DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 181 Mércores, 23 de setembro de 2026 Páx. 50124

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería do Medio Rural

ANUNCIO do 2 de setembro de 2026, do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Ourense, polo que se publica a resolución relativa á revisión de esbozo do monte veciñal en man común Serra de Pena Petada, no concello da Pobra de Trives.

Examinada a solicitude de revisión de esbozo formulada polos representantes do monte veciñal en man común (en diante, MVMC) Serra de Pena Petada, pertencente á Comunidade de Montes Veciñais en Man Común (en diante, CMVMC) de Pena Petada, no concello da Pobra de Trives, resultan os seguintes

Feitos:

Primeiro. O día 29.8.2025, a CMVMC de Pena Petada presentou unha solicitude (Rexel núm. 2025/2361763) correspondente coa proposta de revisión de esbozo do MVMC Serra de Pena Petada, no concello da Pobra de Trives.

Coa solicitude achegaron a seguinte documentación:

– Certificación do Acordo da Asemblea Xeral do 19 de xullo de 2025.

– Informe e planos.

– Arquivos xeográficos en formato vectorial.

Segundo. O Servizo de Montes do Departamento Territorial de Ourense emitiu un informe favorable o día 30 de outubro de 2025 en relación coa citada solicitude. O perímetro obxecto de revisión comprende as partes lindeiras con particulares.

Non obstante, dentro do novo perímetro inclúese unha parcela que figura a nome dun particular a cal xa constaba como tal no catastro de 1958. O interesado presentou o día 19.5.2026 documentación en que reclama a titularidade da parcela 9 do polígono 62, da Pobra de Trives. En concreto achega varios cadernos particionais en que se identifica a parcela en cuestión.

O Xurado Provincial acorda a exclusión da parcela número 9 do polígono 62, do concello da Pobra de Trives, con base na documentación presentada polo particular, a cal acredita a súa titularidade da citada parcela.

Polo que resulta unha superficie revisada de 245,58 ha fronte ás 274 do acordo de clasificación, o que supón finalmente unha redución do 3,3 %.

Consideracións legais e técnicas:

Única. A Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, na súa disposición transitoria décimo terceira, establece o procedemento de revisión de esbozos de montes veciñais en man común.

De acordo con ela, os esbozos de montes veciñais integrados nun expediente que, pola súa antigüidade non reúnan as características de fiabilidade e precisión que exixen as novas técnicas topográficas poderán ser obxecto de revisión axustándoos e completándoos con aqueles datos e documentos que se consideren necesarios, en particular os requiridos para a súa inmatriculación no Rexistro da Propiedade.

De acordo cos feitos e fundamentos de dereito expostos, e tendo en conta o informe favorable do Servizo de Montes do día 30.10.2025, o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común acordou por unanimidade o día 22.6.2026:

Aprobar a proposta de revisión de esbozo do MVMC Serra de Pena Petada, pertencente á CMVMC de Pena Petada, no Concello da Pobra de Trives, coa exclusión da parcela número 9 do polígono 62.

Contra esta resolución, que pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer recurso potestativo de reposición ante o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Ourense no prazo dun mes, ou ben directamente recurso contencioso-administrativo ante o Xulgado do Contencioso-Administrativo de Ourense, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao desta notificación, de acordo co disposto no artigo 12 da citada Lei 13/1989, nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, de 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e nos artigos 8 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Ourense, 2 de setembro de 2026

José Antonio Armada Pérez
Presidente do Xurado Provincial de Clasificación
de Montes Veciñais en Man Común de Ourense

ANEXO

missing image file