Examinado o expediente de declaración de interese galego e de inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego da Fundación Antela, dítase esta resolución, baseada nos feitos e fundamentos que se expoñen a seguir:
FEITOS:
Primeiro. O 15 de xaneiro de 2026 Carlos Díaz Pérez, autorizado pola fundación, presentou solicitude de clasificación e declaración de interese galego, e da súa correspondente inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.
Segundo. A Fundación Antela constituíuse, mediante escritura pública outorgada o 12 de decembro de 2025 co número de protocolo 4199, ante a notaria de Ourense María Isabel Louro García.
Terceiro. A fundación, consonte o artigo 6 dos seus estatutos, ten como obxecto realizar actividades de conservación da natureza, da paisaxe e dos ecosistemas naturais, coa súa fauna, flora e xea asociadas, así como de estudo e divulgación dos valores naturais, xunto coa restauración de espazos degradados, dedicando especial atención a:
– Promover a restauración e recuperación de ríos, zonas húmidas e zonas marxinais do outrora gran complexo húmido conformado pola Lagoa de Antela e as chairas inundables da Limia.
– Contribuír á conservación ou recuperación de hábitats e de especies de flora e fauna de conservación prioritaria.
– Coñecer, divulgar e protexer os valores naturais e tradicionais da Lagoa de Antela e A Limia.
O seu obxecto está, polo tanto, relacionado con competencias baseadas nas materias de medio ambiente, conservación do patrimonio natural, promoción da paisaxe e protección das augas.
Cuarto. Na escritura de constitución da fundación constan os particulares relativos á personalidade do fundador; á súa capacidade para constituíla; á súa vontade de facelo como de interese galego conforme os preceptos da Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego; á dotación; aos estatutos; e mais á composición do padroado inicial.
Quinto. Nos estatutos da fundación consta a súa denominación; o seu enderezo; o seu obxecto e finalidade; as regras para a aplicación das rendas aos fins fundacionais e para a determinación dos beneficiarios; a composición e as normas de funcionamento do padroado; e as causas de disolución e o destino dos bens e dereitos resultantes da súa liquidación.
Sexto. O padroado inicial da fundación está formado por Isabel Álvarez Balvís, como presidenta; Marcos Manuel Freán Hernández, como vicepresidente; e Serafín Jesús González Prieto, como secretario.
Sétimo. A comisión integrada polos secretarios xerais de todas as consellerías eleva ao conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes a proposta de clasificación como de interese cultural da Fundación Antela, con base nas materias que constitúen o seu obxecto fundacional, polo que, cumpríndose os requisitos esixidos na Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego, e segundo establece o artigo 47.2 da citada lei; o artigo 51 do Regulamento de fundacións de interese galego, aprobado polo Decreto 14/2009, do 21 de xaneiro; e mais o artigo 7 do Regulamento do Rexistro de Fundacións de Interese Galego, aprobado polo Decreto 15/2009, do 21 de xaneiro, o protectorado será exercido polo departamento da Xunta de Galicia que teña atribuídas as competencias correspondentes aos fins fundacionais.
Oitavo. De conformidade coa citada proposta, por Orde da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes do 21 de agosto de 2026 (Diario Oficial de Galicia núm. 163, do 28 de agosto de 2026) clasificouse de interese para a defensa do medio natural de Galicia a Fundación Antela, e adscribiuse á Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático para os efectos do exercicio das funcións de protectorado.
Fundamentos de dereito:
Primeiro. O artigo 34 da Constitución española recoñece o dereito de fundación para fins de interese xeral, de acordo coa lei, mentres que o artigo 27.26 do Estatuto de Autonomía para Galicia establece que é competencia exclusiva da Comunidade Autónoma galega o réxime das fundacións de interese galego.
Segundo. De acordo co disposto no artigo 7.2 do Regulamento do Rexistro de Fundacións de Interese Galego, en relación co Decreto 137/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, correspóndelle a esta consellería a declaración de interese galego da fundación mediante resolución publicada no Diario Oficial de Galicia e a súa inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego da Fundación Antela, así como tamén o exercicio das funcións de protectorado e das demais que lle correspondan á Xunta de Galicia de conformidade co indicado no dito regulamento.
Á vista do que antecede, tendo en consideración o establecido na normativa vixente en materia de fundacións de interese galego e nas demais normas de xeral e pertinente aplicación, e no uso das competencias conferidas polo Decreto 137/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático,
RESOLVO:
Primeiro. Declarar de interese galego a Fundación Antela.
Segundo. Ordenar a súa inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego, sección da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático.
Terceiro. Esta fundación queda sometida ao disposto na Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego; no Regulamento de fundacións de interese galego, aprobado polo Decreto 14/2009, do 21 de xaneiro; no Regulamento do Rexistro de Fundacións de Interese Galego, aprobado polo Decreto 15/2009, do 21 de xaneiro; e na demais normativa concordante de aplicación, e especialmente ás obrigas de dar publicidade suficiente dos seus obxectivos e actividades, á da ausencia de ánimo de lucro na prestación dos seus servizos e á de presentación anual da documentación contable e do plan de actuación ante o protectorado, que será exercido pola Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático.
Contra esta resolución, que non pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer recurso de alzada ante a conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da súa publicación, de acordo co sinalado nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.
Santiago de Compostela, 22 de setembro de 2026
Mª Carmen Bouso Montero
Secretaria xeral técnica da Consellería de Medio
Ambiente e Cambio Climático
