DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 189 Luns, 5 de outubro de 2026 Páx. 51288

III. Outras disposicións

Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes

ORDE do 28 de setembro de 2026 pola que se lle conceden distincións ao persoal dos corpos de Policía local de Galicia.

A Lei 4/2007, do 20 de abril, de coordinación de policías locais, establece no seu artigo 74 que os membros dos corpos de Policía local de Galicia poden ser distinguidos ou recompensados de acordo co que se determine regulamentariamente.

De acordo con esta previsión, o Decreto 15/2023, do 12 de xaneiro, polo que se desenvolve a devandita lei, establece no seu artigo 101 que, mediante unha orde da consellería competente en materia de coordinación de policías locais, poderá concederse a Placa colectiva e a Placa individual, así como a Medalla ao Mérito da Policía Local.

Tendo en conta o anterior, de conformidade co procedemento que establece o artigo 103 do Decreto 15/2023, do 12 de xaneiro, o órgano directivo competente en materia de coordinación de policías locais formulou as propostas para a concesión destas distincións, que foron valoradas e informadas pola Comisión de Coordinación de Policías Locais de Galicia na reunión realizada o 16 de xuño de 2026.

Na súa virtude, en uso das facultades outorgadas polo artigo 101 do Decreto 15/2023, do 12 de xaneiro, logo de examinar a proposta do órgano directivo competente en materia de coordinación de policías locais e tras valoración e informe da Comisión de Coordinación de Policías Locais de Galicia, ao abeiro do disposto no artigo 103.5 do Decreto 15/2023, do 12 de xaneiro,

DISPOÑO:

Artigo único

1. Concederlles a Medalla ao Mérito da Policía Local ás persoas que se inclúen no anexo desta orde.

2. Publicar esta orde no Diario Oficial de Galicia.

Disposición derradeira

Esta orde entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 28 de setembro de 2026

Diego Calvo Pouso
Conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes

ANEXO

Concesión da Medalla ao Mérito da Policía Local

1. A Víctor Manuel López Díaz, policía do corpo de Policía local do Concello de Ferrol, polas actuacións realizadas fóra de servizo os días 30 de xullo de 2025 e 12 de decembro de 2025, nas que interveu ante situacións de alteración grave da seguridade cidadá, con presenza de persoas agresivas e obxectos perigosos, e que resultou lesionado en ambas as intervencións.

2. A Javier Primoy Suárez e Sergio Criado López, policías do corpo de Policía local do Concello de Ferrol, pola intervención realizada o 27 de decembro de 2025, na que actuaron ante unha persoa cunha conduta autolítica crítica que estaba cortando o pescozo cun obxecto cortante e lograron neutralizar a situación e evitar un desenlace fatal, asumindo unha situación de risco grave para a súa propia integridade física.

3. A Aarón González González e Iván Ferreiro Criado, policías do corpo de Policía local do Concello de Ferrol, pola intervención realizada o 18 de xaneiro de 2025, na que participaron na localización e persecución dun vehículo que xerara unha situación de risco para a seguridade cidadá, procedendo á intervención dos seus ocupantes nun contexto de resistencia violenta e coa posterior localización dunha arma de fogo con cargador no interior do vehículo, actuación na que asumiron unha situación de risco grave para a súa propia integridade física.

4. A José Luis Serantes Vaz e Eusebio Domínguez González, policías do corpo de Policía local do Concello de Pontevedra, pola intervención realizada na madrugada do 27 de febreiro de 2025 na Ponte da Barca, na que evitaron que unha persoa se precipitase voluntariamente cara á autoestrada AP-9, suxeitándoa no momento en que se soltou da varanda e se deixou caer cara á autoestrada, asumindo un risco grave para a súa propia integridade física.

Os policías distinguidos manifestaron calidades de valor, sacrificio e lealdade que os fan sobresaír no cumprimento dos deberes do seu cargo, o que permite cualificar as súas actuacións como exemplares, ao destacar o seu compromiso de servizo público, calidade inherente ao ideal de servizo predicable dun bo policía, que se encadra nas condicións previstas nos artigos 93, 94 e 98 do Decreto 15/2023, do 12 de xaneiro, para a concesión desta distinción.

Estas concesións acreditaranse mediante os correspondentes diplomas e constarán no Rexistro das Policías Locais de Galicia, e daráselles conta aos concellos de pertenza para constancia nos seus expedientes persoais, de acordo co previsto no artigo 108 do Decreto 15/2023, do 12 de xaneiro.