DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 207 Xoves, 29 de outubro de 2026 Páx. 54213

III. Outras disposicións

Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia

RESOLUCIÓN do 15 de outubro de 2026, conxunta da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, da Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos e da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, pola que se inicia a prestación do servizo de interoperabilidade de consulta das validacións de coñecemento de lingua galega (Celga) por equivalencia coa materia de galego cursada no ensino regrado.

Segundo o artigo 6 do Estatuto da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, aprobado polo Decreto 252/2011, do 15 de decembro, polo que se crea a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia e se aproban os seus estatutos, esta ten entre as súas competencias a dirección e xestión de todas as actuacións da Xunta de Galicia en materia de tecnoloxías da información e, en concreto, o impulso, xestión e coordinación da Administración electrónica, como elemento indispensable para a modernización da Administración pública.

Por parte da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, o Decreto 138/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, recolle que a devandita consellería é o departamento da Xunta de Galicia ao que lle corresponden as competencias e funcións en materia de planificación, regulación e administración do ensino regrado en toda a súa extensión, niveis, graos, modalidades e especialidades. Así mesmo, correspóndelle á Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos o exercicio das competencias relativas á xestión e ao rexistro dos títulos e expedientes académicos de nivel non universitario en cuxo ámbito se atopa a información necesaria para acreditar as validacións de coñecemento da lingua galega por equivalencia coa materia de galego cursada no ensino regrado.

A cooperación entre administracións públicas é esencial para garantir o dereito que ten a cidadanía de relacionarse con elas por medios electrónicos e non achegar documentos que teñan no seu poder. Neste sentido, a Xunta de Galicia conta coa plataforma de intermediación PasaXe!, que permite establecer as relacións necesarias dentro da propia Administración autonómica galega e con outras administracións para o intercambio de datos e documentos e que se realiza nunhas condicións que garanten a seguridade da información e a protección dos datos persoais que se transmiten, proporcionando medidas para a autenticidade, confidencialidade, integridade, dispoñibilidade e rastrexabilidade axeitadas á súa natureza.

A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), como entidade do sector público con competencia en desenvolvemento dixital, e segundo o previsto no artigo 78.1 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, funciona como nodo de interoperabilidade mediante a plataforma de intermediación PasaXe! Pola súa vez, o artigo 79.3 desta lei sinala a calquera órgano das entidades usuarias de PasaXe! como habilitadas para identificar novos servizos de interoperabilidade.

Pola súa parte, o Esquema nacional de interoperabilidade, regulado polo Real decreto 4/2010, do 8 de xaneiro, determina o conxunto de criterios e recomendacións en materia de seguridade, conservación e normalización que deberán ser tidos en conta polas administracións públicas para a toma de decisións tecnolóxicas que garantan a interoperabilidade entre estas e coa cidadanía.

Por todo o exposto,

RESOLVEMOS:

Primeiro. Iniciar a prestación do servizo de interoperabilidade que permite consultar as validacións das competencias en lingua galega que se corresponden con estudos de educación xeral básica (EXB), educación primaria, educación secundaria obrigatoria (ESO), programas de cualificación profesional inicial (PCPI), programas de diversificación curricular, educación secundaria para persoas adultas, bacharelato e formación profesional (FP) a través da plataforma de intemediación pasaXe!, como plataforma tecnolóxica de intercambio de datos entre os órganos e entidades da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia e con outras administracións públicas.

O servizo que se habilita permitirá coñecer as validacións de coñecemento de lingua galega (Celga) por equivalencia coa materia de galego cursada no ensino regrado.

Segundo. A Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional e Amtega asumen os roles e as responsabilidades de cedente e emisor, respectivamente, de conformidade coas previsións sobre axentes nos intercambios de datos da Norma técnica de interoperabilidade de protocolos de intermediación de datos, aprobada a través da Resolución do 28 de xuño de 2012, da Secretaría de Estado de Administracións Públicas.

Terceiro. Respecto ao tratamento de datos persoais que puidese levar a cabo en virtude da prestación de servizos obxecto desta resolución, Amtega terá a consideración de encargada do tratamento. En todo caso, empregaranse unicamente os datos necesarios para executar as prestacións derivadas desta resolución, os cales se tratarán de forma automática e sen intervención humana sempre que sexa posible.

As partes comprométense a cumprir e a facer cumprir as obrigas de segredo profesional e de confidencialidade, así como as medidas de seguridade establecidas na lexislación aplicable en materia de protección de datos de carácter persoal.

Cuarto. Amtega incorporará o servizo obxecto desta resolución no Catálogo de servizos de interoperabilidade da Administración xeral e do sector público autonómico, onde se incluirá a información prevista no artigo 8 do Real decreto 4/2010, do 8 de xaneiro, polo que se regula o Esquema nacional de interoperabilidade no ámbito da Administración electrónica.

Quinto. A consulta do servizo poderá realizarse por calquera Administración pública, sempre que esta sexa necesaria para a tramitación dun procedemento da súa competencia e o organismo conte co consentimento das persoas interesadas, nos termos establecidos pola normativa básica de protección de datos de carácter persoal ou por unha norma con rango de lei que así o determine, salvo que existan restricións conforme á normativa de aplicación aos datos e documentos solicitados.

Sétimo. A Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos encargarase da revisión das solicitudes de acceso que realicen os cesionarios que desexen usar o servizo interoperable e da súa aprobación ou denegación segundo a xustificación da pertinencia do devandito uso.

Oitavo. As discrepancias que poidan xurdir na execución desta resolución resolveranse nos termos previstos no artigo 18 da Lei 14/2013, do 26 de decembro, de racionalización do sector público autonómico, e no artigo 13 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, para os conflitos de atribucións.

Noveno. A presente resolución producirá efectos desde o día da súa sinatura.

Santiago de Compostela, 15 de outubro de 2026

Manuel Vila López

Secretario xeral técnico da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional

Jesús Manuel Álvarez Bértolo

Director xeral de Centros e Recursos Humanos

Damián Rey Rodríguez

Director da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia