Mediante a Resolución do 14 de xuño de 2021 fíxose pública a composición dos consellos sociais das universidades do Sistema universitario de Galicia.
A Lei 6/2013, do 13 de xuño, do Sistema universitario de Galicia, establece que o Consello Social estará integrado por un máximo de trinta e unha persoas membros.
O artigo 77.2 da citada Lei 6/2013 establece que son membros natos do Consello Social o/a reitor/a da universidade, o/a secretario/a xeral e o/a xerente da universidade. Así mesmo, serán membros un profesor ou unha profesora, un o unha estudante e un ou unha representante do persoal de administración e servizos, elixidos e elixidas polo Consello de Goberno da universidade entre os seus membros na forma que determinen os seus estatutos.
Con data do 2 de outubro de 2026, o Consello Social da Universidade de Vigo comunícalle á Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional a designación de Xosé Henrique Vázquez Moreno como representante do profesorado no dito consello social, en substitución de Natalia Caparrini Marín; de Ana Isabel González Penín como representante do persoal técnico, de xestión e de administración e servizos, en substitución de Carlos Mollinedo Lois, e de Juan Santos Grandal como representante do estudantado, en substitución de Estela Lima González.
De acordo co establecido no artigo 78 da citada Lei 6/2013, do 13 de xuño, xúntase declaración xurada de compatibilidade dos novos membros.
A condición de persoa membro do Consello Social adquírese unha vez cumpridos os requisitos de designación, nomeamento e publicación no Diario Oficial de Galicia, e produce efectos a partir desa data.
O artigo 77.4 da Lei 6/2013, do 13 de xuño, establece que os acordos de designación de membros do Consello Social lle serán comunicados á persoa titular da consellería competente en materia de universidades, quen procederá ao seu nomeamento mediante orde da súa consellería.
Por todo iso,
DISPOÑO:
Artigo 1
Nomear representante no Consello Social da Universidade de Vigo, en representación do profesorado, a Xosé Henrique Vázquez Moreno en substitución de Natalia Caparrini Marín.
Artigo 2
Nomear representante no Consello Social da Universidade de Vigo, en representación do persoal técnico, de xestión e de administración e servizos, a Ana Isabel González Penín en substitución de Carlos Mollinedo Lois.
Artigo 3
Nomear representante no Consello Social da Universidade de Vigo, en representación do estudantado, a Juan Santos Grandal en substitución de Estela Lima González.
Disposición derradeira
Esta orde entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, 6 de outubro de 2026
Román Rodríguez González
Conselleiro de Educación, Ciencia,
Universidades e Formación Profesional
