En cumprimento do disposto na base décimo segunda do Acordo do Pleno do 20 de outubro de 2026, polo que se aproban as bases reguladoras e a convocatoria do I Certame literario Integridade nas aulas: cada decisión conta, destinado ao alumnado de educación secundaria obrigatoria e bacharelato dos centros educativos de Galicia,
RESOLVO:
Ordenar a publicación do Acordo do Pleno do Consello de Contas de Galicia, do 20 de outubro de 2026, polo que se aproban as bases reguladoras e a convocatoria do I Certame literario Integridade nas aulas: cada decisión conta, destinado ao alumnado de educación secundaria obrigatoria e bacharelato dos centros educativos de Galicia, como anexo a esta resolución.
Santiago de Compostela, 27 de outubro de 2026
Juan Carlos Aladro Fernández
Conselleiro maior do Consello de Contas de Galicia
ANEXO
Bases reguladoras e convocatoria do I Certame literario Integridade nas aulas: cada decisión conta, destinado ao alumnado de educación secundaria obrigatoria e bacharelato dos centros educativos de Galicia
A sensibilización e a concienciación da sociedade civil constitúen liñas esenciais da estratexia do Consello de Contas de Galicia en materia de prevención da corrupción, ao contribuíren a fortalecer a confianza nas institucións e a promover unha relación responsable da cidadanía cos poderes públicos.
No marco desta estratexia, a institución desenvolve actuacións dirixidas a distintos ámbitos da sociedade. Entre eles, o educativo ocupa unha posición especialmente relevante como espazo para a adquisición de valores e a formación do pensamento crítico. A incorporación da cultura da integridade ás distintas etapas educativas permite que o alumnado comprenda a importancia das súas decisións e as súas consecuencias, tanto nas relacións cotiás como na súa futura participación na vida social e institucional.
Con este propósito, a institución asinou en decembro de 2018 un acordo de colaboración coa consellería competente en materia de educación, que se concretou inicialmente na elaboración de contidos didácticos para o alumnado das ensinanzas obrigatorias «sobre a cultura da integridade e o comportamento ético da sociedade civil nas súas relacións cos poderes públicos». Estes materiais abordan a ética, a integridade e a transparencia e promoven a reflexión sobre a responsabilidade da cidadanía na defensa do interese xeral e na prevención da corrupción.
Como complemento desta iniciativa, considérase conveniente promover novas fórmulas de participación que permitan ao alumnado reflexionar, de maneira creativa e próxima á súa realidade, sobre os valores e principios recollidos nas unidades didácticas. A creación de relatos permite formular dilemas e expresar como poden aplicarse os principios de integridade na vida cotiá, ao tempo que favorece a creatividade, o pensamento crítico e a participación do alumnado no desenvolvemento dunha cultura ética compartida.
O certame recoñece tamén o papel esencial dos centros educativos e do profesorado na transmisión destes valores e na creación de contornas de convivencia baseadas na confianza, no respecto e na responsabilidade. Mediante esta convocatoria, o Consello de Contas de Galicia pretende sensibilizar o alumnado sobre a importancia da integridade, implicar a comunidade educativa na promoción dos valores éticos e contribuír á consolidación dunha cultura de prevención da corrupción asentada na educación, na participación e no compromiso cidadán.
A convocatoria enmárcase nas actuacións do Plan estratéxico do Consello de Contas de Galicia 2023-2028 (obxectivo estratéxico I.4.2) e dá cumprimento á actuación prevista no Plan anual de traballo para 2026, aprobado polo Pleno da institución, que inclúe no programa de actividades de prevención da corrupción a elaboración das bases deste certame.
En vista de todo o exposto, proponse ao Pleno do Consello de Contas:
Aprobar as bases reguladoras e convocar, en réxime de concorrencia competitiva, o I Certame literario Integridade nas aulas: cada decisión conta, de acordo coas seguintes
Bases
Primeira. Obxecto, participantes e réxime xurídico
1. O certame ten por obxecto promover entre o alumnado dos centros educativos a reflexión e a sensibilización sobre a importancia da integridade na sociedade civil e nas súas relacións coas administracións públicas, a través da creación literaria.
2. Poderá participar o alumnado matriculado no curso 2026/27 en educación secundaria obrigatoria ou bacharelato nos centros educativos da Comunidade Autónoma de Galicia.
3. Non poderán acceder a estes premios as persoas participantes cuxos representantes legais estean afectados por algunha das circunstancias previstas nos artigos 10.2 e 10.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Tampouco poderán acceder os fillos e as fillas das persoas integrantes da Comisión de Selección.
4. O certame rexerase por estas bases, pola Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia e, subsidiariamente, pola Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, así como polo Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, polo que se aproba o Regulamento xeral de subvencións.
Segunda. Modalidades, premios e financiamento
1. Establécense dúas modalidades segundo o nivel de ensino, cun premio en cada unha:
|
Modalidade |
Premio para o autor ou autora |
|
Educación secundaria obrigatoria |
Bono para a adquisición de libros |
|
Bacharelato |
Bono para a adquisición de libros |
2. O premio para o autor ou autora de cada traballo gañador consistirá nun bono para a adquisición de libros por importe de 300 euros. Non se poderá trocar por diñeiro en metálico nin destinarse á adquisición de produtos distintos dos libros.
3. O centro educativo a que pertenza o alumnado gañador de cada modalidade recibirá como premio a celebración dunha actividade cultural de carácter didáctico vinculada á temática do certame. A actividade consistirá nun concerto didáctico ou nunha representación teatral, adaptados ás idades e etapas educativas do alumnado destinatario, que favorezan a reflexión sobre valores como a honestidade, a responsabilidade, a transparencia, o respecto e o coidado do común.
4. O Consello de Contas de Galicia asumirá a contratación da actividade e os gastos necesarios para a súa realización, sen ningún custo para o centro. Se os traballos premiados nas dúas modalidades pertencen ao mesmo centro, este recibirá unha única actividade.
5. A Comisión de Selección poderá propor que se declare deserto o premio dalgunha ou de ambas as modalidades cando os traballos non reúnan a calidade suficiente. Neste caso, os premios da modalidade deserta poderán outorgarse ao segundo traballo mellor valorado da outra modalidade.
6. O gasto imputarase ao orzamento do Consello de Contas de Galicia para o exercicio 2026, con cargo á aplicación orzamentaria 0201 111C 221.99 e as cantidades estarán suxeitas ao tratamento fiscal en vigor no momento da concesión.
7. Os premios deste certame son incompatibles con calquera outro premio, subvención ou axuda obtidos pola mesma obra, procedentes de calquera Administración ou entidade pública ou privada.
Terceira. Temática e características dos relatos
1. Os relatos tomarán como referencia os contidos das unidades didácticas elaboradas polo Consello de Contas de Galicia. Abordarán situacións da vida escolar que permitan reflexionar sobre a ética, a integridade, a transparencia, o coidado dos bens e recursos públicos, e a responsabilidade individual e colectiva na defensa do interese xeral.
2. Os relatos serán orixinais, inéditos e redactados en lingua galega. Non se valorarán os textos que non cumpran uns requisitos mínimos de corrección idiomática.
3. Presentaranse en formato PDF, tipografía Arial ou similar, tamaño 11, interliñado 1,5, cunha extensión máxima de catro páxinas numeradas.
4. A primeira páxina incluirá unicamente o título e o pseudónimo. No relato non poderá figurar ningún dato que permita identificar o autor ou autora nin o centro educativo.
5. Queda prohibido o uso de ferramentas de intelixencia artificial para a elaboración dos relatos.
6. Non se admitirán traballos publicados nin premiados anteriormente noutros certames.
7. Cada participante poderá presentar cantos traballos desexe, cada un baixo un pseudónimo distinto, pero só poderá obter un premio.
Cuarta. Forma, lugar e prazo de presentación
1. A solicitude presentaraa a persoa titular da dirección do centro educativo, que remitirá os traballos do seu alumnado ao enderezo electrónico premioliterario@ccontasgalicia.es
2. Enviarase un correo por cada traballo co asunto «Certame Integridade nas aulas–[pseudónimo]» e coa documentación da base quinta.
3. O prazo de presentación comezará o día seguinte ao da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia e rematará o 15 de novembro de 2026. Non se admitirán os traballos recibidos con posterioridade.
4. O Consello de Contas confirmará a recepción de cada traballo mediante unha resposta ao correo remitente.
Quinta. Documentación
1. Cada correo incluirá tres arquivos independentes en formato PDF, nomeados do seguinte xeito:
a) RELATO_Título: o texto do relato coas características da base terceira.
b) DATOS PERSOAIS_Título: a solicitude (anexo I) asinada pola dirección do centro, co pseudónimo, nome e apelidos do autor ou autora, centro, curso e grupo, titor ou titora, e teléfono e correo do centro.
c) AUTORIZACIÓN_Título: a autorización da nai, pai ou titor/a legal do alumnado menor de idade (anexo I, letra B), ou do propio alumno ou alumna se é maior de idade.
2. Os arquivos b) e c) quedarán custodiados pola Secretaría Xeral do Consello de Contas, como órgano instrutor, e non se trasladarán ás persoas que avalían os traballos ata que se emita a proposta.
3. Se a documentación é incompleta, requirirase o centro para que a emende no prazo de dez días hábiles. De non facelo, considerarase que desiste da súa solicitude respecto dese traballo, logo da resolución que se dite nos termos do artigo 21 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.
4. Consonte o artigo 10.7 da Lei 9/2007, a acreditación de non estar incurso nas prohibicións para obter a condición de beneficiario realizarase mediante declaracións responsables.
5. A presentación da solicitude (anexo I) comporta a declaración responsable da persoa autora ou, se é menor de idade, da súa nai, pai ou titor/a legal, de que non está incursa nas devanditas prohibicións, de que a obra é orixinal e inédita, e de que non obtivo outros premios ou axudas pola mesma obra.
Sexta. Comprobación de datos
O Consello de Contas poderá comprobar coa consellería competente en materia de educación a matrícula do alumnado no centro e no nivel indicado, así como solicitar aos centros a documentación complementaria que considere oportuna antes de resolver.
Sétima. Instrución do procedemento
A Secretaría Xeral do Consello de Contas de Galicia actuará como órgano instrutor. Terá atribuídas a recepción dos traballos, a custodia dos datos identificativos, a comprobación da documentación e o requirimento de emenda aos centros, se for necesario.
Oitava. Comunicacións e notificacións
1. As comunicacións cos centros realizaranse a través do correo electrónico desde o que se presentou a solicitude e do enderezo electrónico do centro que conste na solicitude.
2. A resolución do certame notificarase mediante a súa publicación nos termos da base décimo segunda, de conformidade co artigo 45 da Lei 39/2015, do 1 de outubro.
Novena. Comisión de Selección
1. A valoración dos traballos corresponderá a unha comisión de selección coa seguinte composición:
a) Presidencia: unha persoa en representación do Consello de Contas de Galicia.
b) Vogalías: unha persoa asesora do Servizo de Innovación e Programas Educativos da consellería competente en materia de educación e outra en representación do Consello de Contas de Galicia.
c) Secretaría, con voz e sen voto: unha persoa do persoal do Consello de Contas de Galicia.
2. Procurarase unha presenza equilibrada de mulleres e homes. A súa composición farase pública na páxina web do Consello de Contas antes da valoración.
3. As persoas integrantes da comisión estarán suxeitas ás causas de abstención e recusación dos artigos 23 e 24 da Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público.
4. Para garantir o anonimato, a comisión recibirá unicamente os arquivos co texto dos relatos. A identidade do alumnado manterase custodiada ata a proposta de resolución.
5. As deliberacións da comisión serán secretas.
6. Antes de iniciar a valoración, as persoas integrantes da Comisión de Selección asinarán unha declaración de ausencia de conflito de intereses, en que manifesten que non concorre nelas ningunha causa de abstención nin outra circunstancia que poida comprometer a súa imparcialidade. Se, unha vez coñecida a identidade do alumnado e dos centros, xurdise algún conflito, a persoa afectada comunicarallo de inmediato á presidencia e absterase de intervir nas actuacións posteriores.
Décima. Criterios de valoración
A comisión elaborará unha listaxe dos traballos de cada modalidade por orde de puntuación, cun máximo de 50 puntos, conforme os seguintes criterios:
|
Criterio |
Puntuación máxima |
Inclúe, entre outros |
|
a) Calidade literaria, corrección e riqueza lingüísticas |
15 |
Ritmo narrativo, estrutura, corrección gramatical, ortográfica e léxica |
|
b) Creatividade e orixinalidade |
15 |
Enfoque novo, perspectiva diferente, xiros inesperados ou final sorprendente |
|
c) Comprensión e integración dos contidos das unidades didácticas sobre a cultura da integridade |
15 |
Dilemas éticos verosímiles, coidado dos recursos públicos, responsabilidade individual e colectiva |
|
d) Linguaxe inclusiva, respectuosa e non discriminatoria |
5 |
Uso non sexista e respectuoso coa diversidade |
|
Total |
50 |
En caso de empate, decidirá a maior puntuación no criterio c) e, de persistir, no criterio a).
Décimo primeira. Resolución e aceptación
1. A Comisión de Selección elevará a proposta de resolución ao conselleiro maior, que resolverá antes do 30 de novembro de 2026.
2. A resolución indicará, para cada modalidade, o título e pseudónimo da obra premiada, o nome do autor ou autora, o centro educativo e o premio correspondente, ou ben a declaración de deserto.
3. Os centros premiados deberán comunicar, en nome propio e do alumnado premiado, a aceptación dos premios no prazo de dez días naturais desde a publicación da resolución. Transcorrido o prazo sen manifestación expresa, entenderanse aceptados.
4. O Consello de Contas e a consellería competente en materia de educación poderán convocar un acto de entrega dos premios.
Décimo segunda. Publicación
1. A convocatoria e a resolución publicaranse no DOG, na páxina web do Consello de Contas de Galicia e no portal educativo da consellería competente en materia de educación (https://www.edu.xunta.gal).
2. O Consello de Contas de Galicia remitirá á Base de datos nacional de subvencións (BDNS) o texto da convocatoria e a información requirida, e o extracto da convocatoria publicarase no Diario Oficial de Galicia, de conformidade cos artigos 17.3.b) e 20.8 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.
Décimo terceira. Recursos
Contra esta resolución de convocatoria e contra a resolución de concesión poderase interpoñer, con carácter potestativo, un recurso de reposición ante o conselleiro maior no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da súa publicación, segundo os artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, ou ben directamente un recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da súa publicación, segundo os artigos 10.1.c) e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo.
Décimo cuarta. Entrega dos premios
1. O bono para a adquisición de libros entregaráselle ao autor ou autora no acto de entrega dos premios ou, na súa falta, a través do centro educativo.
2. A entrega dos premios non comporta ningún pagamento en metálico ao alumnado nin aos centros educativos.
Décimo quinta. Realización da actividade cultural
1. A data, a hora e o lugar da actividade fixaranse de común acordo entre o Consello de Contas de Galicia e a dirección do centro.
2. O centro recoñecerá a orixe do premio na difusión que faga da actividade. Os premios non poderán substituírse polo seu valor en metálico nin por ningunha outra contraprestación.
Décimo sexta. Propiedade intelectual e difusión
1. As persoas autoras conservan os dereitos de propiedade intelectual sobre as súas obras.
2. A participación supón a autorización non exclusiva e gratuíta ao Consello de Contas e á consellería competente en materia de educación para reproducir, publicar e difundir as obras premiadas, con mención da autoría, nas súas canles de comunicación e materiais educativos, sen fins comerciais.
3. A difusión do nome e da imaxe do alumnado menor de idade requirirá a autorización expresa das súas persoas representantes legais (anexo I).
Décimo sétima. Traballos non premiados
Os traballos non premiados non serán difundidos. Os arquivos destruiranse unha vez transcorridos os prazos de recurso contra a resolución.
Décimo oitava. Control e revogación
1. Os centros premiados quedan sometidos ás actuacións de comprobación do Consello de Contas e deberán facilitar a información e documentación que se lles requira.
2. Procederá a revogación do premio cando se comprobe que a obra non é orixinal ou inédita, que se empregou intelixencia artificial ou que se incumpriron estas bases. Se o premio xa se fixese efectivo, deberá reintegrarse o seu valor.
3. De conformidade co artigo 14.1.n) da Lei 9/2007 e co principio de proporcionalidade, aplicaranse os seguintes criterios de gradación dos incumprimentos:
a) Obtención do premio falseando as condicións requiridas ou ocultando aquelas que o impedirían, en particular a falta de orixinalidade ou de inedición da obra ou o emprego de ferramentas de intelixencia artificial: revogación do premio e reintegro do 100 % do seu valor.
b) Falta de comunicación da obtención doutros premios ou axudas pola mesma obra: revogación do premio e reintegro do 100 % do seu valor.
c) Incumprimento por parte do centro da obriga de recoñecer a orixe do premio na difusión da actividade (base décimo quinta.2), logo do requirimento non atendido: reintegro do 10 % do valor da actividade.
4. O procedemento de reintegro rexerase polos artigos 33 e seguintes da Lei 9/2007. Consonte o artigo 3.3 do Decreto 11/2009, a cantidade que se reintegrará será o prezo de adquisición do ben ou servizo entregado, incrementado co xuro de demora correspondente.
5. Os centros educativos premiados deberán conservar os orixinais das solicitudes e autorizacións do anexo I e os documentos que acrediten a entrega do bono ao alumnado e a realización da actividade cultural, incluídos os documentos en formato electrónico, mentres poidan ser obxecto das actuacións de comprobación e control, de conformidade co artigo 11.f) da Lei 9/2007, do 13 de xuño. En todo caso, conservaranos durante un prazo mínimo de catro anos, contado desde a data da resolución de concesión, que é o prazo de prescrición do dereito a recoñecer ou liquidar o reintegro previsto no artigo 35 da mesma lei.
Décimo novena. Aceptación das bases e interpretación
1. A participación no certame supón a aceptación íntegra destas bases.
2. O conselleiro maior poderá adoptar os actos e as medidas necesarios para a aclaración ou interpretación destas bases e para resolver as incidencias non previstas.
Vixésima. Protección de datos persoais
1. Os datos persoais recadados neste procedemento serán tratados polo Consello de Contas de Galicia, como responsable do tratamento, coa finalidade de xestionar o certame, valorar os traballos, conceder e entregar os premios, e realizar as actuacións de difusión previstas nestas bases.
2. O tratamento baséase no cumprimento dunha misión realizada en interese público ou no exercicio de poderes públicos, consonte o artigo 6.1.e) do Regulamento (UE) 2016/679 do Parlamento Europeo e do Consello, do 27 de abril de 2016, xeral de protección de datos, e a Lei orgánica 3/2018, do 5 de decembro, de protección de datos persoais e garantía dos dereitos dixitais. A difusión do nome e da imaxe do alumnado baséase no consentimento das persoas interesadas ou das súas representantes legais (artigo 6.1.a) do regulamento), que poderá retirarse en calquera momento.
3. Os datos poderán comunicarse á consellería competente en materia de educación para a comprobación prevista na base sexta e para a difusión dos premios, e publicaranse no Diario Oficial de Galicia, na páxina web do Consello de Contas de Galicia e na Base de datos nacional de subvencións, nos termos previstos na normativa de subvencións e de transparencia.
4. Os datos conservaranse durante o tempo necesario para cumprir a finalidade para a que se recadaron e para determinar as posibles responsabilidades derivadas dela, de acordo coa normativa de arquivos e documentación. Os datos relativos aos traballos non premiados suprimiranse nos termos da base décimo sétima.
5. Os participantes na convocatoria do premio poderán exercer os seus dereitos de acceso, rectificación, supresión e portabilidade dos seus datos, de limitación e oposición ao seu tratamento, e a non ser obxecto de decisións baseadas unicamente no tratamento automatizado dos seus datos, cando cumpra, ante o Consello de Contas de Galicia, rúa Domingo Fontán, 7 15702 Santiago de Compostela, ou no enderezo electrónico dpd@ ccontasgalicia.es
Disposición derradeira. Entrada en vigor
Este acordo entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
ANEXO I
Solicitude de participación e autorización
A. Datos do centro e do traballo (deberá cubrilos a dirección do centro).
|
Campo |
Datos |
|
Centro educativo e código |
|
|
Concello |
|
|
Persoa titular da dirección (nome e NIF) |
|
|
Teléfono e correo electrónico do centro |
|
|
Modalidade |
ESO/Bacharelato |
|
Título do relato |
|
|
Pseudónimo |
|
|
Nome e apelidos do autor ou autora |
|
|
Curso e grupo |
|
|
Titor ou titora |
A dirección do centro declara que o alumno ou alumna está matriculado/a no centro no nivel indicado e que conta coa autorización da letra B.
A dirección do centro declara, así mesmo, baixo a súa responsabilidade:
□ Que o centro cumpre os requisitos exixidos polas bases da convocatoria e non está incurso en ningunha das prohibicións do artigo 10 da Lei 9/2007.
□ Que, segundo o seu coñecemento, a obra non obtivo outros premios ou axudas, e que comunicará calquera que se obteña antes da entrega do premio.
□ Que se compromete a facilitar a realización da actividade cultural e a conservar a documentación nos termos das bases.
B. Autorización da nai, pai ou titor/a legal (alumnado menor de idade) ou do propio alumno ou alumna (maior de idade).
________________________________, con NIF ___________, como representante legal de ______________________ (ou en nome propio, se é maior de idade):
□ Autoriza a súa participación no certame e acepta as bases.
□ Declara que o relato é orixinal e inédito, que non se empregou intelixencia artificial na súa elaboración e que non foi premiado noutros certames.
□ Declara que o alumno ou alumna non está incurso/a en ningunha das prohibicións para obter a condición de persoa beneficiaria do artigo 10 da Lei 9/2007 e que non obtivo outros premios ou axudas pola mesma obra.
□ Autoriza a difusión da obra, se resulta premiada, nos termos da base décimo sexta.
□ Autoriza a publicación do nome e a captación e difusión da imaxe do alumno ou alumna na entrega dos premios e nas canles do Consello de Contas e da consellería (opcional)
Lugar e data: ___________________ Sinatura: ______________
Os datos persoais incluídos nesta solicitude trataranse nos termos da base vixésima das bases reguladoras.
