A Lei orgánica 1/2002, do 22 de marzo, reguladora do dereito de asociación, recoñece a importancia do fenómeno asociativo como instrumento de integración, participación e representación dos lexítimos intereses dos cidadáns, e con este obxecto prevé unha serie de medidas para facilitar o desenvolvemento das asociacións. Entre estas medidas de fomento recóllese a posibilidade de que as entidades asociativas sen fins de lucro poidan ser declaradas de utilidade pública.
En concreto, o artigo 32 da citada Lei orgánica 1/2002, do 22 de marzo, sinala que por iniciativa das correspondentes asociacións, poderán ser declaradas de utilidade pública aquelas nas que concorran determinados requisitos, que en esencia consisten en que os fins estatutarios promovan o interese xeral, que a súa actividade non beneficie exclusivamente os asociados, que os membros dos órganos de representación que perciban retribucións non o fagan con cargo a fondos ou subvencións públicos, que conten con medios persoais e materiais axeitados e cunha organización idónea para o cumprimento dos seus fins estatutarios e, finalmente, que se atopen constituídas, inscritas no rexistro correspondente, en funcionamento e dando cumprimento efectivo aos seus fins estatutarios durante os dous anos inmediatamente anteriores á presentación da solicitude.
No ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, o Decreto 157/2008, do 10 de xullo, sobre a asunción de funcións da Administración do Estado traspasadas á Comunidade Autónoma de Galicia mediante Real decreto 1080/2008, do 30 de xuño, en materia de declaración de utilidade pública de asociacións e aplicación dos beneficios fiscais, e sobre a súa asignación á Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza (actual Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes), establece que para resolver o procedemento de declaración de utilidade pública será competente a persoa titular da citada consellería, tras instrución do procedemento por parte do órgano que resulte habilitado por razón do rexistro en que estea inscrita a asociación solicitante.
En aplicación desta normativa, e precedendo solicitude de declaración de utilidade pública por parte da entidade interesada, o Departamento Territorial da Coruña instruíu o correspondente procedemento administrativo, seguindo as prescricións contidas no Real decreto 1740/2003, do 19 de decembro, sobre procedementos relativos a asociacións de utilidade pública.
No dito expediente constan as contas anuais, a memoria de actividades e os demais documentos de obrigada achega por parte da asociación interesada, así como tamén os informes dos departamentos e organismos competentes, e sinaladamente o preceptivo informe do Ministerio de Facenda.
Logo do exame da normativa aplicable e da documentación que figura no expediente, ponse de manifesto que a entidade solicitante reúne os requisitos necesarios para obter a declaración de utilidade pública.
Na súa virtude, e ao amparo das facultades previstas no Decreto 157/2008, do 10 de xullo,
RESOLVO:
Declarar de utilidade pública a Asociación de Padres de Disminuidos Psíquicos de Oleiros Aspadisol, inscrita no Rexistro Provincial de Asociacións da Coruña co número 1993/3216-1ª.
Contra a presente orde, que pon fin á vía administrativa, pódese interpoñer recurso contencioso ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia no prazo de dous meses, de conformidade co disposto na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa. Con carácter previo poderase interpoñer, no prazo dun mes, recurso potestativo de reposición ante o mesmo órgano que ditou esta orde, segundo establecen os artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.
Santiago de Compostela, 17 de setembro de 2026
Diego Calvo Pouso
Conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes
