularidade que dispoña do permiso de inicio de actividades para a prestación do servizo outorgado pola Consellería de Política Social e Igualdade.
b) Que a escola infantil 0-3 ou o PAI polos que se solicitan as axudas dispón da documentación que acredita que os nenos e nenas que asisten a ela seguen o calendario de vacinación infantil do Programa galego de vacinación, de acordo co establecido no artigo 48 da Lei 5/2021, do 2 de febreiro, de impulso demográfico de Galicia, e teñen a súa residencia na Comunidade Autónoma de Galicia.
c) Que a escola infantil 0-3 ou o PAI para a/o que se solicitan as axudas estea aplicando, polo que respecta á atención educativa, un réxime de prezos equivalente ao previsto no Decreto 49/2012, do 19 de xaneiro, polo que se aproba o réxime de prezos das escolas infantís 0-3 dependentes desta consellería.
d) Que o concello cumprise coa súa obriga de remitir as contas xerais de cada exercicio ao Consello de Contas, de acordo co estipulado no artigo 4 do Decreto 193/2011, do 6 de outubro, polo que se regulan especialidades nas subvencións ás entidades locais galegas.
e) Que o concello estea ao día no pagamento das liquidacións derivadas do réxime de cofinanciamento regulado no artigo 69 da Lei 2/2017, do 8 de febreiro, de medidas fiscais, administrativas e de ordenación.
2. Non se poderá obter a condición de entidade beneficiaria destas subvencións cando concorra algunha das circunstancias ou prohibicións sinaladas nos números 2 e 3 do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.
Todos os requisitos e condicións exixidos deberán cumprirse na data en que finalice o prazo de presentación de solicitudes.
Segundo. Obxecto e finalidade
1. Esta orde ten por obxecto establecer, en réxime de concorrencia non competitiva, o procedemento de concesión de axudas económicas para escolas infantís 0-3 anos e puntos de atención á infancia de titularidade municipal (código de procedemento BS420D).
Estas axudas van dirixidas ao sostemento dos referidos centros de educación infantil 0-3 anos existentes e constan de dúas liñas: a liña 1, que financiará gastos de mantemento, e a liña 2, que compensará a aplicación dunha bonificación do 100 % do prezo correspondente á atención educativa e matrícula, de ser o caso, das prazas ocupadas polo alumnado de 0-3 anos.
O período subvencionable na liña 1 é o comprendido entre o 1 de setembro de 2026 e o 31 de xullo de 2027.
O período subvencionable na liña 2 é o comprendido entre o 1 de setembro de 2026 e o 31 de xullo de 2027, pola totalidade do alumnado, para aqueles concellos que apliquen a dita bonificación.
2. Para os efectos da aplicación da bonificación do 100 % do prezo establecida nesta orde, entenderase por atención educativa o conxunto de atencións e coidados profesionais de carácter integral prestados baixo unha perspectiva educativa aos nenos e ás nenas durante a súa estancia na escola infantil 0-3 ou punto de atención á infancia (en diante, PAI), segundo a modalidade de xornada pola que opten. A opción elixida implica a asistencia regular e continuada á escola infantil 0-3 ou PAI durante un máximo de 8 horas e un mínimo de 3 horas diarias, respectivamente.
Exceptúanse da actuación subvencionable o custo do servizo de comedor, as actividades extra á atención educativa, os materiais e calquera outro tipo de servizos e conceptos que supoñan un custo adicional cuantificable para a escola infantil 0-3 ou PAI.
3. Para ter dereito ás axudas reguladas nesta orde os nenos e nenas deben ter a súa residencia na Comunidade Autónoma de Galicia.
4. Para os efectos desta orde, considérase que as nenas e os nenos con necesidades específicas de apoio educativo ocupan dúas prazas. Neste caso, a axuda que resulte segundo o establecido neste artigo multiplicarase por dous.
Terceiro. Bases reguladoras
Orde do 4 de setembro de 2026 pola que se regulan as bases que rexerán o procedemento de concesión de axudas para o funcionamento e gratuidade da atención educativa das escolas infantís 0-3 e puntos de atención á infancia de titularidade municipal para o curso 2026/27, e se procede á súa convocatoria (código de procedemento BS420D).
Cuarto. Financiamento
1. Ás axudas obxecto desta convocatoria destínase un orzamento total de 8.278.584,00 €, que se imputarán á aplicación orzamentaria 08.02.312B.460.01, coa seguinte desagregación:
|
Aplicación |
Código de proxecto |
Liña |
Ano 2026 |
Ano 2027 |
Total |
|
08.02.312B.460.01 |
2017.00127 |
Liña 1. Mantemento |
1.205.488,00 € |
2.109.604,00 € |
3.315.092,00 € |
|
08.02.312B.460.01 |
2020.00052 |
Liña 2. Gratuidade da atención educativa |
1.804.906,00 € |
3.158.586,00 € |
4.963.492,00 € |
|
Total |
3.010.394,00 € |
5.268.190,00 € |
8.278.584,00 € |
||
2. Se, unha vez atendidas as solicitudes da liña 1, código de proxecto 2017.00127, queda remanente, poderase incrementar co sobrante o crédito da liña 2, código de proxecto 2020.00052 ou viceversa.
3. De conformidade co disposto no artigo 31.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e de acordo co previsto no artigo 30.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, poderase ampliar a contía máxima dos créditos dispoñibles cando o aumento veña derivado dunha xeración, ampliación ou incorporación de crédito, ou cando existan remanentes doutras convocatorias financiadas con cargo ao mesmo crédito ou a créditos incluídos no mesmo programa ou en programas do mesmo servizo, e dunha transferencia de crédito. O incremento do crédito queda condicionado á declaración de dispoñibilidade como consecuencia das circunstancias sinaladas e, se é o caso, logo da aprobación da modificación orzamentaria que proceda. A ampliación do crédito publicarase nos mesmos medios que a convocatoria sen que implique a apertura dun prazo para presentar novas solicitudes nin o inicio dun novo cómputo do prazo para resolver.
Quinto. Tipos de axuda e contía
1. A convocatoria comprende unha liña 1, que financiará gastos de mantemento, e unha liña 2, que compensará a aplicación dunha bonificación do 100 % do prezo correspondente á atención educativa e matrícula, de ser o caso, das prazas ocupadas polo alumnado de 0-3 anos.
2. A liña 1, referida a axudas para gastos de mantemento, ten como finalidade contribuír a compensar gastos que se produzan e/ou se aboen desde o 1 de setembro de 2026 ao 31 de xullo de 2027 en gastos de persoal e outros gastos xerais do centro.
A contía da axuda para gastos de mantemento establecerase en función do número de unidades da escola infantil 0-3 ou do PAI autorizadas que estean en funcionamento na data en que remata o prazo de presentación de solicitudes, segundo os seguintes módulos:
|
Axuda anual segundo o número de unidades de escolas infantís 0-3 en funcionamento e PAI |
||||
|
PAI |
Escola infantil 0-3 de 2 a 6 unidades |
Escola infantil 0-3 de 7 a 14 unidades |
Escola infantil 0-3 de máis de 14 unidades |
|
|
Contía total por unidade en funcionamento |
9.212,00 € |
7.000,00 € |
6.000,00 € |
4.600,00 € |
No caso de aumentar ou diminuír o número de unidades en funcionamento no curso 2026/27, o importe da axuda regularizarase no momento da xustificación.
De non estaren en funcionamento todas as unidades da escola infantil o ano completo, aplicarase unha redución proporcional ao tempo en que non se prestou o servizo.
3. No caso de escolas infantís 0-3 ou PAI cun horario de apertura de 14 horas ou superior, a axuda por módulo incrementarase nun 25 %.
4. A liña 2 está destinada a compensar as entidades beneficiarias titulares destes centros pola aplicación dunha bonificación do 100 % do prezo correspondente á atención educativa e da matrícula, de ser o caso, dos/das nenos/as que asisten aos ditos centros.
As axudas pola aplicación da bonificación do 100 % do prezo da atención educativa estableceranse en función do número de prazas efectivamente ocupadas e terán unha contía equivalente á do prezo mensual que lle correspondería aboar á familia nunha praza pública, segundo o previsto no Decreto 49/2012, do 19 de xaneiro, e durante un máximo de 11 mensualidades.
A axuda pola aplicación da bonificación do 100 % do prezo da matrícula será do equivalente ao recollido na correspondente ordenanza fiscal municipal aplicable para o curso 2025/26, sen que en ningún caso poida superar os 100,00 €.
5. As entidades beneficiarias titulares das escolas infantís 0-3 e PAI ofertarán o servizo de atención educativa durante un mínimo de 8 horas diarias.
6. A inasistencia do neno ou da nena usuarios da escola infantil 0-3 ou PAI durante un período de 5 días sen xustificar dará lugar á súa baixa no programa da gratuidade da obtención da bonificación da liña 2.
7. No caso de traslados de centro unha vez comezado o mes, a axuda correspondente ao dito mes aboarase de xeito proporcional a cada un dos centros en que se cause a baixa e se produza a alta.
Sexto. Prazo de presentación de solicitudes
O prazo de presentación das solicitudes comezará ás 8.00 horas do sexto día hábil seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia e finalizará ás 23.59 horas do día en que se cumpra un mes desde a data en que se abra o prazo de presentación de solicitudes. De acordo co previsto no artigo 30 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, se o último día do prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte, e se no mes de vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo remata o último día do mes.
No caso de escolas infantís 0-3 ou PAI que obteñan o permiso de inicio de actividades con posterioridade á publicación desta convocatoria, o prazo de presentación de solicitudes será dun mes a partir da data de notificación do dito permiso e, en todo caso, finalizará o 30 de outubro de 2026.
Santiago de Compostela, 4 de setembro de 2026
Fabiola García Martínez
Conselleira de Política Social e Igualdade
