Para os efectos previstos no artigo 15.5.a) do Real decreto 815/2013, do 18 de outubro, polo que se aproba o Regulamento de emisións industriais e de desenvolvemento da Lei 16/2002, do 1 de xullo, de prevención e control integrados da contaminación (BOE núm. 251, do 19 de outubro), faise público que, por espazo de vinte días hábiles, que se contarán a partir do seguinte ao da publicación deste anuncio no Diario Oficial de Galicia, quedará exposta no concello do Porriño a documentación presentada por Lonza Biologics Porriño, S.L. correspondente á revisión da autorización ambiental integrada da planta de produción de compoñentes para elaborar medicamentos, co fin de que calquera persoa interesada poida consultala e, de ser o caso, formular, dentro do devandito prazo, as alegacións, suxestións ou observacións que considere convenientes.
A documentación estará á disposición das persoas administradas nas dependencias da Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Sostibilidade, Servizo de Prevención e Control Integrados da Contaminación, en horario de atención ao público (rúa de San Lázaro, s/n, 15781 Santiago de Compostela).
Ademais, tamén se poderá consultar na páxina web da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático (https://medioambiente.xunta.gal/ >>medio ambiente e sostibilidade>>prevención e control de actividades>>autorización ambiental integrada >>proxectos en información pública).
Santiago de Compostela, 1 de outubro de 2026
María José Echevarría Moreno
Directora xeral de Calidade Ambiental e Sostibilidade
ANEXO
Expediente: 2026-IPPC-M-21.
Titular: Lonza Biologics Porriño, S.L.
NIF: B-82550765.
Domicilio social: A Relva, s/n, O Porriño (Pontevedra).
Localización da instalación: A Relva, s/n, O Porriño (Pontevedra).
Actividade: planta de fabricación de produtos farmacéuticos.
Categoría da actividade: 4.5 do anexo I do Real decreto lexislativo 1/2016, do 16 de decembro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de prevención e control integrados da contaminación.
Descrición: a actividade da planta é a produción de anticorpos monoclonais mediante procesos biotecnolóxicos, destinados ao tratamento de distintas enfermidades. O proceso produtivo desenvólvese en sistemas pechados e controlados, característicos da industria biofarmacéutica, garantindo condicións de esterilidade, seguridade e control ambiental en todas as etapas.
Vertidos: xéranse as seguintes augas residuais:
• Augas de proceso industrial: son tratadas na estación depuradora de augas industriais (EDARi) e bombeadas á rede municipal de colectores do Concello do Porriño. Finalmente, son conducidas ao sistema de saneamento do Louro (SSL), depuradora de Guillarei.
• Augas fecais: son incorporadas directamente ao colector municipal do Concello do Porriño, sen depuración previa, e conducidas ao sistema de saneamento do Louro (SSL), depuradora de Guillarei.
• Augas pluviais: son conducidas cara ao regato da Relva.
