DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 177 Xoves, 17 de setembro de 2026 Páx. 49246

IV. Oposicións e concursos

Axencia Galega de Innovación

RESOLUCIÓN do 9 de setembro de 2026 pola que se convoca o proceso selectivo para a provisión, mediante contrato laboral temporal, de dúas prazas de titulado/a superior, xestor de proxecto.

A Axencia Galega de Innovación (Gain), creada polo Decreto 50/2012, do 12 de xaneiro (DOG núm. 19, do 28 de xaneiro), conta dentro dos seus obxectivos estratéxicos coa ordenación, planificación, coordinación, execución e seguimento das competencias en materia de fomento da investigación que ten atribuídas a Comunidade Autónoma de Galicia en virtude do establecido no artigo 27.19 do Estatuto de autonomía de Galicia, e a promoción e execución do Plan galego de investigación e innovación, asumindo a súa coordinación, seguimento e avaliación.

A Axencia Galega de Innovación participa como socia principal e coordinadora no proxecto MAISRIS3T (Maximizando o impacto e a sustentabilidade da RIS3T), financiado polo programa de cooperación Interreg VI a España-Portugal (POCTEP) 2021-2027, financiado polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder).

A Lei 4/2025, do 23 de decembro (DOG núm. 252, do 31 de decembro), de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 2026, no seu artigo 15 prevé a contratación de persoal laboral temporal para a realización de obras ou servizos concretos e dotados de orzamento.

Polo exposto, en virtude das competencias atribuídas polo Decreto 50/2012, do 12 de xaneiro, polo que se crea a Axencia Galega de Innovación e se aproban os seus estatutos, esta dirección

RESOLVE:

Anunciar a convocatoria dun proceso selectivo para a provisión, mediante contrato laboral temporal, de dúas prazas de titulado/a superior para a execución e xestión do proxecto MAISRIS3T (Maximizando o impacto e a sustentabilidade da RIS3T) e aprobar as bases que rexerán o proceso.

As bases reguladoras do indicado proceso inclúense como anexo I desta resolución.

Para participar nesta convocatoria os/as interesados/as utilizarán o modelo de solicitude que se inclúe no anexo II.

Santiago de Compostela, 9 de setembro de 2026

Carmen Cotelo Queijo
Directora da Axencia Galega de Innovación

ANEXO I

Bases da convocatoria para a provisión, mediante contrato laboral temporal, de dúas prazas de titulado/a superior de xestor de proxecto para a Área de Estratexias e Programas da Axencia Galega de Innovación

De conformidade co establecido no artigo 59 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, e no artigo 17 do Decreto 50/2012, do 12 de xaneiro, polo que se crea a Axencia Galega de Innovación e se aproban os seus estatutos (DOG núm. 19, do 27 de xaneiro), a Dirección da Axencia Galega de Innovación, no exercicio das competencias atribuídas, dispón publicar as seguintes bases para a selección de dous efectivos de persoal laboral temporal para traballar na execución e xestión do proxecto MAISRIS3T (Maximizando o impacto e a sustentabilidade da RIS3T).

Artigo 1. Normas xerais

1.1. Número e características das prazas.

Ao abeiro do artigo 59 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, convócase o proceso selectivo para a contratación de dous efectivos de persoal laboral temporal con titulación de grao ou licenciatura.

O centro directivo é a Axencia Galega de Innovación, adscrita á Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, aínda que as persoas contratadas terán que facer desprazamentos a países de Europa por mor do seu traballo.

As persoas seleccionadas traballarán na execución e xestión do proxecto MAISRIS3T (Maximizando o impacto e a sustentabilidade da RIS3T). Este proxecto axudará a definir e implementar as accións do proxecto, tanto relacionadas coa súa xestión e monitorización como coa súa divulgación a nivel internacional (apoiando a visibilidade internacional do ecosistema), como co impulso da I+D+i colaborativa na eurorrexión Galicia-Norte de Portugal (organizando infodays e eventos de matchmaking, facendo análise e seguimento de convocatorias europeas e valorando outras posibilidades de financiamento para impulsar a I+D+i, creando un observatorio eurorrexional da innovación), totalmente en liña cos retos e obxectivos da RIS3T Galicia-Norte de Portugal.

Entre as tarefas que se realizarán inclúense as seguintes:

1. Realizar tarefas de coordinación das actividades propias do proxecto e con dispoñibilidade para desprazarse ás reunións e eventos relacionados co proxecto que se celebren nas rexións socias deste e noutras designadas polo partenariado. Entre outras:

a) Preparar, organizar e dinamizar reunións, obradoiros e seminarios de traballo que se realicen co resto dos socios do proxecto e outros axentes implicados, así como participar nelas en calquera das rexións europeas en que teñan lugar. Os idiomas de traballo serán galego, castelán e inglés.

b) Analizar e priorizar metodoloxías e ferramentas de xestión susceptibles de seren incorporadas ao proxecto.

c) Coordinar e realizar informes, publicacións e comunicacións de actividades e resultados do proxecto, así como calquera outro documentos necesario para o desenvolvemento do proxecto. Os idiomas de traballo serán galego, castelán e inglés.

d) De acordo coa normativa, regulamentación e prácticas dos proxectos subvencionados con fondos públicos, desenvolver actividades de control das accións da Axencia no proxecto, así como indicadores de seguimento deste.

e) Elaborar os informes xustificativos que requira o coordinador do proxecto.

2. Desenvolver as tarefas técnicas do proxecto, que requirirán do seguinte:

a) Preparar, organizar e dinamizar as reunións de traballo, seminarios, obradoiros, eventos de infodays e matchmaking ou brokerage e similares de carácter transnacional e que se realicen co resto dos socios do proxecto e outros axentes implicados, así como participar en calquera das rexións europeas en que teñan lugar. Os seus idiomas de traballo serán galego, castelán e inglés.

b) Representar a Gain nos eventos organizados por diferentes foros, redes e organismos europeos que teñan relación co proxecto, así como a interlocución con outros axentes públicos e privados europeos relacionados con el. Estas actividades pódense realizar no territorio POCTEP ou en calquera outro designado polo partenariado. Os seus idiomas de traballo serán o galego, o castelán e o inglés.

c) Coordinar e realizar, en galego, castelán e inglés, informes e publicacións de actividades e resultados do proxecto, así como calquera outro documento necesario para o seu desenvolvemento e difusión.

3. Participar nunha estratexia coordinada de comunicación a nivel transnacional. O idioma será maioritariamente o inglés. Entre outras accións, realizaranse as seguintes:

a) Deseñar contidos, personalizando e creando comunidades, así como actualizar información en redes.

b) Organizar eventos de difusión do proxecto que axuden a mellorar a visibilidade da RIS3T no nivel global. Estas actividades poden ter lugar no territorio POCTEP ou en calquera outro designado polo partenariado. Os seus idiomas de traballo serán o galego, o castelán e o inglés.

1.2. Retribucións.

As retribucións serán as establecidas para o grupo correspondente de acordo coa estrutura salarial definida nos artigos 25 e 26 do V Convenio colectivo único para o persoal laboral da Xunta de Galicia, na Lei 4/2025, do 23 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2026 (DOG núm. 251, do 31 de decembro), e na Orde do 23 de xaneiro de 2026 pola que se ditan as instrucións sobre a confección de nóminas do persoal ao servizo da Administración autonómica para o ano 2026.

1.3. Modalidade de contrato. Duración. Suspensión. Extinción.

As persoas seleccionadas asinarán un contrato de traballo temporal ao abeiro da disposición adicional quinta do Real decreto lei 32/2021, do 28 de decembro, de medidas urxentes para a reforma laboral, a garantía da estabilidade no emprego e a transformación do mercado de traballo, e demais lexislación vixente que resulte de aplicación.

Os contratos estenderanse ata a finalización do proxecto, prevista para o 31.12.2028, sempre de acordo coas necesidades deste e a dispoñibilidade orzamentaria. En ningún caso poderán exceder a duración do proxecto MAISRIS3T.

De acordo co artigo 15 da Lei 4/2025, do 23 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2026, a duración dos contratos queda condicionada a que exista crédito adecuado e suficiente na aplicación orzamentaria que corresponda, computado sempre na súa proxección anual, que debe proceder de ingresos con financiamento afectado.

Os contratos non poderán suspenderse salvo pola concorrencia de situacións de incapacidade temporal, maternidade ou paternidade, risco durante o embarazo, risco durante a lactación natural dun menor de doce meses e adopción e acollemento durante o período de duración deste.

A conclusión do prazo de execución dos contratos, a finalización anticipada do proxecto, a renuncia dalgunha das persoas contratadas, e calquera outra causa recollida validamente no contrato ou na lexislación laboral, serán causas da súa extinción.

1.4. Incompatibilidades.

As persoas contratadas estarán sometidas ao réxime xeral de incompatibilidades do persoal ao servizo das administracións públicas e demais disposicións complementarias.

Artigo 2. Requisitos das persoas aspirantes

Para seren admitidos/as no proceso de selección as persoas aspirantes deberán posuír no día de finalización do prazo de presentación de solicitudes, e manter ata o momento da toma de posesión como persoal laboral temporal, os seguintes requisitos, agás o certificado médico referente ao recollido no punto 2.7, que deberá acreditarse no momento da contratación.

2.1. Nacionalidade.

a) Ter a nacionalidade española.

b) Ser nacional dalgún dos Estados membros da Unión Europea.

c) Ser nacional dalgún Estado en que, en virtude dos tratados internacionais subscritos pola Unión Europea e ratificados por España, sexa de aplicación a libre circulación de traballadores/as.

d) Tamén poderán participar, calquera que sexa a súa nacionalidade, os/as cónxuxes dos/das españois e dos/das nacionais doutros Estados membros da Unión Europea sempre que non estean separados de dereito. Nas mesmas condicións, poderán participar os/as seus/súas descendentes e os/as do/da seu/súa cónxuxe sempre que non estean separados de dereito, sexan menores de vinte e un anos ou maiores de idade dependentes.

e) Ter residencia legal en España, no caso de tratarse de persoas estranxeiras non incluídas nos puntos anteriores.

2.2. Idade.

Teren cumpridos dezaseis anos de idade.

2.3. Titulación académica.

Estar en posesión dunha titulación de grao ou licenciatura.

No caso de titulacións obtidas no estranxeiro, deberán acreditar que están en posesión das correspondentes validacións ou das credenciais que acrediten, de ser o caso, a homologación dos títulos. Este requisito non será obrigatorio para as persoas aspirantes que obtivesen o recoñecemento da súa cualificación profesional no ámbito das profesións reguladas ao abeiro das disposicións de dereito da Unión Europea.

2.4. Competencia lingüística.

Dispor dun manexo competente e fluído do inglés a nivel profesional oral e escrito, con capacidade para liderar reunións de traballo no dito idioma e realizar presentacións en xornadas, foros ou similares. Deberá acreditarse a posesión dun certificado, como mínimo, de nivel B2 ou equivalente, de acordo coa táboa de equivalencia de certificados e a súa correspondencia co Marco común europeo de referencia para as linguas MCER.

2.5. Dispoñibilidade para viaxar.

Ter dispoñibilidade para desprazarse a calquera país para participar en reunións, xornadas, foros ou similares.

2.6. Coñecemento do idioma galego.

Acreditar o coñecemento do idioma galego: Celga 4, título de perfeccionamento do idioma galego ou estudos equivalentes.

2.7. Capacidade funcional.

Posuír as capacidades e aptitudes físicas e psíquicas que sexan necesarias para o desempeño das correspondentes funcións ou tarefas.

2.8. Habilitación.

Non ter sido despedido/a mediante expediente disciplinario de ningunha Administración pública ou dos órganos constitucionais ou estatutarios das comunidades autónomas, nin atoparse na situación de inhabilitación absoluta ou especial para o desempeño de empregos ou cargos públicos por resolución xudicial, cando se trate de acceder á mesma categoría profesional á cal se pertencía.

No caso de nacionais doutros Estados, non estar inhabilitado/a, ou en situación equivalente, nin ter sido sometido a sanción disciplinaria ou equivalente que impida no Estado de procedencia o acceso ao emprego público nos termos anteriores.

Artigo 3. Presentación de solicitudes

De conformidade co establecido no artigo 59 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, ademais dos/das posibles candidatos/as seleccionados/as polo Servizo Público de Emprego ao cal se cursará a oferta xenérica do posto obxecto desta convocatoria, aquelas persoas que desexen formar parte deste proceso selectivo deberán presentar a documentación que a continuación se sinala:

a) Instancia, segundo o modelo contido no anexo II que se xunta a estas bases.

b) Currículo pormenorizado e debidamente xustificado, onde se acredite a súa traxectoria e experiencia profesional, así como os títulos, cursos e diplomas obtidos que se valorarán, se é o caso, no proceso de selección.

c) Titulacións académicas obtidas que, no caso de se obteren no estranxeiro, deberán estar homologadas en España.

d) Acreditación da posesión dun certificado, como mínimo, de nivel B2 ou equivalente, en lingua inglesa, de acordo coa táboa de equivalencia de certificados e a súa correspondencia co Marco común europeo de referencia para as linguas MCER.

e) Acreditación da experiencia no estranxeiro indicada no punto 5.1, mediante un certificado expedido polos órganos competentes en materia de persoal da correspondente organización onde se desempeñaron as actividades ou servizos, especificando as funcións e o período (con data de inicio e remate).

f) Certificados de asistencia a cursos ou similares que se valorarán, se é o caso, no proceso de selección.

g) Cando se trate de aspirantes nacionais doutros países, deberán presentar os certificados de estudos cursados de castelán que acrediten suficientemente os seus coñecementos deste idioma.

h) Título acreditativo de superación do Celga 4, curso de perfeccionamento de galego ou equivalente, debidamente homologado polo órgano competente en materia de política lingüística da Xunta de Galicia, de acordo coa disposición adicional segunda da Orde do 16 de xullo de 2007 pola que se regulan os certificados oficiais acreditativos dos niveis de coñecemento da lingua galega (DOG núm. 146, do 30 de xullo).

Para a presentación da documentación acéptase a copia simple. Non obstante, despois da publicación do baremo provisional, as persoas que estean en condicións de superaren o proceso de selección, deberán presentar a documentación en formato orixinal, copia compulsada ou copia electrónica auténtica.

Para que teñan validez neste proceso selectivo, os documentos que se presenten deberán estar expedidos nalgunha das linguas oficiais da Comunidade Autónoma de Galicia (galego ou castelán). Cando se trate de documentos expedidos noutras comunidades autónomas ou documentos expedidos nun país estranxeiro, poderase exixir que estean debidamente traducidos e, en todo caso, cando así o requira o tribunal. A tradución oficial poderá facela un tradutor xuramentado, debidamente autorizado ou rexistrado en España, calquera representación diplomática ou consular de España no estranxeiro, a representación diplomática ou consular en España do país de que é cidadán o solicitante ou, de ser o caso, do de procedencia do documento, ou un tradutor oficial no estranxeiro e coa sinatura deste tradutor oficial debidamente legalizada. Este parágrafo non fai referencia ás publicacións.

O prazo de presentación de solicitudes será de dez (10) días hábiles desde o día seguinte ao da súa publicación oficial.

As solicitudes deberán ir dirixidas á Dirección da Axencia Galega de Innovación, sita na rúa Airas Nunes s/n, en Santiago de Compostela. As solicitudes para participar nesta convocatoria poderán presentaranse a través da sede electrónica da Xunta de Galicia.

Tamén poderán presentarse nas oficinas previstas no artigo 16 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas. Neste caso será recomendable remitir un correo electrónico antes da finalización do prazo de presentación de solicitudes ao enderezo: persoal.gain@xunta.gal, advertindo da presentación da solicitude e, de ser posible, do rexistro en que se presentou. A non remisión do correo electrónico non suporá en ningún caso a exclusión da persoa aspirante.

Nas solicitudes presentadas por medios electrónicos empregarase o procedemento PR004A, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal, indicando no asunto: «PROCESO MAISRIS3T».

O enderezo que figure nas solicitudes considerarase como o único válido para os efectos de notificacións, e serán responsabilidade exclusiva da persoa aspirante tanto os erros na súa consignación como a non comunicación dos cambios do domicilio.

Para calquera aclaración ou información adicional, as persoas interesadas poderán dirixirse á Área de Xestión da Axencia Galega de Innovación no correo electrónico persoal.gain@xunta.gal, indicando no asunto do correo «PROCESO MAISRIS3T».

Artigo 4. Trámites administrativos posteriores á presentación da solicitude

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán presentarse nas oficinas previstas no artigo 16 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas. Neste caso será recomendable remitir un correo electrónico antes da finalización do prazo de presentación de solicitudes ao seguinte enderezo: persoal.gain@xunta.gal. Nel advertirase da presentación e, de ser posible, do rexistro en que se presentou.

Artigo 5. Baremo de méritos. Acreditación de méritos

Para establecer a orde de prelación na puntuación dos/das aspirantes que corresponda á acreditación de méritos establecida nas presentes bases, aplicarase o seguinte baremo:

5.1. Servizos prestados: ata un máximo de 7 puntos.

a) Por cada mes de servizos prestados no estranxeiro en actividades relacionadas coas políticas e o financiamento comunitarios no ámbito da I+D+i nos últimos 5 anos: 0,4 puntos/mes, ata un máximo de 5 puntos.

b) Por cada mes de servizos prestados no estranxeiro en actividades relacionadas coas políticas e o financiamento comunitarios no ámbito da I+D+i nos últimos 5 anos, puntuados no número 5.1.a), que estean directamente relacionados coa implementación de estratexias de especialización intelixente (RIS3) engadiranse 0,25 puntos/mes, ata un máximo de 2 puntos.

c) Por cada mes de servizos prestados na execución de proxectos de cooperación internacional ou transnacional relacionados coa innovación e financiados pola Comisión Europea nos últimos 5 anos: 0,2 puntos ao mes, ata un máximo de 3 puntos.

d) Por cada mes de servizos prestados na execución de proxectos de cooperación internacional ou transnacional relacionados coa innovación e financiados pola Comisión Europea nos últimos 5 anos, puntuados no número 5.1.c) e que ademais estean directamente relacionados coa organización de eventos e comunicación de iniciativas comunitarias relacionadas coa I+D+i: engadiranse 0,1 puntos/mes, ata un máximo de 2 puntos.

5.2. Formación: ata un máximo de 3 puntos.

– Por cada curso organizado ou impartido pola Escola Galega de Administración Pública (EGAP), polo Instituto Nacional de Administración Pública (INAP), polas escolas oficiais de formación similares do Estado e das restantes comunidades autónomas, pola Academia Galega de Seguridade Pública, pola Escola Galega de Administración Sanitaria (Fegas), pola Axencia Galega de Coñecemento en Saúde (ACIS); cursos impartidos polos ministerios e cursos do Acordo de formación para o emprego das administracións públicas (Afedap); cursos impartidos polas organizacións sindicais que estean homologados pola EGAP; cursos impartidos polo INEM; cursos impartidos polas consellerías da Xunta de Galicia ou pola Axencia Galega de Innovación, ata un máximo de 1 punto:

Cursos de 15 ata 75 horas: 0,2 puntos.

Cursos de máis de 75 horas: 0,3 puntos.

– Por cada curso de coñecementos ofimáticos, ata un máximo de 1 punto:

Cursos de ata 75 horas: 0,2 puntos.

Cursos de máis de 75 horas: 0,3 puntos.

– Polo coñecemento doutros idiomas europeos ademais dos oficiais no Estado español, ata un máximo de 1 punto:

Igual ou maior do C1 en inglés: 0,3 puntos.

Igual ou menor do B1: 0,2 puntos por cada idioma.

Igual ou maior do B2: 0,3 puntos por cada idioma.

Sexta. Tribunal de selección

O tribunal de selección será nomeado mediante unha resolución da directora da Axencia Galega de Innovación e será constituído unha vez publicada na web http://gain.xunta.gal a relación definitiva de aspirantes. Serán de aplicación a este órgano as instrucións relativas ao funcionamento e actuación dos órganos de selección do 11 de abril de 2007, modificadas polo Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 8 de abril de 2010.

O tribunal de selección estará composto por un/unha presidente/a, un/unha secretario/a e un/unha vogal.

En relación coa composición paritaria do tribunal de selección, observarase o disposto no artigo 46 do Decreto lexislativo 2/2015, do 12 de febreiro, polo que se aproba o texto refundido das disposicións legais da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de igualdade.

O tribunal poderá dispor a incorporación aos seus traballos de persoal asesor, que terá voz pero non voto, como apoio para a correcta avaliación das persoas candidatas. O dito persoal limitarase a prestar a súa colaboración na súa especialidade técnica.

Sétima. Desenvolvemento do proceso de selección

7.1. Unha vez rematado o prazo de presentación de solicitudes, farase pública na páxina web da Axencia Galega de Innovación (http://gain.xunta.gal/) a relación provisional de persoas admitidas e excluídas, así como as causas da súa exclusión.

Poderanse formular alegacións contra as listaxes provisionais nun prazo máximo de cinco días hábiles, contados a partir do seguinte ao da súa publicación na páxina web da Axencia Galega de Innovación.

Unha vez resoltas as reclamacións, ditarase a resolución pola que se aproben as listas definitivas de persoas admitidas e excluídas.

Esta resolución farase pública na páxina web da Axencia Galega de Innovación.

O feito de figurar na relación de admitidos/as non prexulga que se lles recoñeza ás persoas interesadas a posesión dos requisitos exixidos na presente convocatoria. Cando da documentación que se debe presentar no caso de superar o proceso de selección se desprenda que non posúen algún dos requisitos, as persoas interesadas decaerán en todos os dereitos que poidan derivar da súa participación neste procedemento.

7.2. O proceso constará de dúas fases:

Primeira fase: valoración de méritos. A puntuación máxima da fase de méritos será de dez (10) puntos. Non se exixirá unha puntuación mínima para pasar á segunda fase do proceso.

Segunda fase: realización dunha entrevista. A puntuación máxima da entrevista será dun (1) punto.

7.3. Primeira fase: o tribunal realizará unha baremación provisional dos méritos alegados polas persoas aspirantes con expresión da puntuación obtida nunha orde decrecente de maior a menor puntuación.

Poderanse formular alegacións contra o baremo provisional nun prazo máximo de cinco días hábiles, contados a partir do seguinte ao da súa publicación na páxina web da Axencia.

O tribunal de selección, se é o caso, e só para os efectos de aclarar posibles dúbidas sobre a documentación achegada, poderá requirir a presenza das persoas aspirantes que considere oportuno.

A estimación ou desestimación das ditas alegacións entenderase implícita na publicación da puntuación definitiva da primeira fase do proceso.

7.4. Segunda fase: consistirá nunha entrevista persoal non eliminatoria para valorar o grao de adecuación das persoas aspirantes.

Para a realización da entrevista disporase dun tempo máximo de quince (15) minutos. A entrevista cualificarase de 0 a 1 punto.

O tribunal de selección publicará na web da Axencia Galega de Innovación (http://gain.xunta.gal) os nomes das persoas convocadas, o lugar, a data e a hora de realización da entrevista. A entrevista realizarase en inglés e galego e versará sobre o curriculum vitae da persoa candidata, as funcións que desempeñará no posto de traballo, os seus coñecementos sobre as políticas e programas comunitarios relacionados coa I+D+i e o seu coñecemento dos mecanismos de implementación das estratexias de especialización intelixente RIS3.

As persoas convocadas a esta fase deberán presentarse no lugar indicado co orixinal do DNI, o permiso de conducir ou, na súa falta, o pasaporte.

Una vez realizadas as entrevistas, o tribunal publicará na web http://gain.xunta.gal a listaxe coas puntuacións provisionais das persoas aspirantes.

Poderanse formular alegacións contra as puntuacións provisionais da segunda fase nun prazo de tres (3) días hábiles, contados a partir do seguinte ao da súa publicación.

Transcorrido o prazo de alegacións, o tribunal procederá ás puntuacións globais definitivas, que serán elevadas á Dirección da Axencia Galega de Innovación para que dite a resolución coas puntuacións globais definitivas das persoas aspirantes polo mesmo medio que a listaxe provisional, con expresión da puntuación obtida nunha orde decrecente.

7.5. De se producir un empate na puntuación, acudirase para dirimilo á puntuación outorgada polos méritos alegados segundo a orde establecida neste anexo e, se persiste, a favor da primeira letra do primeiro apelido, segundo a orde establecida anualmente na resolución da Consellería de Facenda e Administracións Públicas pola que se publica o resultado do sorteo a que se refire o Regulamento de selección de persoal da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia.

No obstante o anterior, no suposto de infrarrepresentación do sexo feminino, o primeiro criterio de desempate será o de ter a condición de muller.

7.6. Os/as primeiros/as aspirantes da lista definitiva publicada serán os/as candidatos/as seleccionados/as para a cobertura das prazas obxecto desta convocatoria, que deberán presentar nun prazo non superior a dez (10) días hábiles desde que se publiquen as ditas listas, a seguinte documentación perante a Axencia:

– Tarxeta sanitaria e/ou número de afiliación á Seguridade Social.

– Certificado médico oficial ou informe de saúde nos cales se acrediten os aspectos sinalados na base 2.7.

– Declaración, baixo a súa responsabilidade, de non ter sido separado/a do servizo de ningunha Administración pública en virtude dun expediente disciplinario nin encontrarse inhabilitado/a por unha sentenza firme para o exercicio de funcións públicas, para os efectos de acreditar os aspectos sinalados no número 2.8 das bases.

7.7. Se algunha das persoas seleccionadas non presenta a documentación indicada no número anterior no prazo establecido, ou presenta a súa renuncia á súa contratación para o posto para o que foi seleccionado/a (caso en que se fará mediante unha solicitude expresa ao respecto, no mesmo prazo sinalado no punto anterior), resultará, en calquera caso, automaticamente seleccionado/a o/a seguinte aspirante segundo a orde de prelación da lista, que deberá presentar, nun novo prazo non superior a dez días hábiles desde o remate do anterior, a documentación citada no punto 7.5. Procederase desta forma ata que un/unha candidato/a presente en prazo e validamente a súa documentación.

7.8. Unha vez seleccionadas as persoas candidatas e presentada a súa documentación segundo o establecido nos puntos anteriores, comprobado o cumprimento dos requisitos exixidos, formalizaranse as contratacións obxecto da convocatoria.

Oitava. Norma derradeira

8.1. Todas as resolucións do proceso de selección se publicarán na páxina web da Axencia Galega de Innovación na epígrafe Procesos selectivos.

8.2. Esta convocatoria, as súas bases e cantos actos administrativos deriven dela ou da actuación do tribunal, co carácter de definitivos ou que, sendo de trámite, decidan sobre o fondo do asunto, poderán ser impugnados polos/as interesados/as no prazo e na forma establecidos pola Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común.

Santiago de Compostela, 4 de setembro de 2026. Carmen Cotelo Queijo, directora da Axencia Galega de Innovación.

ANEXO II

Modelo de solicitude

DATOS PERSOAIS:

Primeiro apelido

Segundo apelido

Nome

DNI

Data de nacemento

Domicilio, rúa e núm.

Provincia

Localidade

Teléfono

Correo electrónico

NO CASO DE PRESTAR SERVIZOS NA ADMINISTRACIÓN PÚBLICA:

Vínculo xurídico

Categoría profesional

Situación administrativa

Destino actual

Dependencia

Localidade

SOLICITO: ser admitido/a na convocatoria para prover as prazas para o posto de titulado/a superior –xestor de proxectos– anunciada pola Resolución ......................................................................................................, ao considerar que reúno os requisitos exixidos.

(Lugar, data e sinatura)

Axencia Galega de Innovación

Edificio CNTG, rúa Airas Nunes, s/n

15702 Santiago de Compostela