DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 178 Venres, 18 de setembro de 2026 Páx. 49512

III. Outras disposicións

Consellería de Emprego, Comercio e Emigración

EXTRACTO da Orde do 9 de setembro de 2026 pola que se establecen as bases que regulan as axudas e subvencións para o fomento do emprego a través dos programas de cooperación no ámbito de colaboración coas entidades sen ánimo de lucro para a contratación de axentes de emprego e unidades de apoio, e se procede á súa convocatoria para o ano 2026 (código de procedemento TR352B).

BDNS (Identif.): 929853.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións:

https://www.infosubvenciones.es/bdnstrans/GE/es/convocatoria/929853

Primeiro. Entidades beneficiarias

Entidades sen ánimo de lucro que establezan accións específicas de conformidade cos seus estatutos para a inserción das persoas con discapacidade e/ou en risco de exclusión social, e que estean a desenvolver actividades de promoción e implantación de políticas activas de emprego, relacionadas fundamentalmente coa promoción do emprego, o autoemprego e o desenvolvemento local.

Segundo. Obxecto

Financiamento de accións de fomento de emprego en colaboración con entidades sen ánimo de lucro prestadoras de servizos sociais, a través da concesión de axudas e subvencións para a contratación, nesta convocatoria do ano 2026 ou prórroga da contratación concedida na convocatoria do ano 2025, de axentes de emprego e unidades de apoio (procedemento TR352B), que colaborarán na implantación das políticas activas de emprego e na realización de funcións relacionadas coa dinamización e coa creación de emprego no ámbito das persoas con discapacidade e/ou en risco de exclusión social.

Terceiro. Bases reguladoras

Orde do 9 de setembro de 2026 pola que se establecen as bases que regulan as axudas e subvencións para o fomento do emprego a través dos programas de cooperación no ámbito de colaboración coas entidades sen ánimo de lucro para a contratación de axentes de emprego e unidades de apoio, e se procede á súa convocatoria para o ano 2026 (código de procedemento TR352B).

Cuarto. Importe

O importe global previsto na orde é de 1.200.000,00 euros.

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes, contado desde o día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Para estes efectos, entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se este último día é inhábil, entenderase prorrogado ata o primeiro día hábil seguinte. Se no mes de vencemento non hai día equivalente, entenderase que o prazo finaliza o último día do mes.

Santiago de Compostela, 9 de setembro de 2026

José González Vázquez
Conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración