DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 217 Xoves, 12 de novembro de 2026 Páx. 56781

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático

ANUNCIO do 30 de outubro de 2026, da Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Sostibilidade, polo que se someten a información pública o estudo de impacto ambiental e a solicitude de autorización ambiental integrada para unha explotación avícola de posta para a produción de ovos de tipo II e centro de clasificado e envasado de ovo, no concello de Agolada (Pontevedra) (expediente 2026-IPPC-I-31).

Para os efectos previstos no artigo 29 da Lei 5/2017, do 19 de outubro, de fomento da implantación de iniciativas empresariais en Galicia (DOG núm. 203, do 25 de outubro), faise público que por espazo de trinta (30) días hábiles, contados a partir do seguinte ao da publicación deste anuncio no Diario Oficial de Galicia, quedará exposto o documento titulado:

Proxecto básico de solicitude de autorización ambiental integrada e estudo de impacto ambiental para unha explotación avícola de posta para a produción de ovos de tipo II e centro de clasificado e envasado de ovo, no concello da Agolada (Pontevedra).

Para que calquera persoa interesada poida consultala e, de ser o caso, formular no citado prazo as alegacións, suxestións ou observacións que considere oportunas.

A documentación estará á disposición das persoas administradas nas dependencias da Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Sostenibilidade, Servizo de Prevención e Control Integrados da Contaminación, en horario de atención ao público (rúa de San Lázaro, s/n, 15781 Santiago de Compostela). Ademais, tamén se poderá consultar na páxina web da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático (Proxectos en información pública | GAIA).

Santiago de Compostela, 30 de outubro de 2026

María José Echevarría Moreno
Directora xeral de Calidade Ambiental e Sostibilidade

ANEXO

Número de expediente: 2026-IPPC-I-31.

Categoría principal da actividade: 9.3.a) do anexo I do Real decreto lexislativo 1/2016, do 16 de decembro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de prevención e control integrados da contaminación (instalacións destinadas á cría intensiva de aves de curral ou porcos que dispoñan de máis de 40.000 prazas se se trata de galiñas poñedoras ou do número equivalente en excreta de nitróxeno para outras orientacións produtivas de aves de curral), e grupo 1.a)2º do anexo I da Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental (instalacións destinadas á cría intensiva de gando que dispoñan de máis de 40.000 prazas de galiñas poñedoras).

Titular: Avícola Axiaz, S.L.

NIF: B23955719.

Domicilio social: rúa Souto, 25, baixo A, Vila de Cruces (Pontevedra).

Enderezo da instalación: rúa Fondelo, Agolada (Pontevedra).

Actividade principal: explotación avícola de posta para a produción de ovos tipo II.

Descrición: construción dunha nave avícola de posta de ovos tipo II e un centro de clasificado e envasado de ovos. O número de prazas resultantes será de 80.788 aves. Ademais, as instalacións proxectadas inclúen unha esterqueira.

Verteduras: as augas residuais procedentes tanto da limpeza das naves coma dos aseos e vestiarios, xunto cos lixiviados da esterqueira, canalizaranse cara a uns depósitos estancos para a súa posterior xestión por parte dun xestor autorizado. As augas pluviais verteranse directamente ao terreo.

Control do esterco: o esterco xerado será recollido por un xestor autorizado.