DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 176 Mércores, 16 de setembro de 2026 Páx. 48950

III. Outras disposicións

Axencia Galega da Calidade Alimentaria

RESOLUCIÓN do 11 de setembro de 2026 pola que se dá publicidade á modificación da Resolución do 11 de xuño de 2026 pola que se establecen as bases reguladoras do procedemento de adxudicación de prazas de residencia e comedor nos centros de formación e experimentación agraria e se convocan para o curso académico 2026/27 (código de procedemento MR207A).

Mediante a Resolución do 11 de xuño de 2026 (DOG núm. 117, do 25 de xuño) establecéronse as bases reguladoras do procedemento de adxudicación de prazas de residencia e comedor nos centros de formación e experimentación agraria, e convocáronse para o curso académico 2026/27.

O número de prazas disposto inicialmente para cada un dos distintos centros recóllese no artigo 1.2 da Resolución do 11 de xuño. Para o CFEA Pedro Murias ofertáronse un total de 21 prazas de residencia en réxime de pensión completa e 23 de comedor.

A demanda destes servizos no CFEA Pedro Murias viuse incrementada neste curso pola incorporación do ciclo superior de Gandaría e Asistencia en Sanidade Animal, ciclo amplamente demandado este curso.

Con todo, a distribución final dos cuartos entre as persoas adxudicatarias das prazas, para homes e mulleres, derivada da Resolución do 20 de agosto de 2026 pola que se publica a Resolución do 19 de agosto de 2026 pola que se aproba a relación definitiva de persoas admitidas/excluídas e a listaxe de agarda no procedemento de adxudicación de prazas de residencia e/ou comedor nos centros de formación e experimentación agraria da Axencia para o curso académico 2026/27 (DOG núm. 163, do 28 de agosto), permite aumentar a oferta de prazas de residencia dispoñibles e tratar, deste xeito, de dar resposta á gran demanda detectada.

A finalidade última desta modificación é facilitar o acceso aos ciclos formativos de grao medio e superior da familia agraria e fomentar e potenciar a formación da poboación do medio rural.

Como consecuencia do anterior, modifícase o número de prazas de residencia ofertadas no Centro de Formación e Experimentación Agraria Pedro Murias en réxime de pensión completa, que pasa de 21 a 25 prazas.

Así mesmo, e co obxecto de dar resposta á alta demanda rexistrada neste ano académico en relación cos ciclos formativos que se imparten no CFEA Pedro Murias, resulta necesario incrementar de 23 a 27 as prazas ofertadas no servizo de comedor.

Segundo establece o punto dous do artigo 16 da Resolución do 11 de xuño de 2026, para a cobertura das prazas de residencia en pensión completa ou comedor que queden vacantes durante o curso, a dirección do respectivo centro residencial acudirá á lista de agarda, seguindo a rigorosa orde de puntuación. Se, unha vez chamados todos os suplentes, aínda quedan prazas vacantes no internado, aquelas persoas interesadas que reúnan os requisitos para seren adxudicatarias dunha praza poderán solicitala a través do formulario normalizado MR207A, a partir do día seguinte ao da publicación no Diario Oficial de Galicia da resolución de adxudicación definitiva de prazas de residencia ou comedor correspondente ao prazo ordinario.

Santiago de Compostela, 11 de setembro de 2026

Martín Alemparte Vidal
Director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria