DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 194 Martes, 13 de outubro de 2026 Páx. 52331

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía e Industria

RESOLUCIÓN do 4 de setembro de 2026, do Departamento Territorial de Pontevedra, pola que se concede a autorización administrativas previa e de construción dunha instalación eléctrica no concello de Sanxenxo (expediente IN407A 2025/135-4 modificado).

Expediente: IN407A 2025/135-4 (modificado).

Promotora: Acciona Inmobiliaria, S.L.U.

Denominación: Modificado da LMTS e tres centros de transformación en Tramalleiro (urbanización sector 12).

Concello: Sanxenxo.

Feitos:

1. O 30.12.2025, este departamento territorial ditou unha resolución pola que se concederon as autorizacións administrativas previa e de construción da instalación eléctrica LMTS e tres centros de transformación en Tramalleiro (urbanización sector 12) no concello de Sanxenxo (expediente IN407A 2025/135-4), publicada no Diario Oficial de Galicia do 13.3.2026 coas seguintes características:

– Liña de media tensión subterránea (LMTS) a 20 kV, con condutor RHZ1 2OL 3×240 Al, de 2.400 metros de lonxitude, coa orixe e final no apoio 9PHWWBJK//11 da liña de media tensión aérea (LMTA) VLG802, facendo entrada e saída nos tres centros de transformación proxectados.

– Tres centros de transformación en edificio compacto prefabricado de superficie a 630 kVA, equipados con dúas celas de liña e unha de protección. Relación de transformación 20 kV/400 V.

A instalación está situada en Tramalleiro (urbanización sector nº 12), parroquia de Noalla, no concello de Sanxenxo (Pontevedra).

2. O 14.2.2026, César Méndez Lorenzo, en representación de Acciona Inmobiliaria, S.L., presentou un modificado para a súa tramitación debido á variación no trazado da liña de media tensión subterránea inicialmente proxectada. A solicitude inclúe un anexo ao proxecto de execución (Modificado LMTS conexión exterior) asinado polo enxeñeiro técnico industrial César Méndez Lorenzo.

3. Como consecuencia do requirimento realizado polos servizos técnicos deste departamento, o 1.3.2026, Acciona Inmobiliaria, S.L.U. presentou un novo proxecto modificado asinado polo enxeñeiro técnico industrial César Méndez Lorenzo, colexiado 1350 do Colexio Oficial de Enxeñeiros Técnicos Industriais da Coruña, e contén un orzamento total de 361.462,43 euros.

Examinado o proxecto modificado, conclúese que consiste na modificación dun tramo da liña de media tensión subterránea autorizada o 30.12.2025 pola modificación do punto de entroncamento coa rede de distribución.

4. Este departamento territorial solicitou o preceptivo informe ás distintas administracións, organismos ou, de ser o caso, empresas de servizos de interese xeral afectadas, isto é, o Concello de Sanxenxo, a Deputación Provincial de Pontevedra, Augas de Galicia e o Servizo do Patrimonio Cultural. A empresa promotora manifestou a súa conformidade cos condicionados emitidos polo Concello de Sanxenxo, pola Deputación Provincial de Pontevedra e por Augas de Galicia.

O Servizo do Patrimonio Cultural non emitiu o condicionado técnico, entendéndose en consecuencia a súa conformidade coa autorización de construción da dita infraestrutura eléctrica, conforme o disposto no artigo 131 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro; sen prexuízo da autorización que lle corresponda outorgar.

5. O 11.8.2026, os servizos técnicos deste departamento territorial emitiron un informe favorable ás autorizacións administrativas previa e de construción da instalación eléctrica Modificado LMTS e tres centros de transformación en Tramalleiro (urbanización sector 12).

Consideracións legais e técnicas:

1. O Departamento Territorial de Pontevedra é competente para resolver este expediente con fundamento no Decreto 140/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Economía e Industria (DOG núm. 101, do 27 de maio), e no Decreto 9/2017, do 12 de xaneiro, polo que se establecen os órganos competentes para a resolución dos procedementos de autorización de instalacións eléctricas que sexan competencia da Comunidade Autónoma de Galicia (DOG núm. 22, do 1 de febreiro).

2. A lexislación de aplicación ao presente expediente é:

– Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico.

– Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

– Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público.

– Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia.

– Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica.

– Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en liñas eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-LAT 01 a 09.

– Real decreto 337/2014, do 9 de maio, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-RAT 01 a 23.

3. As características técnicas finais da instalación son as que a seguir se describen:

– Liña de media tensión subterránea (LMTS) a 20 kV, con condutor RHZ1 2OL 3×240 Al, de 2.180 metros de lonxitude, coa orixe na cela de liña de centro de transformación proxectado III e final no centro de transformación existente Noalla con matrícula 36CE55.

– Tres centros de transformación en edificio compacto prefabricado de superficie a 630 kVA, equipados con dúas celas de liña e unha de protección. Relación de transformación 20 kV/400 V.

A instalación está situada en Tramalleiro (urbanización sector nº 12), parroquia de Noalla, no concello de Sanxenxo (Pontevedra).

Conforme o indicado,

RESOLVO:

1. Deixar sen efecto a Resolución do 30.12.2025, do Departamento Territorial de Pontevedra, pola que se conceden as autorizacións administrativas previa e de construción dunha instalación eléctrica no concello de Sanxenxo (expediente IN407A 2025/135-4).

2. Outorgar á empresa Acciona Inmobiliaria, S.L.U. as autorizacións administrativas previa e de construción da instalación de distribución de enerxía eléctrica denominada Modificado LMTS e tres centros de transformación en Tramalleiro (urbanización sector 12), expediente IN407A 2025/135-4 modificado.

Estas autorizacións outórganse sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros necesarios para a realización das obras da instalación autorizada e de acordo coas seguintes condicións:

1) As características da instalación axustaranse en todas as súas partes ás que figuran no proxecto de execución, ás condicións técnicas e de seguridade establecidas nos regulamentos de aplicación e aos condicionados técnicos impostos polas administracións públicas, organismos ou empresas que presten servizos públicos ou de interese económico xeral, no relativo aos bens e dereitos da súa propiedade que se atopen afectados pola instalación, en especial os relativos ás distancias de seguridade, cruzamentos e paralelismos prescritos pola normativa vixente.

2) A empresa promotora asegurará o mantemento e a vixilancia correcta das instalacións durante a construción e despois da súa posta en servizo, co fin de garantir que en todo momento se manterán as condicións regulamentarias de seguridade.

3. En todo momento se deberán cumprir as normas e directrices vixentes que resulten de aplicación, en particular, canto establece o Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en liñas eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-LAT 01 a 09, e o Real decreto 337/2014, do 9 de maio, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-RAT 01 a 23.

4. O prazo para a posta en marcha das instalacións que se autorizan será de doce meses, contados a partir da data da última autorización administrativa necesaria para a execución. En todo caso, deberán respectarse os prazos establecidos no artigo 13.9 do Regulamento (UE) 2024/573 do Parlamento Europeo e do Consello, do 7 de febreiro, sobre os gases fluorados de efecto invernadoiro, polo que se modifica a Directiva (UE) 2019/1937 e se derroga o Regulamento (UE) 517/2014 (DOUE nº 573, do 20 de febreiro), sobre prohibicións para a posta en funcionamento de aparellaxe eléctrica que empregue gases fluorados de efecto invernadoiro ou cuxo funcionamento dependa deles, nun medio illante ou de rotura.

5. Unha vez constituídas estas instalacións, a empresa distribuidora deberá presentar a solicitude de autorización de explotación ante este departamento territorial acompañada da seguinte documentación:

– As declaracións de conformidade relativas ao material ou equipamento, e as certificacións ou homologacións, se procede.

– Un certificado dirección final de obra subscrito por unha técnica ou un técnico facultativo competente en que conste que a instalación foi realizada de acordo coas especificacións contidas na autorización de construción, así como coas prescricións da regulamentación técnica de aplicación á materia, segundo a Lei 9/2021, do 25 de febreiro. Este certificado debe cumprir co establecido na Resolución do 12.6.2025, da Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Minas, pola que se aproba o modelo oficial de certificado de instalación eléctrica en alta tensión, publicada no DOG do 24.6.2025 e na Instrución 5/2012, do 15 de novembro, da Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas, sobre os criterios que se deben aplicar para exixir visado colexial en materias de industria e enerxía.

– Contrato de cesión entre Acciona Inmobiliaria, S.L.U. (promotora) e UFD Distribución Electricidad, S.A. (a entidade de transporte e distribución de enerxía eléctrica).

– De ser o caso, a acreditación ou declaración de que a instalación non se atopa incursa nas prohibicións establecidas no artigo 13 do Regulamento (UE) 2024/573 do Parlamento Europeo e do Consello, do 7 de febreiro.

– Planimetría as built da instalación eléctrica en formato shape.

O incumprimento das condicións e requisitos establecidos nesta resolución poderá dar lugar á súa revogación, logo da audiencia á promotora, de conformidade co disposto no artigo 53.10 da Lei 24/2013, do 26 de decembro.

Contra a presente resolución, que non é definitiva en vía administrativa, poderase interpoñer recurso de alzada ante a conselleira de Economía e Industria da Xunta de Galicia, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación ou publicación, de acordo co disposto nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, sen prexuízo de que as persoas interesadas poidan interpoñer calquera outro recurso que consideren pertinente.

Pontevedra, 4 de setembro de 2026

Beatriz López del Olmo
Directora territorial de Pontevedra