A titularidade do centro privado (CPR) FP Prime, de Pontevedra, solicita a modificación da autorización para impartir o ciclo formativo de grao medio (CM) Coidados auxiliares de enfermaría na modalidade semipresencial-distancia. O centro conta con autorización para impartir estas ensinanzas na modalidade presencial conforme a Orde do 11 de xuño de 2025 publicada no DOG do 24 de xuño.
Logo de tramitar o expediente de acordo co establecido no Decreto 133/1995, do 10 de maio, de autorización de centros docentes privados para impartir ensinanzas de réxime xeral non universitarias, e coa Orde do 20 de setembro de 1995 que o desenvolve, por proposta da Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos,
DISPOÑO:
Artigo 1. Modificación da autorización
Modificar a autorización do centro para impartir o CM Coidados auxiliares de enfermaría na modalidade semipresencial-distancia. O centro queda configurado como se sinala a seguir:
Denominación xenérica: centro privado (CPR).
Denominación específica: FP Prime.
Código do centro: 36025311.
Domicilio: rúa Santa Clara, 21.
Localidade: Pontevedra.
Concello: Pontevedra.
Código postal: 36002.
Provincia: Pontevedra.
Titular: Proyectos Educativos FP Prime, S.L.
Ensinanzas que se autorizan:
a) Réxime ordinario, modalidade presencial.
CM Coidados auxiliares de enfermaría (1 unidade para 30 postos escolares).
CS Dietética (2 unidades para 20 postos escolares/unidade).
CS Documentación e administración sanitarias (2 unidades para 20 postos escolares/unidade.
b) Réxime para persoas adultas, modalidade semipresencial-distancia.
CM Coidados auxiliares de enfermaría (50 postos escolares).
Artigo 2. Ordenación académica
1. Ás ensinanzas autorizadas no artigo 1 desta orde na modalidade semipresencial-distancia aplicaráselles, en canto sexa axeitado á súa natureza, o previsto na Orde do 5 de novembro de 2010, pola que se establece, con carácter experimental, a ordenación da formación profesional inicial polo réxime para as persoas adultas na modalidade semipresencial-distancia.
2. O desenvolvemento dos módulos profesionais organizarase sobre a base da titoría individual e colectiva, que serán atendidas directamente polo profesorado de cada módulo. A titoría individual realizarase preferentemente de xeito telemático; a titoría colectiva terá carácter presencial coa intervención directa do profesorado, nas instalacións do centro docente, e conforme o artigo 12 da mencionada Orde do 5 de novembro de 2010, ás horas semanais de dedicación á titoría colectiva para a realización por parte do alumnado das actividades programadas non poderá ser inferior ao enteiro igual ou inmediatamente superior ao 25 % das horas semanais que se establezan para cada módulo profesional.
A asistencia ás titorías presenciais nas instalacións do centro educativo terá carácter voluntario para o alumnado.
3. Ao longo do período lectivo correspondente, o profesorado de cada módulo profesional realizará un seguimento do desenvolvemento do proceso de ensino e aprendizaxe, utilizando para iso os instrumentos e os procedementos de recollida de información previamente establecidos na programación dos módulos, que deberán ser coñecidos polo alumnado.
A avaliación da aprendizaxe do alumnado será continua a través das actividades que se programen e harmonizarase con probas presenciais teórico-prácticas para cada avaliación parcial, de carácter obrigatorio para o alumnado, e axustadas aos resultados de aprendizaxe e aos criterios de avaliación dos currículos dos módulos profesionais. Ao finalizar o desenvolvemento de cada módulo, realizarase unha proba presencial final de carácter global. Esta proba terá que realizala o alumnado que non superase o módulo mediante as probas presenciais parciais que se realicen ao longo do curso.
4. O profesorado que imparta na modalidade semipresencial-distancia disporá das competencias necesarias para o manexo da plataforma de formación a distancia e para realizar o seguimento do proceso de ensino-aprendizaxe do alumnado.
Artigo 3. Inicio da actividade
Para a posta en funcionamento das ensinanzas que se autorizan, o Departamento Territorial de Pontevedra da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, logo do informe do Servizo Territorial de Inspección Educativa, aprobará expresamente a relación do profesorado que impartirá docencia nos devanditos ciclos, así como o equipamento.
Artigo 4. Inscrición no rexistro de centros
Esta orde dará lugar á correspondente inscrición no Rexistro de Centros da Comunidade Autónoma de Galicia.
Artigo 5. Modificación da autorización
O centro queda obrigado ao cumprimento da normativa vixente e a solicitar a oportuna revisión cando deban modificarse calquera dos datos que sinala esta orde.
Disposición derradeira primeira. Recursos
Contra esta orde, que esgota a vía administrativa, as persoas interesadas poderán formular recurso potestativo de reposición ante esta consellería, no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, segundo o disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, ou ben, directamente, o recurso Contencioso-Administrativo no prazo de dous meses desde a mesma data, ante a Sala do contencioso-administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, de conformidade co artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.
Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor
Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, 7 de setembro de 2026
Román Rodríguez González
Conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional
