De conformidade co previsto no artigo 9 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, dáselle publicidade á Resolución do 20 de outubro de 2026, da Consellería de Sanidade, pola que se lle encomenda á Fundación Semana Verde de Galicia que poña á disposición os espazos precisos e realice os traballos de apoio para organizar as probas selectivas de diversas categorías de persoal estatutario do Sistema sanitario público de Galicia.
1. Actividades: poñer á disposición os espazos precisos e realizar os traballos de apoio para levar a cabo as probas selectivas do Servizo Galego de Saúde para a cobertura de 2.223 prazas:
– 5 prazas de técnico/a especialista de sistemas e tecnoloxías da información, 9 prazas de técnico/a superior de sistemas e tecnoloxías da información e 9 prazas de técnico/a de xestión de sistemas e tecnoloxías da información, convocadas todas elas mediante a Resolución do 16 de xullo de 2025 da Dirección Xeral de Recursos Humanos (Diario Oficial de Galicia núm. 141, do 24 de xullo).
– 38 prazas na categoría de técnico/a de farmacia, 67 prazas de técnico/a superior de imaxe para o diagnóstico, 1.306 prazas de técnico/a en coidados auxiliares de enfermaría, 57 prazas de traballador/a social, 192 prazas de grupo auxiliar da función administrativa e 348 prazas de celador/a, todas elas convocadas mediante resolucións do 21 de agosto de 2025 da Dirección Xeral de Recursos Humanos (Diario Oficial de Galicia núm. 164, do 28 de agosto, e Diario Oficial de Galicia núm. 170, do 4 de setembro).
– 5 prazas de logopedistas, 27 prazas de fisioterapeutas, 15 prazas de condutor/a, 8 prazas de fontaneiro/a, 5 prazas de mecánico/a, 7 prazas de calefactor/a, 8 prazas de médico/a asistencial do 061, 11 prazas de terapeuta ocupacional e 11 prazas de electricista, todas elas convocadas mediante a Resolución do 23 de setembro de 2025 da Dirección Xeral de Recursos Humanos (Diario Oficial de Galicia núm. 188, do 30 de setembro).
– 6 prazas de médico/a xeral da Axencia de Doazón de Órganos e Sangue, convocadas mediante a Resolución do 11 de novembro de 2025 da Dirección Xeral de Recursos Humanos (Diario Oficial de Galicia núm. 225, do 20 de novembro).
– 5 prazas de médico/a de admisión e documentación clínica, 31 prazas de farmacéutico/a de atención primaria, 8 prazas de odontólogo/a de atención primaria e 45 prazas de dietista-nutricionista, todas elas convocadas mediante as resolucións do 10 e 11 de decembro de 2025 da Dirección Xeral de Recursos Humanos (Diario Oficial de Galicia núm. 245, do 19 de decembro).
2. A Fundación Semana Verde de Galicia proporciona o espazo físico necesario para a realización das probas selectivas, co mobiliario e equipamento necesarios (megafonía, tres pantallas LED de 5×3 con cronómetro e oito pantallas de TV 55” complementarias, cadeiras e mesas individuais de madeira, material de imprenta e sinalización), servizo de vixilancia e seguridade, servizo de custodia e vixilancia permanente da sala de seguridade durante a noite-mañá previa a cada xornada de exame, persoal de servizos múltiples para a preparación do acto e de mantemento durante as probas selectivas, sistema de seguridade antimóbil-detector de metais en cada unha das portas de acceso de aspirantes, calefacción, en función da situación climatolóxica, regulación de aparcadoiros, servizos de limpeza, conexión á internet por cable para cada un dos equipos informáticos que se instalarán nas portas de acceso e na mesa coordinadora, servizo de imprenta, dúas fotocopiadoras á disposición da organización e dos servizos de restauración para o persoal da organización.
3. Natureza e alcance da xestión: a Lei 14/2013, do 26 de decembro, de racionalización do sector público autonómico, ten por obxecto a racionalización de todo o sector público autonómico e da actividade administrativa, así como a adopción de medidas dirixidas a unha maior eficiencia do gasto e á mellora da xestión do sector público autonómico.
O artigo 10 desta lei recolle os instrumentos e procedementos para facer efectivos os principios de cooperación, colaboración e asistencia, entre os cales se encontran as encomendas de xestión, reguladas especificamente no artigo 13, que remite á Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia.
O artigo 10 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, prevé a posibilidade de encargar a realización de tarefas a entidades de dereito privado que reúnan a condición de medio propio da Administración ou entidade pública encomendante mediante unha resolución unilateral. A Fundación Semana Verde de Galicia é unha fundación do sector público autonómico, de acordo co artigo 113 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, na medida en que o seu patrimonio fundacional, con carácter de permanencia, está formado en máis dun 50 % por bens e dereitos achegados ou cedidos pola Xunta de Galicia.
De acordo co artigo 47 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, ten a consideración de medio propio e servizo técnico da Xunta de Galicia.
4. Prazo de vixencia: a encarga terá unha duración comprendida entre a data da súa sinatura e a data de remate da execución de conformidade da totalidade das obrigas derivadas da encomenda, tendo en conta as datas de realización das probas e o período de sete días previos e posteriores a elas para o depósito e retirada de materiais.
Santiago de Compostela, 23 de outubro de 2026
Antonio Gómez Caamaño
Conselleiro de Sanidade e presidente do Servizo Galego de Saúde
