DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 196 Xoves, 15 de outubro de 2026 Páx. 52593

II. Autoridades e persoal

b) Nomeamentos

Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas

ORDE do 1 de outubro de 2026 pola que se nomean vogais do Xurado de Expropiación de Galicia.

A Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, dispón no seu artigo 11.1 que o Xurado de Expropiación de Galicia é un órgano colexiado permanente da Comunidade Autónoma de Galicia especializado nos procedementos para a fixación do prezo xusto na expropiación forzosa cando a Administración expropiante é a Comunidade Autónoma ou as entidades locais do seu ámbito territorial.

A organización, funcionamento e réxime interior do Xurado de Expropiación regúlanse no Decreto 172/2018, do 20 de decembro, polo que se aproba o Regulamento de organización e réxime de funcionamento do Xurado de Expropiación de Galicia.

De conformidade co artigo 5 do Decreto 172/2018, o Pleno do Xurado de Expropiación de Galicia está composto pola Presidencia, as vogalías e a Secretaría.

Das vogalías que o compoñen, dez son provistas por orde da consellería á que se adscribe o Xurado de Expropiación de Galicia, actualmente a Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas. Para cada vogalía noméase unha persoa titular e unha persoa suplente que a substitúe nos casos de vacante, ausencia ou enfermidade.

Desas dez vogalías, sete están reservadas polo artigo 7.1.f) a profesionais libres colexiados con acreditada competencia nas materias propias do Xurado, por proposta dos presidentes dos colexios profesionais de Galicia aos que pertenzan. As persoas titulares das vogalías serán substituídas nos casos de vacante, ausencia ou enfermidade polas suplentes designadas no momento do seu nomeamento.

Polo que respecta á duración do nomeamento, o artigo 11 do Decreto 172/2018 prevé que estas vogalías serán designadas por un período de catro anos. Así que remate este período, continuarán no exercicio das súas funcións ata que se nomeen os novos membros. As persoas titulares das vogalías poderán ser substituídas por proposta das organizacións que as propuxesen e as persoas así nomeadas permanecerán no seu cargo, como máximo, durante o tempo que lle falte á substituída para o cumprimento do mandato.

Entre os sete colexios profesionais representados no Xurado atópase o Colexio de Enxeñeiros de Camiños, Canais e Portos. O nomeamento vixente da persoa titular e da suplente realizouse mediante a Orde do 18 de novembro de 2025 ( DOG núm. 231, do 28 de novembro).

O día 28 de setembro de 2026, o devandito colexio remitiu a proposta de substitución dos vogais titular e suplente.

En consecuencia, en virtude da competencia que me atribúe o artigo 7.1.f) do Decreto 172/2018, do 20 de decembro, polo que se aproba o Regulamento de organización e réxime de funcionamento do Xurado de Expropiación de Galicia,

RESOLVO:

Primeiro. Nomear vogais do Xurado de Expropiación de Galicia en representación do Colexio de Enxeñeiros de Camiños, Canais e Portos:

Titular: Juan José Vázquez Cerreda.

Suplente: Carlota Pita Pita.

Segundo. O nomeamento producirá efectos desde o día seguinte ao da publicación no Diario Oficial de Galicia.

Terceiro. Contra esta orde poderase interpoñer, potestativamente, un recurso de reposición perante a conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas no prazo dun mes, que se contará desde o día seguinte ao da súa publicación, de conformidade co establecido no artigo 123 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, ou interpoñer directamente un recurso contencioso-administrativo perante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia no prazo de dous meses, que se contarán desde o día seguinte ao da súa publicación, de conformidade co establecido no artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Santiago de Compostela, 1 de outubro de 2026

María Martínez Allegue
Conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas