1. O día 11.6.2026 UFD Distribución Electricidad, S.A. (en adiante, UFD) presentou, perante o Departamento Territorial de Pontevedra da Consellería de Economía e Industria (en adiante, departamento territorial), a solicitude de autorización administrativa previa e autorización administrativa de construción para a infraestrutura de distribución de enerxía eléctrica correspondente á adecuación da posición 603 no parque de 66 kV da subestación Portodemouros 220/66/15 kV, no termo municipal de Vila de Cruces (Pontevedra), á que se lle asignou o número de expediente IN407A 2026/147-4.
Esta solicitude acompañouse (ou completouse posteriormente) coa seguinte documentación técnica:
– Proxecto de execución denominado Subestación Portodemouros 220/66/15 kV-adecuación Pos.603, Mina de Touro, asinado o 4.6.2026 polo enxeñeiro técnico industrial David Rabuñal Martínez (colexiado núm. 3.481 do Colexio Oficial de Enxeñeiros Técnicos Industriais da Coruña, Coeticor) e visado por este colexio, con núm. 1541/26-CO e data 5.6.2026; e no que figura un orzamento total de 166.991,65 euros e un prazo de execución de oito meses.
– Declaración responsable asinada polo técnico proxectista e integrada no anexo II do proxecto, exixida no artigo 53.1.b) da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico.
– Separatas técnicas para as seguintes entidades afectadas polo proxecto de execución: Concello de Vila de Cruces e Deputación Provincial de Pontevedra.
Segundo consta no proxecto de execución, a subestación Portodemouros 220/66/15 kV, localizada no termo municipal de Vila de Cruces (Pontevedra):
– Está formada por un parque de 220 kV en intemperie, con dúas posicións de xeración de Naturgy Renovables e o resto de posicións de REE, un parque de 66 kV en intemperie formado por aparellaxe convencional de UFD e un parque de 15 kV en interior de edificio constituído por dúas semibarras 15 kV, semibarra 7BA1 de UFD e semibarra 7BA2 de Naturgy Renovables.
– No seu parque de 66 kV (formado por posicións en intemperie) proxéctase a adecuación da posición 603 (actualmente en reserva) para a conexión dunha nova liña eléctrica proveniente da Mina de Touro, para o que se contemplan as seguintes actuacións: substitución dos actuais transformadores de tensión e intensidade e dos actuais interruptores por uns novos e instalación dunhas autoválvulas e uns illadores de apoio á entrada da liña eléctrica, co fin de garantir a continuidade de servizo e manter os niveis de seguridade e fiabilidade da instalación.
2. O día 6.7.2026 o departamento territorial, para os efectos da emisión dos correspondentes condicionados técnicos, remitiulles as separatas técnicas do proxecto de execución da referida infraestrutura de distribución de enerxía eléctrica ás entidades afectadas por este (Concello de Vila de Cruces e Deputación Provincial de Pontevedra), co seguinte resultado:
– A Deputación Provincial de Pontevedra emitiu o seu condicionado técnico con data do 9.7.2026, do que se deu traslado á UFD, quen presentou a súa conformidade con este.
– O Concello de Vila de Cruces non contestou, polo que, sen prexuízo da autorización que lle corresponda outorgar, enténdese a súa conformidade co proxecto, de acordo co disposto no artigo 47.3 da Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia.
3. O día 20.8.2026 o departamento territorial, unha vez rematada a instrución do referido expediente, deulle traslado á Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Minas (en adiante, DXPEM) para os efectos de ditar a oportuna resolución, e incorporou ao expediente os informes seguintes:
– Informe emitido o 17.8.2026 polos servizos técnicos do departamento territorial, de carácter favorable, para os efectos do disposto no artigo 47.5 da Lei 9/2021, do 25 de febreiro.
– Informe emitido o 20.8.2026 pola Sección de Enerxía do departamento territorial, relativo á tramitación do expediente, no que se conclúe que se seguiron os trámites do procedemento establecido na normativa de aplicación.
Consideracións legais e técnicas:
1. Con base nos antecedentes mencionados, considérase que, no marco das autorizacións administrativas previa e de construción da referida infraestrutura de distribución de enerxía eléctrica, seguíronse os trámites do procedemento establecidos na Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia, na Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, no Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica, e na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e demais normas vixentes de aplicación.
2. A respecto da tramitación do referido expediente, cómpre salientar que está exenta do trámite de información pública, de conformidade coa excepción recollida no artigo 50.b) da Lei 9/2021, do 25 de febreiro, para as solicitudes de autorización administrativa de modificacións de instalacións de distribución de calquera tensión, sempre que non se solicite a declaración de utilidade pública nin sexa preceptiva a avaliación ambiental ordinaria.
3. En canto á avaliación de impacto ambiental dos proxectos, no artigo 7 da Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental, defínense os proxectos que terán que someterse a unha avaliación de impacto ambiental, ordinaria ou simplificada. A este respecto, na epígrafe 1.17.1 (aspectos ambientais) da memoria do proxecto de execución, establécese que segundo a lexislación vixente de avaliación ambiental (incluída a última modificación dos anexos I, II e III do Real decreto 445/2023), este non se atopa sometido a ningún trámite de avaliación de impacto ambiental.
4. A competencia para resolver este expediente correspóndelle á DXPEM, ao tratarse dunha subestación cunha potencia superior aos 75 MVA, de conformidade co disposto no artigo único (punto 1.b).2º para as autorizacións administrativas previa e de construción) do Decreto 9/2017, do 12 de xaneiro, da Consellería de Economía, Emprego e Industria, polo que se establecen os órganos competentes para a resolución dos procedementos de autorización de instalacións eléctricas que sexan competencia da Comunidade Autónoma de Galicia (DOG núm. 22, do 1 de febreiro), así como no Decreto 42/2024, do 14 de abril, polo que se establece a estrutura orgánica da Xunta de Galicia (DOG núm. 73, do 14 de abril), no Decreto 49/2024, do 22 de abril, polo que se fixa a estrutura orgánica das consellerías da Xunta de Galicia (DOG núm. 81, do 24 de abril), e no Decreto 140/2024, de 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Economía e Industria (DOG núm. 101, do 27 de maio).
De acordo con todo o anterior,
RESOLVO:
1. Outorgar a autorización administrativa previa para a infraestrutura de distribución de enerxía eléctrica correspondente á adecuación da posición 603 no parque de 66 kV da subestación Portodemouros 220/66/15 kV, no termo municipal de Vila de Cruces (Pontevedra), e que promove UFD Distribución Electricidad, S.A.
2. Outorgar a autorización administrativa de construción para o proxecto de execución da citada infraestrutura de distribución de enerxía eléctrica, denominado Subestación Portodemouros 220/66/15 kV-adecuación Pos.603, Mina de Touro.
Todo isto de acordo coas condicións seguintes:
1. As instalacións que se autorizan terán que realizarse de acordo coas especificacións e planos que figuran no proxecto de execución denominado Subestación Portodemouros 220/66/15 kV-adecuación Pos.603, Mina de Touro, asinado o 4.6.2026 polo enxeñeiro técnico industrial David Rabuñal Martínez (colexiado núm. 3.481 do Coeticor) e visado por este colexio, con núm. 1541/26-CO e data 5.6.2026; e no que figura un orzamento total de 166.991,65 euros.
2. A empresa promotora (UFD) asegurará o mantemento e a vixilancia correcta das instalacións durante a construción e despois da súa posta en servizo, co fin de garantir que en todo momento se manteñan as condicións regulamentarias de seguridade. En todo momento se deberán cumprir as normas e as directrices vixentes que resulten de aplicación, en particular, canto establece o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade nas instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-RAT 01 a 23, aprobados polo Real decreto 337/2014, do 9 de maio, e o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en liñas eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-LAT 01 a 09, aprobados polo Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro.
3. Para introducir modificacións nas instalacións que afecten a datos básicos do proxecto será necesaria a autorización previa da DXPEM; non obstante, o departamento territorial poderá autorizar as modificacións de detalle do proxecto que resulten procedentes, e debenránselle comunicar á devandita dirección xeral todas as resolucións que se diten en aplicación da citada facultade.
4. O prazo para a posta en marcha das instalacións que se autorizan será de doce meses, contados a partir da data da última autorización administrativa necesaria para a súa execución. Unha vez construídas estas instalacións, a empresa promotora deberá presentar a solicitude de autorización de explotación perante o departamento territorial, quen deberá estendela tras as comprobacións técnicas que considere oportunas.
5. En canto aos bens e aos dereitos afectados pola referida infraestrutura de distribución de enerxía eléctrica e adscritos ás distintas administracións, organismos ou empresas de servizo público ou de servizos de interese xeral, o promotor cumprirá cos condicionados e informes emitidos por estes, para os que mostrou a súa conformidade.
6. O incumprimento das condicións e aos requisitos establecidos nesta resolución ou a variación substancial dos presupostos que determinaron a súa adopción poderán dar lugar á súa revogación, logo de audiencia ao promotor, de conformidade co disposto no artigo 53.10 da Lei 24/2013, do 26 de decembro.
7. Estas autorizacións adóptanse sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, das licenzas ou dos permisos de competencia municipal, provincial ou outros necesarios para a realización das obras da referida infraestrutura de distribución de enerxía eléctrica, en especial as relativas á ordenación do territorio e ao medio ambiente, tal e como dispón o título VII do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro.
8. Esta resolución publicarase no Diario Oficial de Galicia, de acordo co establecido no artigo 48.2 da Lei 9/2021, do 25 de febreiro.
Contra a presente resolución, que non é definitiva en vía administrativa, poderase interpoñer recurso de alzada perante a conselleira de Economía e Industria da Xunta de Galicia, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación ou publicación, de acordo co disposto nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, sen prexuízo de que os interesados poidan interpoñer calquera outro recurso que xulguen pertinente.
Santiago de Compostela, 26 de agosto de 2026
Pablo Fernández Vila
Director xeral de Planificación Enerxética e Minas
