En cumprimento do disposto no artigo 82 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, e nos artigos 144.18 e 199 do Decreto 143/2016, do 23 de setembro, polo que se aproba o seu regulamento, faise pública a aprobación definitiva da modificación puntual do Plan xeral de ordenación municipal do concello de Pontedeume, con ordenación detallada do sector URDI-2 Leite Celta, mediante a Orde da Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, do 20 de outubro de 2026, que figura como anexo.
Unha vez inscrita a devandita modificación puntual do Plan xeral de ordenación municipal no Rexistro de Ordenación do Territorio e Planeamento Urbanístico de Galicia, a documentación íntegra deste, incluído o extracto ambiental, poderá consultarse na seguinte ligazón:
https://territorioeurbanismo.xunta.gal/gl/territorio-e-urbanismo/rexistro-de-ordenacion-do-territorio-e-urbanismo
Así mesmo, o informe ambiental estratéxico e a demais documentación do procedemento de avaliación ambiental do referido plan poderá ser consultada na seguinte ligazón:
https://medioambiente.xunta.gal/busca-por-palabra-clave?p_p_id=aaeKeyword_WAR_aae&p_p_lifecycle=0&p_p_state=normal&p_p_mode=view&p_p_col_id=column-2&p_p_col_count=1&_aaeKeyword_WAR_aae__spage=%2Fportlet_action%2Faae%2FdetalleProxecto%3Fid%3D2200&_aaeKeyword_WAR_aae_id=2200
Santiago de Compostela, 23 de outubro de 2026
María Encarnación Rivas Díaz
Directora xeral de Urbanismo
ANEXO
Orde de aprobación definitiva da modificación puntual do Plan xeral
de ordenación municipal do concello de Pontedeume, con ordenación
detallada do sector URDI-2 Leite Celta
O Concello de Pontedeume remitiu a modificación puntual (MP) referida onde solicita a súa aprobación definitiva conforme o previsto no artigo 60.7 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia (LSG), e artigo 144.7 do seu regulamento, aprobado polo Decreto 143/2016 (RLSG).
Analizada a documentación achegada, datada en abril de 2026 e subscrita por Monteoliva Arquitectura, S.L.P.; e, vista a proposta literal que eleva a Dirección Xeral de Urbanismo, resulta:
I. Antecedentes.
1. O Concello de Pontedeume conta cun Plan xeral de ordenación municipal (PXOM) aprobado definitivamente pola Orde da Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio do 27 de maio de 2016, coa corrección de erros do 10.6.2016, ao abeiro da Lei 9/2002, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia (LOUG).
2. A MP é promovida polo concello por instancia de Leche Celta, S.L.U.
3. A Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo (DXOTU) emitiu o 2.7.2019 informe de contestación no trámite de consultas previsto no artigo 60.4 da LSG.
4. A Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático formulou o informe ambiental estratéxico o 9.7.2019 (DOG do 26 de xullo), en que se sinala que non a somete a avaliación ambiental estratéxica ordinaria. Nas consultas previas, contestaron:
a) Instituto de Estudos do Territorio: contestación do 20.6.2019.
b) Augas de Galicia: contestacións do 3.7.2019 e do 4.7.2019.
c) Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal: contestación do 24.5.2019.
d) Dirección Xeral de Mobilidade: contestación do 15.5.2019.
5. A Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Sostibilidade acordou o 10.2.2025 prorrogar a vixencia do informe ambiental estratéxico por dous anos contados desde o 26.7.2025.
6. En relación cos servizos urbanísticos consta no expediente:
a) UFD Grupo Naturgy: escrito do 13.11.2020, favorable con consideracións xerais.
b) Viaqua, Gestión Integral de Augas de Galicia, S.A.U.: informes do 31.3.2021, do 3.5.2021 e do 28.6.2021, sobre a capacidade suficiente das redes de auga e saneamento. O 15.7.2024 emitiu un anexo sobre o saneamento.
7. O Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana emitiu informe desfavorable en materia de estradas o 13.11.2020; e favorable con condicións, o 9.11.2023.
8. Consta estudo de tráfico de novembro de 2020 subscrito polo enxeñeiro de camiños Manuel Barredo Pérez.
9. A Dirección Xeral de Aviación Civil emitiu o 17.10.2024 informe favorable condicionado.
10. A arquitecta municipal emitiu o 17.10.2024 informe técnico favorable previo á aprobación inicial, complementado por addendas con datas do 1.11.2024 e do 5.11.2024.
11. A Asesoría Xurídica da Deputación Provincial da Coruña emitiu informe xurídico previo á aprobación inicial o 25.10.2024.
12. A Intervención municipal emitiu informe o 31.10.2024 onde sinala a necesidade de actualizar o informe de sustentabilidade económica e a memoria de viabilidade económica.
13. A técnica en Administración local emitiu o 5.11.2024 informe sobre o procedemento.
14. O Concello Pleno aprobou inicialmente a MP en sesión do 7.11.2024. Foi sometida a información pública polo prazo de dous meses (La Voz de Galicia e Diario Oficial de Galicia do 30.12.2024) sen se presentar alegacións, segundo o certificado do 7.8.2025.
15. Deuse trámite de audiencia pública ás persoas interesadas mediante escrito do 19.12.2024.
16. No que afecta aos informes sectoriais autonómicos e audiencia aos concellos limítrofes (artigo 60.7 da LSG), a DXOTU informou o 11.6.2025 da constancia de:
• Dirección Xeral de Defensa do Monte: informe favorable do 10.3.2025.
• Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Sostibilidade: informe do 17.3.2025.
• Dirección Xeral de Emerxencias e Interior: informe do 19.3.2025, de innecesariedade de informe da Comisión Galega de Protección Civil.
• Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal-Servizo de Montes da Consellería do Medio Rural: informe favorable do 19.3.2025.
• Instituto de Estudos do Territorio: informe do 6.5.2026, sen obxeccións.
• Dirección Xeral de Patrimonio Cultural: informe favorable do 11.5.2025.
• Augas de Galicia: informe favorable de Augas de Galicia do 15.5.2025.
• Foi solicitado o informe da Dirección Xeral de Estratexia Industrial e Solo Empresarial da Consellería de Economía e Industria, que non o emitiu en prazo.
• Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Minas da Consellería de Economía e Industria emitiu informe o 15.4.2025 sobre minas, enerxía e industria.
• Deuse audiencia aos concellos limítrofes de Cabanas, Miño, Monfero e Vilarmaior. Só contestou o Concello de Monfero (informe técnico do 29.3.2025, sen alegacións).
17. En materia de informes sectoriais non autonómicos posteriores á aprobación inicial constan:
a) Secretaría Xeral de Telecomunicacións, Infraestruturas Dixitais e Seguridade Dixital: informe favorable do 17.12.2024.
b) Dirección Xeral de Política Enerxética e Minas do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico: informe do 7.1.2025.
c) Dirección Xeral de Estradas do Ministerio de Transportes e Mobilidade Sostible: informe do 4.6.2025, favorable con condicións.
d) O Concello solicitou o 2.12.2024, logo da aprobación inicial, os informes da Confederación Hidrográfica, Delegación do Goberno e Deputación Provincial da Coruña.
18. O Concello de Miño traslada o 23.6.2025 o informe de Espina y Delfín, S.L., canto que o colector de saída do URDI-2 pasa polo seu termo municipal, sen que afecte a súa xestión.
19. Consta informe da intervención municipal do 15.5.2026.
20. Constan informe técnico da arquitecta municipal do 20.5.2026, favorable; e xurídico, da secretaria municipal do 16.6.2026, favorable.
21. O Concello aprobou provisionalmente a MP en sesión plenaria do 25.6.2026.
II. Obxecto e descrición do proxecto.
1. A MP afecta o sector URDI-2 e terreos adxacentes, acadando 9,4 hectáreas, no lugar da Regueira, parroquia de Andrade, entre a autoestrada AP-9 e a estrada N-651.
2. O ámbito está clasificado polo PXOM vixente (folla 05 do plano de clasificación do solo) como solo urbanizable delimitado (URD). Linda ao oeste e leste con solo rústico de protección de infraestruturas correspondente ás estradas referidas, ao norte con solo urbanizable non delimitado (URND) e solo de núcleo rural (NR), e ao sur con solo rústico de protección forestal (R4).
O PXOM prevé unha nova estación depuradora de augas residuais, ASN-20, ao sur do sector e as novas redes asociadas (folla 5 do plano S-04 de servizos, rede de saneamento).
3. O ámbito cualifícase (folla 23 e 24 do plano de cualificación do solo) como solo urbanizable delimitado dentro da área industrial de Vidreiro-Campolongo, coa delimitación inmediata dos terreos da leitería Celta (URDI-2) nas condicións da disposición transitoria décimo terceira da LOUG.
A ficha do PXOM prevé uso característico industrial con intensidade de uso de 0,45 m2/m2. Ao abeiro da disposición transitoria décimo terceira da LOUG prevese non exixir reserva de solo para espazos libres e equipamentos públicos. O sector e o sistema xeral adscrito SCXP-2, de 15.269,30 m2 situado en solo rústico, constitúen unha área de repartición cun aproveitamento tipo de 0,388184 m2/m2. O sistema de actuación previsto é o de compensación.
4. O sector está fóra do ámbito do Plan de ordenación do litoral aprobado polo Decreto 20/2011, non así o sistema xeral adscrito, cuxas determinacións non se ven alteradas.
5. O seu obxecto é a alteración das determinacións do sector URDI-2 que afectan o deseño das infraestruturas de abastecemento e de saneamento polo axuste das demandas por tipo de uso establecidas no Plan Hidrolóxico Galicia-Costa e na normativa sectorial de aplicación; o recoñecemento da suficiencia da depuradora existente da factoría de Leche Celta para conectarse á EDAR de Centroña; conexión do saneamento dos núcleos á EDAR de Valdemiñatos; cambios no trazado da rede de abastecemento do núcleo da Regueira, para afastala da estrada N-651; e pequenos reaxustes da delimitación do sector URDI-2.
6. Así mesmo, na MP ordénase detalladamente o sector, coas seguintes características básicas:
a) Superficie bruta do sector: 94.337 m2.
b) Viarios de dominio público existentes e mantidos: 3.284 m2.
c) Sistema xeral adscrito en solo rústico SCXP-2: 15.269,30 m2.
d) Superficie total da área de repartición: 106.322,30 m2.
e) Superficie edificable máxima: 37.000 m2 (inferior aos 0,45 m2/m2 do plan xeral e ao dobre da edificabilidade existente, de 18.654 m2, conforme a disposición transitoria sétima da LSG).
f) Prazas de aparcadoiro: 93 públicas e 277 privadas.
g) Ocupación máxima: 70 % sobre parcela neta.
h) Sistema de actuación: compensación.
III. Análise e consideracións.
1. Axústase ao interese público exixido (artigo 83.1 da LSG e 200.1 do RLSG) o impedir a duplicidade de infraestruturas que se demostraron innecesarias técnica e economicamente; así como o ter en conta as directrices do Plan Hidrolóxico de Galicia-Costa no que atinxe á regulación das demandas de abastecemento e saneamento de auga.
No tocante á incorporación da ordenación detallada, é unha opción que o planeamento xeral pode adoptar conforme o sinalado no artigo 56.2 da LSG.
2. Polo que respecta ao réxime urbanístico aplicable, de acordo coa disposición transitoria primeira 1.b) da LSG, ao solo urbanizable delimitado dos plans xerais de ordenación municipal adaptados á LOUG aplicaráselle integramente o disposto no planeamento respectivo. O plan xeral atribúe ao ámbito unha ordenación estruturante que ten en conta a disposición transitoria décimo terceira da LOUG.
No caso do solo rústico, conforme a disposición transitoria primeira 1.d) da LSG, en redacción dada pola Lei 10/2023, aplícase o disposto na LSG para o solo rústico. En consecuencia, a parcela que se exclúe do ámbito do sector ao sur terá a categoría que resulta das definicións legais, que é a de solo rústico de protección de infraestruturas (afeccións de estrada estatal e servidume aeronáutica identificadas no visor do Plan básico autonómico).
3. Canto ao contorno forestal do sector, deberá reflectirse nos planos de ordenación o camiño perimetral de 5 m que prevé a Sección SI 5 Intervención dos bombeiros do Código técnico da edificación aprobado polo Real decreto 314/2006, a toda a zona e non só ás novas edificacións; e se modificará o artigo 17.5 da normativa e documentos concordantes.
4. O artigo 3.1 da normativa de ordenación detallada sinala que o alcance normativo do plan se refire á normativa urbanística e aos planos de ordenación. Cómpre suprimir tal referencia concreta, ou ben estendela a aqueloutros documentos que fan ordenación, como a estratexia de actuación, que establece de xeito detallado as accións en materia de infraestruturas (que inclúen a expropiación de 725 m2 para a conexión viaria).
A competencia para resolver sobre a aprobación definitiva dos instrumentos de planeamento xeral e das súas modificacións puntuais corresponde á conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, de conformidade co disposto nos artigos 60, 61.1, 83.6 da LSG e nos artigos 146.1 e 200.5 do RLSG; en relación co Decreto 42/2024, do 14 de abril, polo que se establece a estrutura orgánica da Xunta de Galicia, e co Decreto 142/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas.
En consecuencia, e ao abeiro do disposto nos artigos 83 e 60.16 da LSG,
DISPOÑO:
1. Aprobar definitivamente a modificación puntual do PXOM do concello de Pontedeume con ordenación detallada do sector URDI-2 Leite Celta, condicionado á emenda das deficiencias sinaladas no punto III anterior.
2. De conformidade co artigo 88 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, e artigo 212.1 do seu regulamento, a Dirección Xeral de Urbanismo inscribirá de oficio a MP no Rexistro de Ordenación do Territorio e Planeamento Urbanístico de Galicia.
3. De conformidade co disposto polos artigos 82 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, e 70 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local, o Concello deberá publicar no BOP a normativa e ordenanzas da MP do PXOM aprobada definitivamente.
Notifíquese esta orde ao Concello; e publíquese no Diario Oficial de Galicia.
Contra esta orde cabe interpoñer recurso contencioso-administrativo ante a sala correspondente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, que se contarán desde o día seguinte ao da súa publicación, segundo dispoñen os artigos 10 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.
