En sesións que tiveron lugar o 15 o 24 de setembro de 2026, o tribunal nomeado pola Resolución do 27 de abril de 2026 (DOG núm. 81, do 4 de maio) para cualificar o proceso selectivo para o ingreso, pola quenda de promoción interna, no corpo administrativo da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, subgrupo C1, convocado pola Resolución do 22 de outubro de 2025 (DOG núm. 208, do 28 de outubro) e corrección de erros (DOG núm. 222, do 17 de novembro), acordou o seguinte con relación ao primeiro exercicio do proceso selectivo:
Primeiro. Ao abeiro do previsto na base II.1.2.7 da convocatoria e logo de revisar as reclamacións presentadas contra o primeiro exercicio deste proceso selectivo, realizado o 27 de xuño de 2026, acordouse:
Rectificar o cadro de respostas inicialmente publicado no portal web corporativo xunta.gal/funcion-publica. Corríxese o erro material na resposta á pregunta 81, cuxa opción correcta é a «d».
Así mesmo, á vista das alegacións presentadas, anúlanse as preguntas 32 e 33 da primeira parte, que son substituídas polas preguntas de reserva 121 e 122.
Da segunda parte anúlanse as preguntas 92 e 104 e a primeira pregunta de reserva desta parte, a 125. En consecuencia, as preguntas 92 e 104 son substituídas polas preguntas de reserva segunda e terceira da segunda parte (126 e 127).
O resto das reclamacións presentadas son desestimadas.
Segundo. De conformidade co disposto na base II.1.1.1 da convocatoria e cos criterios de corrección publicados no portal web citado, superaron o primeiro exercicio do proceso selectivo as persoas aspirantes que obtiveron unha puntuación mínima de trinta puntos (30 puntos).
Tendo en conta que o número de aspirantes é inferior a 1.128 (resultado de multiplicar por catro o número de prazas convocadas), superan o exercicio as persoas que obtiveron, o mínimo do 40 % das respostas correctas, unha vez feitos os descontos correspondentes.
Para isto, é necesario acadar 48 respostas correctas, unha vez feitas as deducións correspondentes. O exercicio cualificouse de 0 a 60 puntos e, para superalo, foi necesario obter un mínimo de 30 puntos. Asignóuselles a valoración de 30 puntos no exercicio ás persoas aspirantes que obtiveron unha nota equivalente á nota de corte fixada segundo os criterios anteriores. O resto das persoas declaradas aptas tiveron unha cualificación distribuída entre os 30 e os 60 puntos, proporcional ao número de respostas correctas.
Acadaron a puntuación mínima de 30 puntos un total de catrocentos noventa e sete (497) aspirantes, tendo en conta as persoas aspirantes exentas da súa realización e que non concorreron a exame, segundo o establecido na base II.1.1.3 da convocatoria.
Terceiro. Publicar no portal web corporativo da Xunta de Galicia funcionpublica.xunta.gal as puntuacións obtidas polas persoas aspirantes con relación ao primeiro exercicio deste proceso selectivo.
Cuarto. De acordo co disposto na base II.1.2.8 da convocatoria, as persoas aspirantes poderán presentar as alegacións que consideren oportunas con relación ás puntuacións no prazo de dez (10) días hábiles, contados desde o seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia. A súa presentación realizarase a través da aplicación Fides (https://fides.xunta.gal).
Quinto. De acordo co disposto na base II.1.1.2 da resolución da convocatoria, as persoas aspirantes que superaron o primeiro exercicio disporán dun prazo de dez (10) días hábiles, contados desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia, para presentaren a documentación xustificativa de que están en posesión do Celga 4 ou do título equivalente debidamente homologado, de acordo coa disposición adicional segunda da Orde do 16 de xullo de 2007 pola que se regulan os certificados oficiais acreditativos dos niveis de coñecemento da lingua galega (DOG núm. 146, do 30 de xullo), modificada pola Orde do 10 de febreiro de 2014 (DOG núm. 34, do 19 de febreiro). Esta acreditación deberá tramitarse a través da aplicación Fides (https://fides.xunta.gal) na epígrafe «Expediente-e:Idiomas-Galego». Esta acreditación realizarase de conformidade co establecido na Resolución do 5 de decembro de 2023, da Dirección Xeral da Función Pública, pola que se ditan instrucións para regular o contido, uso e acceso ao expediente persoal electrónico do persoal empregado público da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia e das entidades públicas instrumentais (DOG núm. 237, do 15 de decembro).
A Dirección Xeral de Emprego Público e Administración de Persoal publicará, no portal web corporativo xunta.gal/funcion-publica, unha listaxe de persoas aspirantes que deben realizar a proba por falta de acreditación do coñecemento do idioma galego.
Este exercicio realizarase nun prazo mínimo de dous (2) días hábiles desde a publicación da resolución anterior e máximo de corenta (40) días hábiles.
Sexto. De conformidade co disposto na base III.13 da resolución da convocatoria, contra esta resolución poderase interpor recurso de alzada, ante o conselleiro de Facenda e Administración Pública, nos termos previstos nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.
Santiago de Compostela, 25 de setembro de 2026
Luis Miguel Vázquez Carreira
Presidente do tribunal
