DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 186 Mércores, 30 de setembro de 2026 Páx. 50690

II. Autoridades e persoal

b) Nomeamentos

Consellería de Sanidade

RESOLUCIÓN do 17 de setembro de 2026 pola que se modifica a composición do Comité Territorial de Ética da Investigación de Santiago-Lugo.

O presidente do Comité Territorial de Ética da Investigación de Santiago-Lugo comunicou o 7 de novembro de 2026 a proposta de modificación da composición do referido comité.

Antecedentes:

Primeiro. Mediante a Resolución do 25 de febreiro de 2026, que se publicou no Diario Oficial de Galicia do 10 de marzo de 2026, concedeuse a renovación da acreditación do Comité Territorial de Ética da Investigación de Santiago-Lugo e nomeáronse como membros as persoas que se relacionaban no seu anexo.

Segundo. O presidente do devandito comité comunicou a proposta de modificación da súa composición, consistente:

1. Na renuncia, por petición propia, de Mª del Carmen Freire Dapena.

2. Na proposta de nomeamento, en substitución da persoa anterior, de Néstor Vázquez Agra.

Consideracións legais e técnicas:

Primeira. O Decreto 63/2013, do 11 de abril, polo que se regulan os comités de ética da investigación en Galicia, recolle no capítulo III a regulamentación correspondente aos comités territoriais.

No que atinxe á súa composición, os comités territoriais de ética da investigación terán, segundo dispón o seu artigo 9.1, unha composición multidisciplinar e estarán formados por un mínimo de nove e un máximo de quince membros, de xeito que se asegure a súa independencia, competencia e experiencia na toma de decisións e no cumprimento das súas funcións.

Na actualidade, coa referida proposta de cambio de composición, o Comité Territorial de Ética da Investigación de Santiago-Lugo axústase igualmente ao tope numérico indicado no parágrafo anterior.

Segunda. O citado decreto, no seu artigo 9.5, establece que os membros destes comités serán designados e nomeados pola persoa titular da consellería competente en materia de sanidade, a proposta da Secretaría Xeral Técnica, e garantirase en todo caso a representación equilibrada de homes e mulleres. As persoas titulares da presidencia, vicepresidencia, secretaría e vicesecretaría serán elixidas polo propio comité de entre os seus membros.

Terceira. O artigo 9.6 do decreto dispón que o nomeamento se efectuará por un período coincidente co da vixencia da acreditación do comité, aínda que poderá ser revogado por solicitude de baixa da persoa interesada, por modificarse as circunstancias que motivaron a súa designación de modo que supoña a perda dos requisitos para integrar o comité ou por se producir un incumprimento notorio das súas funcións, a criterio do comité e logo de lle dar audiencia á persoa interesada.

Á vista do exposto, e de acordo coa proposta do 16 de setembro de 2026 que efectuou a Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Sanidade,

RESOLVO:

Primeiro. O cesamento de Mª del Carmen Freire Dapena como integrante do Comité Territorial de Ética da Investigación de Santiago-Lugo.

Segundo. O nomeamento de Néstor Vázquez Agra como integrante do Comité Territorial de Ética da Investigación de Santiago-Lugo.

Santiago de Compostela, 17 de setembro de 2026

Antonio Gómez Caamaño
Conselleiro de Sanidade