O presidente do Comité de Ética da Investigación con Medicamentos de Galicia comunicou, o 7 de setembro de 2026, a proposta de modificación da composición do referido comité.
Antecedentes:
Primeiro. Mediante a Resolución do 8 de maio de 2026, que se publicou no Diario Oficial de Galicia do 25 de maio de 2026, concedeuse a renovación da acreditación do Comité de Ética da Investigación con Medicamentos de Galicia (CEIM-G) e nomeáronse como membros as persoas que se relacionaban no seu anexo.
Segundo. O presidente do devandito comité comunicou a proposta de modificación da súa composición, consistente:
1. Na renuncia, por motivos persoais, de Nuria Carballeda Feijoo.
2. Na proposta de nomeamento de Ana María Peinó García en substitución da persoa anterior.
Consideracións legais e técnicas:
Primeira. O Decreto 63/2013, do 11 de abril, polo que se regulan os comités de ética da investigación en Galicia, recolle no capítulo II a regulamentación correspondente ao Comité Autonómico de Ética da Investigación de Galicia.
No que atinxe á súa composición, segundo dispón o artigo 5.1, estará formado por un mínimo de nove e un máximo de vinte e cinco membros, de maneira que se asegure a independencia, competencia e experiencia na toma de decisións e no cumprimento das súas funcións.
Na actualidade, coa referida proposta de cambio de composición, o Comité axústase igualmente ao tope numérico indicado no parágrafo anterior.
Segunda. O citado decreto, no seu artigo 5.5, establece que os membros deste comité serán designados/as e nomeados/as pola persoa titular da consellería competente en materia de sanidade, por proposta da Secretaría Xeral Técnica, garantindo en todo caso a representación equilibrada de homes e mulleres. O/a presidente/a, vicepresidente/a, secretario/a e vicesecretario/a serán elixidos/as polo propio comité de entre os seus membros.
Terceira. O artigo 5.7 do decreto dispón que o nomeamento se efectuará por un período coincidente co da vixencia da acreditación do Comité, aínda que poderá ser revogado ben por solicitude de baixa da persoa interesada, ben por se modificaren as circunstancias que motivaron a súa designación de modo que supoña a perda dos requisitos para integrar o Comité, ou ben por incumprimento notorio das súas funcións, segundo o criterio do Comité, e logo de dar audiencia á persoa interesada.
Logo de ver o exposto, e de acordo coa proposta do 16 de setembro de 2026 que efectuou a Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Sanidade,
RESOLVO:
Primeiro. O cesamento de Nuria Carballeda Feijoo como integrante do Comité de Ética da Investigación con Medicamentos de Galicia.
Segundo. O nomeamento de Ana María Peinó García como nova integrante do Comité de Ética da Investigación con Medicamentos de Galicia.
Santiago de Compostela, 17 de setembro de 2026
Antonio Gómez Caamaño
Conselleiro de Sanidade
