Examinado o expediente instruído por solicitude de UFD Distribución Electricidad, S.A. sobre as autorizacións administrativas previa e de construción e a declaración, en concreto, de utilidade pública das instalacións eléctricas que se describen a seguir:
Solicitante: UFD Distribución Electricidad, S.A.
Domicilio social: avenida San Luis, 77, 28033 Madrid.
Denominación: Instalación de reconectador TC na LMTA CEL804 no apoio número 62-29-1.
Situación: lugar de Barreal, concello da Bola.
Orzamento: 23.873,08 €.
Características principais do proxecto, que foi asinado o 4.3.2026 polo enxeñeiro técnico industrial Antonio Javier Sabín Vázquez, colexiado número 2.233 do Coeticor:
• Substitución, na LMTA CEL804, do apoio número 62-29-1, do tipo HV, por un novo apoio de celosía metálica do tipo C-16/2000, no cal se instala un reconectador telecontrolado. Substitución do condutor entre o apoio existente número 62-29 e o novo apoio número 62-29-1 por 69 m de novo condutor LA-56. Substitución do apoio número 62-29-2, do tipo HV, por un novo apoio de celosía metálica do tipo C-16/1000.
A información pública do proxecto foi realizada mediante o Acordo deste departamento territorial do 30.3.2026, que foi inserido no DOG do 24.4.2026 e no xornal La Región de Ourense do 21.4.2026. O proxecto tamén estivo en exposición pública neste departamento territorial e no portal de transparencia desta consellería durante o prazo regulamentario.
Dentro do prazo establecido para iso, foron presentadas alegacións polo propietario do predio número 1. Nelas fai diversas consideracións relativas ás afectacións que sofre o seu predio e os prexuízos causados a este como consecuencia da instalación eléctrica proxectada. Tamén solicita o cambio do percorrido da liña eléctrica no sentido de desprazala para seguir o trazado da vía pública que existe na marxe do seu predio.
UFD contestou estas alegación nos seguintes termos:
Con respecto ás afectacións, indica que toma nota das consideracións en canto ao tipo de cultivo e que será o perito designado pola Administración o encargado de indicarlle a forma en que se encontra afectado o seu predio o día que se levanten as actas previas.
Tamén indica que o proxecto técnico obxecto de tramitación nestas dependencias cumpre con todos os requisitos formais e de carácter técnico e legais exixidos pola lexislación vixente na materia, e non incorre en ningunha das prohibicións e limitacións á constitución da servidume de paso establecidas na lexislación e, en particular, no artigo 58 da Lei 24/2013 e no artigo 161 do mencionado Real decreto 1955/2000.
No que respecta á posibilidade de colocalo no límite coa vía pública, indica que tecnicamente non sería viable e, ademais, afectaría a seguridade viaria. Por outra banda, alega que a variación do trazado proposto é superior en lonxitude ao 10 % da parte da liña afectada pola variación que, segundo o proxecto, transcorra sobre a propiedade do solicitante desta, como establece o artigo 161 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro.
Á vista de todo o sinalado, non procede estimar as alegacións no aspecto referido ao cambio de trazado, posto que segundo o artigo 161 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, non existe prohibición nin limitación á servidume de paso definida no proxecto técnico. O cambio proposto excedería o 10 % en lonxitude ou en altura da parte de liña afectada pola variación que, segundo o proxecto, transcorre sobre a propiedade do alegante. Ademais, o citado precepto regulamentario indica tamén que se considerará non admisible a variante cando o custo desta sexa superior nun 10 % ao orzamento da parte da liña afectada pola variante.
Polo que respecta ás afectacións e ás compensacións que proceda establecer como consecuencia da ocupación, serán fixadas no procedemento expropiatorio, polo que non procede entrar a valoralas neste momento do procedemento de declaración de utilidade pública.
En consecuencia, cumpridos os trámites ordenados na Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, e nos capítulos II e V do título VII do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica, así como na Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia (DOG núm. 39, do 26 de febreiro), este departamento territorial
RESOLVE:
Conceder as autorizacións administrativas previa e de construción e declarar, en concreto, a utilidade pública das ditas instalacións, cuxas características se axustarán en todas as súas partes ás que figuran no proxecto de execución e ás condicións técnicas e de seguridade establecidas nos regulamentos de aplicación, e nos condicionados establecidos polos ministerios, organismos ou corporacións que constan no expediente.
Estas autorizacións outórganse sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros necesarios para a realización das obras da instalación autorizada.
O prazo de posta en marcha das instalacións que se autorizan será de seis meses, contados a partir da data da última autorización administrativa necesaria para a súa execución.
A declaración de utilidade pública leva implícita a necesidade de ocupación dos bens ou de adquisición dos dereitos afectados e implica a urxente ocupación para os efectos do artigo 52 da Lei de expropiación forzosa, do 16 de decembro de 1954.
Que o representante da Administración, en cumprimento do disposto no artigo 52 da Lei de expropiación forzosa, do 16 de decembro de 1954, e no 149 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, dea comezo ao levantamento das actas previas á ocupación, nos días e horas que a cada interesado se lle notifiquen de xeito individual, daqueles predios que figuran no anexo do acordo de información pública do proxecto arriba sinalado.
Contra esta resolución, que non é definitiva na vía administrativa, cabe interpor recurso de alzada ante a conselleira de Economía e Industria no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da notificación ou publicación desta resolución, conforme o establecido no artigo 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, sen prexuízo de que os interesados poidan interpoñer calquera outro recurso que consideren pertinente.
Ourense, 28 de agosto de 2026
Jorge Pumar Tesouro
Director territorial de Ourense
