Na sesión que tivo lugar o día 19 de outubro de 2026, o tribunal nomeado pola Resolución do 11 de setembro de 2026 (DOG núm. 176, do 16 de setembro) para cualificar o proceso selectivo, pola quenda de acceso libre e promoción interna, no corpo administrativo da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, subgrupo C1, escala de persoal axente de inspección, especialidade de vixilancia de estradas, convocado mediante a Resolución do 9 de abril de 2026 (DOG núm. 70, do 16 de abril), acordou, de conformidade co disposto na base II.1.2.6 da convocatoria, que o primeiro exercicio da oposición terá lugar o día 24 de outubro de 2026, en chamamento único que se iniciará ás 9.00 horas, no salón de actos da Facultade de Dereito de Santiago de Compostela.
As persoas aspirantes deberán ir provistas do DNI ou de documento fidedigno acreditativo da súa identidade, ao xuízo do tribunal, lapis do número dous e goma.
As persoas aspirantes serán provistas de calculadora polo tribunal e quedará prohibido o uso de calculadoras distintas daquelas que se lles faciliten.
Non se permitirá o acceso ao salón de actos en que se realice o exercicio con bolsos de man, abrigos, gorros, panos, paraugas, mochilas, carpetas, libros, apuntamentos, reloxos, auriculares, dispositivos intraauditivos, teléfonos móbiles, axendas electrónicas ou calquera outro material ou instrumento electrónico ou non, de transmisión ou recepción de datos, imaxes ou son de que se poidan valer as persoas aspirantes para auxiliarse na realización do exercicio. Non se habilitará ningún servizo de recollida destes obxectos.
Para os efectos de poder comprobar a ausencia de calquera dispositivo non autorizado, o persoal aspirante accederá á realización das probas coa cabeza e as orellas despexadas e visibles.
Santiago de Compostela, 19 de outubro de 2026
María Ángeles Vidal Ruíz
Presidenta do tribunal
