Examinada a solicitude de deslindamento formulada polos representantes do monte veciñal en man común (en diante, MVMC) Furriolo, pertencente á Comunidade de Montes Veciñais en Man Común (en diante, CMVMC) da parroquia de Lampaza, e o MVMC Candás, pertencente á CMVMC da parroquia de Candás, no concello de Rairiz de Veiga, resultan os seguintes
Feitos:
Primeiro. O 25.11.2025, a CMVMC da parroquia de Lampaza presentou un escrito (Rexel 2025/3269745) en que solicita a aprobación dun deslindamento coa CMVMC da parroquia de Candás.
Coa solicitude achegou a seguinte documentación.
• Acta de deslindamento redactada o 11.7.2025.
• Acta de conciliación redactada o 13.11.2025 no Xulgado de Paz de Rairiz de Veiga.
• Certificacións dos acordos das respectivas asembleas xerais do 20.7.2025 (parroquia de Lampaza) e do 29.7.2025 (parroquia de Candás).
• Memoria e planos do deslindamento.
Segundo. O informe do Servizo de Montes do Departamento Territorial de Ourense, do 23.3.2026, fai constar que a documentación achegada corresponde ao deslindamento do perímetro estremeiro entre o MVMC Furriolo, pertencente á CMVMC da parroquia de Lampaza, e o MVMC Candás, pertencente á CMVMC da parroquia de Candás, desde o vértice 1 (o situado máis ao E) ata a o vértice 16 (o situado máis ao O).
Porén, pódese tramitar ao tempo un procedemento de revisión parcial do esbozo dada a finalidade declarada na propia acta do deslindamento de (…) determinar a pertenza das parcelas de referencia catastral 32068A04600982 e 32068A04601578.1. Neste sentido, tanto o propio plano do deslindamento como a cartografía en formato dixital achegada, conteñen a regularización, conforme o perímetro das anteriores parcelas, dos terreos que quedarían integrados dentro do MVMC Furriolo polo efecto da avinza.
A superficie do MVMC Furriolo, unha vez modificado o esbozo, sería de 255,15 ha fronte ás 247,65 actuais, o que supón un incremento do 3,0 %.
O citado informe considera que a solicitude se axusta ao establecido no artigo 53 da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, polo que propón ao Xurado Provincial a súa aprobación, así como a revisión parcial do esbozo do novo anaco do MVMC Furriolo resultante da avinza.
Consideracións legais e técnicas:
Primeiro. Esta resolución dítase ao abeiro do artigo 53 do regulamento para a execución da Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común, aprobado polo Decreto 260/1992, do 4 de setembro, e de conformidade co disposto na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.
Segundo. O artigo 53 da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, recolle o procedemento que se debe seguir no deslindamento entre montes veciñais en man común e establece que o Xurado Provincial de Montes Veciñais en Man Común, logo do exame da documentación presentada, ditará unha resolución que será publicada no Diario Oficial de Galicia e notificada ás comunidades interesadas.
Terceiro. A Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, na súa disposición transitoria décimo terceira establece o procedemento de revisión de esbozos de montes veciñais en man común.
De acordo con ela, os esbozos de montes veciñais integrados nun expediente que, pola súa antigüidade, non reúnan as características de fiabilidade e precisión que exixen as novas técnicas topográficas poderán ser revisados axustándose e completándose con aqueles datos e documentos que se consideren necesarios, en particular os requiridos para a súa inmatriculación no Rexistro da Propiedade.
De acordo cos feitos e fundamentos de dereito expostos, e tendo en conta o informe favorable do Servizo de Montes do día 27.3.2026, o Xurado Provincial de Montes Veciñais en Man Común acordou por unanimidade, o día 6.10.2026:
Aprobar o acto de conciliación acadado polas xuntas reitoras do MVMC Furriolo, pertencente á CMVMC da parroquia de Lampaza, e o MVMC Candás, pertencente á CMVMC da parroquia de Candás, no concello de Rairiz de Veiga, así como a revisión parcial do esbozo do novo anaco do MVMC Furriolo resultante da avinza.
Contra esta resolución, que pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer un recurso potestativo de reposición perante o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Ourense no prazo dun mes, ou ben directamente un recurso contencioso-administrativo perante o Xulgado do Contencioso-Administrativo de Ourense, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao desta notificación, de acordo co disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, de 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e nos artigos 8 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.
Ourense, 28 de outubro de 2026
José Antonio Armada Pérez
Presidente do Xurado Provincial de Clasificación
de Montes Veciñais en Man Común de Ourense
