DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 200 Mércores, 21 de outubro de 2026 Páx. 53264

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía e Industria

ACORDO do 28 de setembro de 2026, do Departamento Territorial da Coruña, de redacción das actas previas á ocupación de bens e dereitos afectados por unha instalación eléctrica no concello de Teo (expediente IN407A 2025/339-1).

Logo de se outorgar a declaración de utilidade pública que leva implícita a urxente ocupación dos bens e dereitos afectados pola instalación eléctrica denominada LMTS, CT e RBTS Vilariño, no concello de Teo (expediente IN407A 2025/339-1), mediante resolución deste departamento territorial do 17 de xuño de 2026 a favor da entidade beneficiaria UFD Distribución Electricidad, S.A., con enderezo na avenida de Arteixo, 171, 15008 A Coruña, este departamento territorial, de conformidade cos artigos 52 da Lei sobre expropiación forzosa, do 16 de decembro de 1954, e 56 do seu regulamento, do 26 de abril de 1957,

ACORDA:

Sinalar o día 17 de novembro de 2026 para a redacción das actas previas á ocupación, nas que se describirán os bens ou dereitos expropiables, e de imposición de servidume de paso de enerxía eléctrica, contidos na relación de predios que se exporá xunto con esta resolución no taboleiro de edictos do Concello de Teo, tirada da que se someteu a información pública no Diario Oficial de Galicia do 10 de marzo de 2026, no Boletín Oficial da provincia da Coruña do 20 de febreiro e no xornal La Voz de Galicia do 11 de marzo. A este acto poderán concorrer as persoas propietarias ou titulares de dereitos sobre os predios propostos como afectados, que serán notificadas individualmente e ás que se lles sinalarán os horarios para a toma de datos sobre o terreo e posterior redacción das actas nas oficinas da casa consistorial do dito concello.

Así mesmo, cando as persoas propietarias ou titulares de dereitos sobre os predios afectados sexan descoñecidas ou se ignore o lugar de notificación, ou ben cando, intentada esta, non se puidese efectuar, publicarase un anuncio da convocatoria no taboleiro edictal único do Boletín Oficial del Estado.

A Coruña, 28 de setembro de 2026

Isidoro Martínez Arca
Director territorial da Coruña