En cumprimento do disposto no artigo 42.4 da Lei 1/2021, do 8 de xaneiro, de ordenación do territorio de Galicia, faise público o Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 7 de setembro de 2026, polo que se declara de interese autonómico o proxecto denominado Ordenación da contorna do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago de Compostela (CHUS).
Exposición de motivos:
O proxecto reúne as condicións exixidas polo artigo 41 da Lei 1/2021 para a súa declaración como proxecto de interese autonómico, ao concorrer tanto o requisito de transcendencia supramunicipal como o da súa función vertebradora e estruturante do territorio.
En efecto, o Complexo Hospitalario Universitario de Santiago (CHUS) constitúe un equipamento sanitario estratéxico de referencia que presta asistencia especializada á Área Sanitaria de Santiago de Compostela e Barbanza, integrada por 46 concellos e cunha poboación aproximada de 425.000 habitantes. Ademais, atende pacientes procedentes doutras áreas sanitarias de Galicia nas especialidades de maior complexidade.
Así mesmo, o proxecto responde á planificación do Sistema público de saúde de Galicia, contribúe á adaptación das infraestruturas sanitarias ás necesidades derivadas da evolución demográfica e do envellecemento da poboación, e reforza a cohesión territorial e a calidade asistencial mediante a modernización dun equipamento estratéxico para a Comunidade Autónoma.
Por todo iso, o Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día sete de setembro de dous mil vinte e seis adoptou, entre outros, o seguinte acordo:
1. Declarar o interese autonómico para os efectos previstos na Lei 1/2021, do 8 de xaneiro, de ordenación do territorio de Galicia, do proxecto denominado Ordenación da contorna do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago de Compostela (CHUS), situado no concello de Santiago de Compostela.
2. Determinar como órgano competente por razón da materia a Consellería de Sanidade.
3. Informar de que, de acordo coa encomenda do conselleiro de Sanidade, do 13 de xuño de 2025, o organismo tramitador do expediente será a Axencia Galega de Infraestruturas.
Contra este acordo, que pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer recurso potestativo de reposición, no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da súa notificación ou publicación, de acordo co disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, ou ben directamente recurso contencioso-administrativo, ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contado desde o día seguinte ao da súa notificación ou publicación, de conformidade co establecido nos artigos 10, 14 e 46.1 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa, sen prexuízo de que os interesados poidan interpoñer calquera outro recurso que consideren pertinente.
O que se fai público para xeral coñecemento.
Santiago de Compostela, 11 de setembro de 2026
Amparo Pousada Soliño
Directora xeral de Recursos Económicos
