Na sesión que tivo lugar o día 23 de setembro de 2026, o tribunal nomeado pola Resolución do 6 de outubro de 2025 (DOG núm. 197, do 13 de outubro), para cualificar o proceso selectivo para o ingreso na escala de persoal de limpeza e recursos naturais e forestais, especialidade limpeza e cociña (AP), da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, en prazas reservadas para seren cubertas por persoas que acrediten discapacidade intelectual, convocado pola Resolución da Consellería de Facenda e Administración Pública do 16 de novembro de 2023 (DOG núm. 220, do 20 de novembro),
ACORDOU:
Primeiro. De conformidade co disposto na base 2.1.1.2 da convocatoria e no acordo deste tribunal do 16 de xuño de 2026, polo que se establecen os criterios de corrección, valoración e superación do segundo exercicio do proceso selectivo, este exercicio (obrigatorio e non eliminatorio) consistirá na contestación por escrito dun cuestionario de dez (10) preguntas tipo test con tres (3) respostas alternativas, das cales só unha (1) será a correcta. As ditas preguntas estarán relacionadas cun texto de galego adaptado, que será entregado ás persoas aspirantes no momento de realizar o exercicio, e corresponderá ao tribunal determinar o coñecemento da lingua galega de acordo co nivel do Celga requirido no proceso selectivo (Celga 2 ou equivalente). O exercicio cualificarase de 0 a 10 puntos.
Segundo. Realizada a corrección nas sesións celebradas entre o 18 e o 23 de setembro de 2026, publicar as puntuacións obtidas polas persoas aspirantes presentadas á proba realizada o día 22 de xuño de 2026, correspondente ao segundo exercicio do proceso selectivo para o ingreso na escala de persoal de limpeza e recursos naturais e forestais, especialidade limpeza e cociña (AP), da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, en prazas reservadas para seren cubertas por persoas que acrediten discapacidade intelectual, no portal web corporativo funcionpublica.xunta.gal
Terceiro. De acordo co disposto na base 2.1.2.8 da convocatoria, as persoas aspirantes poderán presentar as alegacións que consideren oportunas con relación ás puntuacións, no prazo de dez (10) días hábiles contados desde o seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.
Cuarto. De conformidade co disposto na base 3.13 da convocatoria, contra este acordo poderase interpoñer un recurso de alzada ante a persoa titular da Consellería de Facenda e Administración Pública, nos termos previstos nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.
Santiago de Compostela, 23 de setembro de 2026
Constantino Piñeiro Cajete
Presidente do tribunal
