O Regulamento (UE) 2024/1143 do Parlamento Europeo e do Consello, do 11 de abril de 2024, relativo ás indicacións xeográficas para viños, bebidas espirituosas e produtos agrícolas, constitúe o marco xurídico básico da Unión para a protección das figuras de calidade diferenciada, e reforza o papel das agrupacións de produtores e das entidades encargadas da súa xestión.
No ámbito autonómico, a Lei 1/2024, do 11 de xaneiro, da calidade alimentaria de Galicia, define no seu artigo 47 os consellos reguladores como corporacións de dereito público cunha estrutura e réxime de funcionamento interno que debe responder a principios democráticos, garantindo unha representación equilibrada dos intereses económicos e sectoriais. A súa disposición transitoria segunda establece a obriga de adecuar as entidades preexistentes ao novo marco legal, proceso que debe compatibilizarse coa necesaria renovación periódica dos seus órganos de goberno para evitar baleiros de poder institucional.
Neste contexto, a disposición transitoria segunda da Lei 1/2024 prevé un proceso de adecuación das entidades de xestión preexistentes, como é o caso do Consello Regulador da Denominación de Orixe Protexida Mexillón de Galicia. Mentres non se complete a dita adaptación e se produza o desenvolvemento regulamentario específico, a continuidade institucional do Consello require a renovación dos seus órganos de goberno.
Para tal fin, e mentres non se dite a normativa que substitúa o Decreto 4/2007, do 18 de xaneiro, polo que se regulan as denominacións xeográficas de calidade do sector alimentario e os seus consellos reguladores, este continúa a ser o marco polo que rexerán os procesos electorais naquilo que non se opoña ao disposto na Lei 1/2024 e no citado Regulamento (UE) 2024/1143.
O Decreto 4/2007, do 18 de xaneiro, establece no seu capítulo VI o réxime electoral xeral. Segundo esta norma, os consellos réxense polas disposicións comúns da súa sección primeira e, de forma complementaria, polas da sección segunda, sempre que non conten con normas específicas nos seus regulamentos que as substitúan.
Neste sentido, a Orde do 20 de marzo de 2019 pola que se aproba o Regulamento da denominación de orixe protexida Mexillón de Galicia e o seu Consello Regulador, contén as normas específicas que rexen a composición e o réxime electoral desta entidade e, xunto coa normativa sinalada anteriormente, constitúe o marco xurídico de aplicación para esta convocatoria.
Polo tanto, cómpre realizar a convocatoria de eleccións para a renovación dos órganos de goberno do Consello Regulador da Denominación de Orixe Protexida Mexillón de Galicia/Mejillón de Galicia.
Por todo o anterior, logo da audiencia do Consello Regulador da Denominación de Orixe Protexida Mexillón de Galicia/Mejillón de Galicia e no uso das facultades que me confire o citado Decreto 4/2007, do 18 de xaneiro,
DISPOÑO:
Artigo 1. Convocatoria
1. De acordo co establecido no artigo 75 do Regulamento da denominación de orixe protexida Mexillón de Galicia/Mejillón de Galicia, aprobado pola Orde do 20 de marzo de 2019, en consonancia co artigo 36 do Decreto 4/2007, do 18 de xaneiro, polo que se regulan as denominacións xeográficas de calidade do sector alimentario e os seus consellos reguladores, convócanse as eleccións para a renovación dos órganos de goberno do Consello Regulador da Denominación de Orixe Protexida Mexillón de Galicia/Mejillón de Galicia.
2. O Consello Regulador deberá dar publicidade desta convocatoria mediante a exposición na súa sede, así como naqueles lugares e polos medios que considere máis oportunos, para acadar a máxima difusión no seu ámbito sectorial e territorial.
3. Durante o proceso electoral, que comezará no momento de entrada en vigor desta orde, os membros do Consello Regulador estarán en funcións e poderán realizar unicamente actos de trámite e os necesarios para a axeitada marcha da denominación de orixe, entre eles os relacionados co proceso electoral. A súa función rematará coa toma de posesión dos novos membros.
Artigo 2. Calendario electoral, prazos e lugar de presentación de documentación
1. O calendario electoral establece os prazos dos diferentes actos do proceso electoral.
2. O calendario electoral será o que se recolle como anexo I desta orde e estará exposto na sede do Consello Regulador.
3. Os prazos previstos nesta norma para a presentación de escritos, candidaturas, reclamacións e recursos están sinalados por días hábiles e expirarán ás 14.00 horas do derradeiro día do prazo.
4. O lugar de presentación dos escritos, candidaturas, reclamacións e recursos será, segundo o caso, as oficinas administrativas do Consello Regulador ou da Xunta Electoral, segundo quen deba coñecelos. Dada a brevidade dos prazos establecidos, os escritos presentaranse, ademais de polo rexistro ordinario, por correo electrónico ao enderezo info@mexillondegalicia.org os dirixidos ao Consello Regulador, e ao enderezo de correo electrónico dxpait.mar@xunta.gal os dirixidos á Xunta Electoral.
Artigo 3. Persoas electoras
1. Poderán ser electoras as persoas físicas ou xurídicas que, antes da entrada en vigor desta convocatoria, estean debidamente inscritas e con actividade nalgún dos censos do Consello Regulador, non carezan do dereito de sufraxio activo consonte o disposto pola normativa de réxime electoral xeral e non fosen sancionadas con carácter firme coa suspensión da súa inscrición no rexistro correspondente.
2. As persoas xurídicas exercerán o seu dereito ao voto a través do seu representante legal.
3. O dereito de sufraxio exercerase, con carácter xeral, unha soa vez, é dicir, cada persoa electora ten dereito a un único voto por cada inscrición individual que conste en cada rexistro en que se encontre inscrita.
4. No caso de que unha mesma persoa titular figure inscrita en máis dun censo electoral, poderá ser persoa electora en cada un deles.
5. Para poder ser persoa electora deberá estar ao día no pagamento das súas obrigas e ter actualizadas as inscricións nos rexistros.
Artigo 4. Elixibles
1. Serán elixibles como membros do Consello Regulador aquelas persoas físicas ou xurídicas que reúnan os requisitos para seren persoa electora e non estean incursas nas causas de inelixibilidade previstas na normativa de réxime electoral xeral.
2. No caso de que unha mesma persoa titular figure inscrita en máis dun censo, só poderá ser elixible por un deles, e deberá optar polo que considere máis conveniente.
3. Unha mesma persoa física ou xurídica, aínda que estea inscrita en varios rexistros do Consello Regulador, non poderá ter dobre representación neste, nin directamente nin a través de empresas vinculadas ou persoas socias delas.
4. No caso das persoas xurídicas inscritas, a persoa candidata a membro do Pleno será a propia persoa xurídica, que estará representada no Consello Regulador, de resultar elixida, pola persoa física que designe o seu órgano de goberno en cada momento.
Artigo 5. Sistema electoral
1. O sistema electoral aplicable será de carácter proporcional directo, considerando todas as candidaturas sen que sexa necesario reunir unha porcentaxe mínima de votos válidos emitidos.
2. A representación por sectores, así como o número de persoas vogais correspondentes a cada censo debe ser conforme coa configuración plenaria establecida na Orde do 20 de marzo de 2019. Polo tanto, a súa estrutura será a seguinte:
a) Seis persoas vogais en representación do subsector produtor, elixidas democraticamente por e entre as persoas titulares de bateas inscritas.
b) Seis persoas vogais en representación das empresas comercializadoras, elixidas democraticamente por e entre as persoas titulares de centros de expedición/depuración e empresas transformadoras inscritas, respectivamente. Tres persoas vogais corresponderán aos centros de depuración e/ou expedición de mexillón fresco e outras tres ás empresas de transformación.
Artigo 6. Xunta Electoral
1. A Xunta Electoral é o órgano supremo de supervisión do proceso electoral e nela estarán representados os tres subsectores nomeados no artigo anterior que concorren ao proceso electoral e persoal técnico da Consellería do Mar.
2. A Xunta Electoral exercerá as funcións establecidas no artigo 79.2 do Regulamento da denominación de orixe protexida Mexillón de Galicia/Mejillón de Galicia.
3. A Xunta Electoral terá a súa sede nas dependencias da Dirección Xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica da Consellería do Mar.
4. A Xunta Electoral estará presidida pola persoa que ocupe a Dirección Xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, e terá como suplente a persoa que ocupe a Subdirección Xeral de Valorización dos Produtos do Mar. Estará integrada, ademais, por:
a) Cinco persoas vogais:
i. Dúas persoas funcionarias dos grupos A1 ou A2 da Consellería do Mar ou dos seus entes e organismos dependentes. Como suplentes, designaranse tres persoas funcionarias cos mesmos requisitos exixidos para as persoas titulares.
ii. Tres representantes das entidades organizativas sectoriais vinculadas ao Consello Regulador, preferentemente unha persoa representante por cada subsector, sempre que exista o número suficiente de candidaturas, que serán elixidas na forma establecida no artigo 8.
b) Unha persoa secretaria: persoa funcionaria do grupo A1 da Consellería do Mar ou dos seus entes e organismos dependentes, con licenciatura en dereito. Como suplente designarase unha persoa funcionaria cos mesmos requisitos que a persoa titular.
5. Ningún membro, titular ou suplente, da Xunta Electoral poderá presentarse como persoa candidata a vogal nin formar parte do pleno do Consello Regulador.
Artigo 7. Presentación de persoas candidatas a vogais da Xunta Electoral en representación do sector
1. O proceso electoral dará comezo o día de entrada en vigor desta orde. No prazo dos catro (4) días hábiles seguintes á data de inicio do proceso electoral, as persoas representantes das entidades organizativas sectoriais vinculadas ao Consello Regulador poderán presentar candidaturas a vogais da Xunta Electoral.
2. A presentación de persoas candidatas á Xunta Electoral en representación de entidades organizativas sectoriais farase mediante unha solicitude acompañada da seguinte documentación:
a) Documentación acreditativa da personalidade xurídica da entidade propoñente.
b) Acordo do órgano de goberno en que se propoña a persoa representante e a súa suplente.
c) Currículo das persoas candidatas titular e suplente.
d) Enderezo de correo electrónico autorizado pola organización para os efectos de recepción das convocatorias e comunicacións relacionadas co proceso electoral.
3. No suposto de entidades organizativas sectoriais integradas noutras de ámbito superior, aquelas unicamente poderán presentar persoas candidatas se estas non o fixeren.
4. As candidaturas irán dirixidas á Dirección Xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica da Consellería do Mar mediante unha solicitude acompañada da documentación que establece o punto 2 deste artigo, e deberán conter cada unha unha persoa titular e unha suplente.
As candidaturas para as persoas xurídicas deberán presentarse na sede electrónica que a Xunta de Galicia pon á disposición da cidadanía, tal e como dispón o artigo 16.1 da Lei 39/2015, de 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas. Para estes efectos, utilizarase o procedemento PR004A.
As persoas físicas, ademais da opción anterior, poderán facelo presencialmente no Rexistro Xeral da Xunta de Galicia (Edificio Administrativo de San Caetano, Santiago de Compostela) ou por calquera dos medios establecidos no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro.
Artigo 8. Designación de membros da Xunta Electoral
1. O décimo día posterior á data de comezo do proceso electoral designaranse os membros titulares e suplentes da Xunta Electoral, mediante unha resolución da persoa titular da Dirección Xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica da Consellería do Mar. Na dita designación teranse en conta a formación académica e a experiencia das persoas candidatas, así como, no caso das persoas representantes de entidades organizativas sectoriais, o seu grao de implantación na actividade da denominación de orixe protexida Mexillón de Galicia, medido en función da produción certificada comercializada de acordo cos datos do Consello Regulador.
2. A designación dos membros da Xunta Electoral será comunicada tanto ás persoas designadas para tales efectos como ás persoas candidatas. Así mesmo, a resolución correspondente publicarase no taboleiro de anuncios das oficinas do Consello Regulador e na súa páxina web.
3. Contra esta resolución poderase interpor un recurso, no prazo de tres (3) días hábiles, ante a persoa titular da Consellería do Mar, que resolverá dentro dos tres (3) días hábiles seguintes ao da súa recepción.
4. O terceiro día hábil seguinte á resolución dos devanditos recursos terá lugar a sesión constitutiva da Xunta Electoral.
5. O mandato dos membros da Xunta Electoral concluirá 100 días despois da celebración das eleccións.
Artigo 9. Comisión Electoral
1. A Comisión Electoral será designada polo Pleno do Consello Regulador da Denominación de Orixe Protexida Mexillón de Galicia/Mejillón de Galicia. Estará composta pola persoa que exerza a presidencia e por tres persoas vogais, unha en representación de cada sector, así como por unha persoa representante nomeada pola consellería competente en produtos pesqueiros, con voz, pero sen voto. Como persoa titular da secretaría actuará a do Pleno do Consello Regulador.
2. Ningún membro da Comisión Electoral poderá presentarse como persoa candidata a membro do Pleno do Consello Regulador.
3. No caso de incorrer na incompatibilidade anterior, o Pleno elixirá os membros da Comisión Electoral de entre persoas vogais suplentes e, na súa falta, aleatoriamente de entre as persoas inscritas nos rexistros do Consello Regulador.
4. A Comisión Electoral deberá reunirse en sesión constitutiva, como máis tarde, o terceiro día hábil ao do seu nomeamento polo Pleno do Consello. Para unha válida constitución da Comisión Electoral requírese a asistencia de, polo menos, a persoa que exerza a presidencia, a que exerza a secretaría e a metade dos seus membros. Os acordos tomaranse por maioría.
Artigo 10. Funcións da Comisión Electoral
Corresponderá á Comisión Electoral realizar as funcións establecidas no artigo 87 do Regulamento da denominación de orixe protexida Mexillón de Galicia/Mejillón de Galicia, actuando con obxectividade e transparencia e someténdose ás instrucións da Xunta Electoral creada no artigo 6.
Artigo 11. Censo electoral
1. O censo electoral será elaborado pola Comisión Electoral para a súa utilización no proceso electoral. Será único e indivisible. Estará constituído por todas e cada unha das persoas titulares inscritas e con actividade nos correspondentes rexistros do Consello Regulador, de acordo co que se establece na Orde do 20 de marzo de 2019 pola que se aproba o Regulamento da denominación de orixe protexida Mexillón de Galicia/Mejillón de Galicia e o seu Consello Regulador e nesta orde de convocatoria.
2. O censo electoral axustarase ao modelo que figura no anexo II, e terá a seguinte estrutura:
– Censo do subsector produtor, constituído polas persoas titulares de bateas inscritas no Rexistro de Bateas do Consello Regulador.
– Censo do subsector da comercialización de mexillón fresco, constituído polas persoas titulares inscritas no Rexistro de Centros de Depuración/Expedición.
– Censo do subsector da transformación, constituído polas persoas titulares inscritas no Rexistro de Centros de Transformación.
3. Nos censos figurarán exclusivamente as persoas titulares inscritas e con actividade nos rexistros correspondentes e deberán estar ao día nas súas obrigas co Consello Regulador. Deberán figurar ordenadas por entidades asociativas e alfabeticamente, e asignaráselles un número de orde.
Artigo 12. Publicidade dos censos
1. A Comisión Electoral, despois das comprobacións que xulgue oportunas, dilixenciará os censos coas sinaturas da persoa titular da secretaría da Comisión e a conformidade da persoa titular da presidencia, no prazo de tres (3) días hábiles desde a sesión constitutiva da devandita Comisión Electoral.
2. No prazo dos cinco (5) días hábiles seguintes á súa aprobación, a Comisión Electoral ordenará a exposición dos censos electorais por orde alfabética na sede do Consello Regulador e remitiraos aos lugares seguintes, para a súa exposición:
– Aos departamentos territoriais da Consellería do Mar, onde se exporán, cando menos, os censos correspondentes ás persoas inscritas na respectiva provincia.
– Ás xefaturas comarcais da Consellería do Mar, onde se exporán, cando menos, os censos correspondentes ás persoas inscritas do seu ámbito xeográfico.
– Ás entidades organizativas sectoriais vinculadas ao Consello Regulador.
3. A remisión dos censos provisionais aos lugares citados deberá realizarse mediante un oficio da persoa titular da secretaría do Consello Regulador.
4. As persoas interesadas poderán formular, no prazo de tres (3) días hábiles, reclamacións contra os censos, que a Comisión Electoral resolverá en igual prazo de tres (3) días hábiles, contados desde a súa presentación.
5. Resoltas as reclamacións presentadas contra o censo electoral, a Comisión Electoral ordenará publicar na mesma forma os censos electorais definitivos no prazo de tres (3) días hábiles.
Artigo 13. Persoas candidatas e candidaturas
1. De acordo co establecido no artigo 56.1 do Regulamento da denominación de orixe protexida mexillón de galicia-mejillón de Galicia, corresponde elixir as seguintes persoas vogais, correspondentes a cada censo ou subcenso:
– Seis (6) en representación do subsector produtor.
– Seis (6) en representación das empresas comercializadoras: tres (3) persoas vogais corresponderán aos centros de depuración e/ou expedición de mexillón fresco e tres (3) ás empresas de transformación.
2. Serán elixibles as persoas pertencentes a cada un dos censos electorais que cumpran os requisitos establecidos no artigo 4 desta orde, sempre que non se encontren incursas nas causas de inelixibilidade previstas nos artigos 6.2 e 7 da Lei orgánica 5/1985, do 19 de xuño, do réxime electoral xeral.
Artigo 14. Presentación de candidaturas
1. Segundo se establece no artigo 94.1 do Regulamento da denominación de orixe protexida mexillón de Galicia-Mejillón de Galicia, poderán propoñer candidaturas ás eleccións grupos de persoas inscritas, cooperativas, asociacións e organizacións profesionais vinculadas ao Consello Regulador sempre que cumpran os requisitos legais e sexan avaladas, polo menos, polo 5 % do total de persoas electoras do censo de que se trate.
2. As candidaturas, así como o resto da documentación e trámites electorais, presentaranse nas oficinas administrativas do Consello Regulador mediante unha solicitude de proclamación ante a Comisión Electoral, no prazo dos dez (10) días hábiles seguintes á data de publicación dos censos definitivos.
3. As candidaturas presentaranse mediante unha lista pechada de persoas candidatas, que non poderán superar en número os membros establecidos no artigo 13 desta orde, e deberá conter unha persoa suplente por cada persoa titular. As listas expresarán claramente os datos seguintes:
a) O nome, apelidos e NIF das persoas candidatas, tanto titulares como suplentes, así como o nome da entidade organizativa sectorial vinculada ao Consello Regulador a que pertence ou a indicación independente.
b) A orde de colocación das persoas candidatas dentro de cada lista.
c) A sinatura de todas e cada unha das persoas candidatas a vogal.
4. A identidade das persoas asinantes acreditarase perante a Comisión Electoral, que comprobará se as persoas propostas figuran nos censos correspondentes.
5. No caso de que as persoas candidatas fosen persoas xurídicas, xuntarase o acordo de aceptación polo órgano de goberno ou reitor.
6. As listas deberán presentarse acompañadas dunha declaración de aceptación das candidaturas, subscritas polas persoas candidatas, que deberán reunir as condicións de elixibilidade.
7. Coa lista de persoas candidatas xuntarase a declaración xurada de cada unha delas conforme non incorren en causa de inelixibilidade.
8. De acordo co punto 12 do artigo 49 do Decreto 4/2007, do 18 de xaneiro, a secretaría do Consello Regulador expedirá unha dilixencia en que consten a data e a hora de presentación de cada lista, e expedirá un recibo desta. A cada unha asignaráselle un número correlativo coa orde de presentación.
9. No caso de falta de designación expresa, entenderase que a persoa que encabeza a lista actuará como representante seu, e será encargada de realizar todas as xestións da respectiva candidatura ante a Comisión Electoral, así como de recibir as notificacións que esta poida realizar.
Artigo 15. Proclamación provisional de candidaturas
1. Rematado o prazo de presentación das candidaturas, no prazo dos cinco (5) días hábiles seguintes, a Comisión Electoral comprobará que a documentación presentada para cada unha delas é correcta e está completa e, de ser así, proclamará provisionalmente as candidaturas.
2. No caso de que se presente unha única candidatura ou lista para un censo ou subcenso, ou de que o número total de persoas candidatas das listas presentadas non fose superior á de vogais que hai que elixir, esta lista ou listas serán proclamadas pola Comisión Electoral, que dará traslado á Xunta Electoral, sen necesidade de que continúe o proceso electoral para ese censo ou subcenso.
Artigo 16. Exposición e proclamación definitiva de candidaturas
1. Unha vez proclamadas as distintas candidaturas, a Comisión Electoral acordará a súa exposición pública nos mesmos lugares establecidos para a exhibición dos censos, indicados no artigo 12, durante tres (3) días hábiles, e fará a comunicación á Xunta Electoral.
2. Expostas as distintas candidaturas, poderán presentarse reclamacións no prazo de tres (3) días hábiles ante a Comisión Electoral.
3. A Comisión Electoral deberá resolver estas reclamacións no prazo de dous (2) días hábiles a partir da finalización do prazo establecido no número 2 deste artigo, proclamando as candidaturas definitivas e acordando a súa exposición pública. A resolución destas poderá ser impugnada pola Xunta Electoral.
4. Contra as resolucións da Comisión Electoral poderán interpoñerse recursos ante a Xunta Electoral no prazo de tres (3) días hábiles, que serán resoltos nos tres (3) días hábiles seguintes á finalización do prazo indicado para a presentación dos devanditos recursos. Resoltos os recursos, a Xunta Electoral procederá á proclamación definitiva das persoas candidatas e acordará a exposición pública nos mesmos lugares establecidos para a exhibición das candidaturas provisionais.
5. Unha vez proclamadas definitivamente as candidaturas pola Xunta Electoral, se a totalidade das correspondentes a un censo chega a un acordo na repartición das vogalías, e o dito acordo, subscrito polas persoas representantes de cada candidatura, fose presentado por escrito ante a Xunta Electoral antes da finalización da campaña electoral, darase por concluído o proceso electoral para ese censo, e as persoas candidatas serán proclamadas vogais.
Artigo 17. Circunstancias especiais das candidaturas
Cando non se presenten candidaturas, a mesa electoral disporá de tantas urnas como censos e procederase do seguinte xeito:
1. Nas papeletas de voto, específicas para o caso, as persoas votantes escribirán os números que figuran no censo e que identifican cada persoa física ou xurídica á cal desexen dar o seu voto.
2. O número máximo de persoas físicas ou xurídicas que se poden designar nas papeletas de voto de cada censo estará limitado ao estipulado no artigo 11 desta orde.
3. A cada un dos censos correspóndelle elixir un número de persoas vogais conforme a composición do Consello Regulador establecida no artigo 13 desta orde.
Artigo 18. Campaña electoral
1. Enténdese por campaña electoral, para os efectos desta orde, o conxunto de actividades lícitas levadas a cabo polas persoas candidatas encamiñadas á captación de sufraxios.
2. A campaña electoral iniciarase ás 00.00 horas do día hábil posterior ao da proclamación definitiva das candidaturas e finalizará ás 24.00 horas do sétimo día de campaña.
3. O Consello Regulador poderá realizar, durante o período electoral, unha campaña de carácter institucional destinada ao fomento do voto, así como para informar as persoas electoras sobre a data de votación, o procedemento para votar e os requisitos, sen influír en ningún caso na orientación do voto.
Artigo 19. Papeletas e sobres
1. A Comisión Electoral aprobará os modelos oficiais de papeletas e sobres e ordenará a súa confección. Ademais, proverá ás mesas electorais de mobiliario, urnas, papeletas de voto, sobres e de todo o material necesario para a realización das eleccións.
2. Cada papeleta conterá unha única candidatura ou, no caso de ausencia destas, espazos habilitados para a identificación das persoas ás que se desexa dar o voto.
Artigo 20. Persoas apoderadas e interventoras
De conformidade co establecido nos artigos 54 e 55 do Decreto 4/2007, do 18 de xaneiro, ata o terceiro día anterior ao da votación, a persoa representante de cada candidatura poderá solicitar ante o Consello Regulador as credenciais de nomeamento de persoas interventoras e apoderadas, utilizando para iso os modelos que figuran nos anexos III e IV, respectivamente.
Artigo 21. Mesas electorais
1. A mesa electoral central é o órgano encargado de presidir as votacións, realizar o escrutinio, publicar os resultados e velar pola pureza do sufraxio.
A Comisión Electoral designará a mesa electoral central e as mesas electorais periféricas, que estarán integradas por unha persoa que exerza a presidencia e dúas persoas vogais, elixidas por sorteo entre o censo de persoas electoras correspondente a cada unha delas, maiores de idade, que saiban ler e escribir.
2. Igualmente, procederase ao nomeamento de dúas persoas suplentes por cada un dos membros da mesa.
3. Unha vez realizada a proclamación provisional de persoas candidatas, a Comisión Electoral iniciará o sorteo para a designación das persoas compoñentes das mesas electorais, tanto titulares como suplentes.
4. Co obxecto de lles facilitar aos inscritos o acceso ao voto, as entidades asociativas vinculadas ao Consello Regulador poderán solicitar á Comisión Electoral que unha mesa electoral periférica se constitúa no seu ámbito territorial. Tal solicitude deberase presentar ante a Comisión Electoral no prazo que vai desde a data de convocatoria de eleccións ata o remate do prazo de presentación de candidaturas.
5. Os membros das mesas electorais teñen dereito á indemnización de gastos e axudas de custo, que se lles aboarán no día da votación, polo mesmo importe que estea establecido para os membros do Pleno do Consello Regulador.
Artigo 22. Designación dos membros das mesas electorais
1. Os cargos de presidente ou presidenta e de persoa vogal da mesa electoral son obrigatorios e non poderán exercelos aquelas persoas que se presenten como candidatas.
2. Unha vez realizada a súa designación, deberá notificarse ás persoas interesadas no máis breve prazo, e estas disporán dun prazo de catro (4) días hábiles para alegaren ante o Consello Regulador a causa xustificada que lles impida aceptar o cargo.
3. A Comisión Electoral resolverá no prazo de dous (2) días hábiles sen ulterior recurso. De resultar necesario, o Consello Regulador realizará novos sorteos para cubrir as vacantes das persoas a quen se aceptaron as escusas.
Artigo 23. Constitución das mesas electorais
1. A votación realizarase entre as 11.00 e as 17.00 horas do primeiro sábado inmediatamente posterior ao día de finalización da campaña electoral.
2. Os membros da mesa electoral e os seus suplentes reuniranse ás 10.00 horas da mañá do día das votacións no local designado para a votación.
3. Se a persoa que exerza a presidencia non acode, substituiraa a persoa suplente. No caso de faltar esta, tomará posesión como presidente ou presidenta a primeira persoa vogal ou a segunda por esta orde. As persoas vogais que non acudisen ou que tomasen posesión como presidenta ou presidente serán substituídas polas súas persoas suplentes.
4. En ningún caso poderá constituírse a mesa sen a presenza da persoa titular da presidencia e dúas persoas vogais. No caso de que non se poida cumprir este requisito, os membros da mesa presentes e os suplentes que acudisen estenderán e subscribirán unha declaración dos feitos acontecidos e, de inmediato, a Comisión Electoral nomeará as persoas máis idóneas para constituír a mesa electoral.
5. A mesa recibirá as credenciais das persoas interventoras que se presenten, comparándoas coa copia que constará en poder da mesa, e daralles, se é o caso, a posesión do cargo.
Artigo 24. Acta das mesas electorais periféricas
1. As persoas que exerzan a presidencia das mesas electorais periféricas expedirán unha acta no momento da constitución da mesa, que pecharán ao finalizar as súas funcións como tales e asinarán todos os membros da mesa. Nela faranse constar as persoas compoñentes da mesa, a identificación de persoas interventoras, a suficiencia de material, a hora de inicio das votacións, as anomalías ou aspectos que, pola súa relevancia e transcendencia, sexan merecentes de quedaren reflectidos ao longo da xornada, a hora de peche das votacións, as reclamacións formuladas coa identificación das persoas reclamantes e a resolución dada a estas, e o número de votos emitidos segundo os marcados no documento do censo.
2. Finalizadas as votacións, as persoas que exerzan a presidencia serán responsables do precintado as urnas de votación, da súa custodia e transporte inmediato á mesa electoral central, xunto coa acta, o documento do censo utilizado nelas e a demais documentación, se a houber.
Artigo 25. Acta da mesa electoral central
1. A persoa que exerza a presidencia da mesa electoral central expedirá unha acta no momento da constitución da mesa, que pechará ao finalizar as súas funcións como tal e asinarán todos os membros da mesa. Nela faranse constar as persoas compoñentes da mesa, a identificación das persoas interventoras, a suficiencia de material, a hora de inicio das votacións, as anomalías ou aspectos que, pola súa relevancia e transcendencia, sexan merecentes de quedaren reflectidos ao longo da xornada, e a hora de peche das votacións.
2. Igualmente, farase constar a recepción de cada acta e demais documentación de cada mesa electoral periférica, así como da correspondente urna precintada, a súa apertura e reconto do número de sobres de votación que introducirán na urna da mesa electoral central, e que será conforme o establecido na acta da correspondente mesa periférica.
3. Finalmente, faranse constar as condicións de transparencia do escrutinio e a expresión detallada do resultado, cos votos emitidos, os nulos, en branco e os asignados a cada candidatura, as reclamacións formuladas coa identificación das persoas reclamantes e a resolución dada a estas. A acta será asinada por todos os membros da mesa.
Artigo 26. Do voto
1. O voto será presencial, e o dereito de voto acreditarase pola inscrición da persoa electora nas listas certificadas do censo. A persoa física que o exerza, directamente ou en calidade de representante que demostrase tal condición, deberá acreditar a súa identidade mediante o DNI, pasaporte ou permiso de condución, en que figure a fotografía da persoa titular.
2. Denegaráselle o exercicio do voto a quen, no momento de exercelo, conste que o emitiu con anterioridade.
Artigo 27. Escrutinio das votacións
1. Concluída a votación, a persoa titular da presidencia da mesa electoral central procederá ao reconto dos votos, extraendo as papeletas da urna e lendo en voz alta o nome das candidaturas ou das persoas candidatas votadas, os emitidos en branco e os considerados nulos. Realizado o reconto, a persoa titular da presidencia preguntará ás persoas asistentes se hai algunha protesta contra o escrutinio, resolvendo e deixando constancia dela.
2. A seguir, formulará en voz alta o seu resultado especificando o número de votos emitidos, de votos válidos, nulos e en branco e o de votos obtidos por cada candidatura, deixando expresión escrita deles na acta de votacións.
3. Este procedemento repetirase para cada un dos censos referidos.
4. A continuación, a mesa electoral central preparará a documentación electoral. O expediente electoral estará composto polos seguintes documentos:
a) Toda a documentación orixinal recibida das mesas electorais periféricas sinalada no segundo parágrafo do artigo 24.
b) O orixinal da acta de constitución da mesa.
c) O orixinal da acta da sesión ou acta de escrutinio.
d) A relación das persoas interventoras.
e) A lista do censo electoral utilizada.
f) A lista numerada das persoas votantes e papeletas ás que se lles negase a validez ou que fosen obxecto dalgunha reclamación.
g) As certificacións censuais entregadas.
5. Unha vez introducida esta documentación nun sobre, os tres membros da mesa e as persoas interventoras asinarán os pregos que os pechan.
6. Unha vez rematada a xornada electoral, a persoa que exerza a presidencia da mesa entregará á Comisión Electoral toda a documentación derivada do proceso e o material utilizado.
7. Como máis tarde no seguinte día hábil ao da súa recepción, a Comisión Electoral debe mandar unha copia do expediente electoral á Xunta Electoral.
Artigo 28. Asignación dos resultados e proclamación das persoas vogais electas
1. A Comisión Electoral, con base na documentación recibida, asignará os postos de elección para cada un dos censos por asignación proporcional directa dos votos válidos emitidos.
2. Cando non se presenten candidaturas, as vogalías serán asignadas ás persoas físicas ou xurídicas segundo os votos recibidos.
3. No segundo día posterior ao da votación, a Comisión Electoral procederá á proclamación provisional das persoas vogais electas. Para esta asignación de vogalías, de acordo co establecido no artigo 5, aplicarase o sistema proporcional directo. Como anexo V xúntase unha explicación da repartición de vogalías segundo este sistema, cun exemplo práctico e deberá comunicalo, como máis tarde no primeiro día hábil seguinte, á Xunta Electoral.
4. Contra o acordo de proclamación provisional poderase interpor un recurso no prazo de tres (3) días hábiles, que a Xunta Electoral resolverá en igual prazo.
Artigo 29. Constitución do Pleno e elección das persoas que exerzan os cargos da presidencia e as vicepresidencias
1. Transcorrido o prazo de recurso sen que se recibise ningún ou unha vez resoltos os recursos recibidos, a Xunta Electoral proclamará definitivamente as persoas vogais electas, e convocará o Pleno do Consello Regulador, respectando os prazos establecidos para tales efectos no seu regulamento, no cal tomarán posesión as persoas vogais electas dos seus cargos e quedará constituído o Pleno.
2. A sesión estará presidida por unha persoa representante da Administración, designada para o efecto pola persoa titular da Consellería do Mar, cuxo nome se fará constar na devandita convocatoria. Para a realización desta sesión será necesario un quórum de dous terzos.
3. A seguir, na mesma sesión, o Consello en Pleno elixirá por maioría as persoas que exercerán a presidencia e as vicepresidencias. En caso de empate na elección dalgún dos cargos, realizarase, no terceiro día hábil seguinte, unha nova votación. De persistir o empate, realizarase de novo do mesmo xeito e, en caso de non se desfacer, decidirase mediante sorteo que realizará a Xunta Electoral entre as persoas candidatas que obtivesen o mesmo número de apoios na última votación.
4. As persoas elixidas para os cargos de presidencia e vicepresidencias serán nomeadas posteriormente pola persoa titular da Consellería do Mar.
5. Unha vez constituído o Pleno do Consello Regulador, as vacantes que se producisen por falecemento, abandono, dimisión, cesamento na actividade ou calquera outra causa dalgún dos seus membros serán cubertas a partir da lista que pertencía o dito membro segundo a orde nela establecida.
Disposición adicional única. Composición equilibrada dos órganos colexiados e promoción da representación paritaria
1. Na composición do Consello Regulador, da Xunta Electoral e da Comisión Electoral procurarase acadar unha presenza equilibrada de mulleres e homes.
2. Así mesmo, os órganos e entidades que participen no proceso electoral terán en consideración, como criterio orientador da súa actuación, os principios inspiradores da Lei orgánica 2/2024, do 1 de agosto, de representación paritaria e presenza equilibrada de mulleres e homes, favorecendo a presentación de candidaturas e a realización de designacións que contribúan a unha representación máis equilibrada de mulleres e homes, especialmente naqueles supostos en que exista marxe de decisión na selección das persoas representantes.
Disposición derrogatoria única. Derrogación da Orde do 8 de xullo de 2020
Queda derrogada a Orde do 8 de xullo de 2020 pola que se convocan eleccións e se ditan normas para a renovación dos membros do Pleno do Consello Regulador da Denominación de Orixe Protexida Mexillón de Galicia/Mejillón de Galicia.
Disposición derradeira primeira. Disposicións supletorias
No non previsto nesta orde, aplicarase o disposto na Orde do 20 de marzo de 2019 pola que se aproba o Regulamento da denominación de orixe protexida Mexillón de Galicia/Mejillón de Galicia e do seu Consello Regulador, así como no Decreto 4/2007, do 18 de xaneiro, polo que se regulan as denominacións xeográficas de calidade do sector alimentario e os seus consellos reguladores.
Disposición derradeira segunda. Facultade de desenvolvemento
Facúltase a persoa titular da Dirección Xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica para ditar cantas instrucións sexan precisas para o desenvolvemento desta orde.
Disposición derradeira terceira. Entrada en vigor
Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, 19 de outubro de 2026
Marta Villaverde Acuña
Conselleira do Mar
ANEXO I
Calendario electoral
|
Fase do proceso electoral |
Número de días |
|
Data do comezo do proceso electoral |
Data de entrada en vigor da orde de convocatoria de eleccións |
|
Fin do prazo de presentación de persoas candidatas á Xunta Electoral |
4 días hábiles seguintes á data de comezo do proceso electoral |
|
Sesión constitutiva da Comisión Electoral |
3 días hábiles desde o seu nomeamento polo Pleno |
|
Designación dos membros da Xunta Electoral (Resolución da persoa titular da Dirección Xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica) |
10º día posterior á data de comezo do proceso electoral |
|
Fin do prazo para a presentación de recursos ante a persoa titular da Consellería do Mar contra a designación dos membros da Xunta Electoral |
3 días hábiles desde a emisión da resolución |
|
Resolución da persoa titular da Consellería do Mar dos recursos contra a designación dos membros da Xunta Electoral |
3 días hábiles desde a recepción do recurso |
|
Sesión constitutiva da Xunta Electoral |
No prazo de 3 días desde a resolución dos recursos pola persoa titular da Consellería do Mar |
|
Aprobación dos censos provisionais pola Comisión Electoral |
3 días hábiles desde a sesión constitutiva da Comisión Electoral |
|
Inicio da exposición dos censos provisionais |
5 días hábiles desde a aprobación pola Comisión Electoral |
|
Prazo para a reclamación sobre estes |
3 días hábiles desde a exposición dos censos provisionais |
|
Data límite para a resolución das reclamacións sobre os censos pola Comisión Electoral |
3 días hábiles desde a presentación do recurso |
|
Publicación dos censos definitivos |
3 días hábiles desde a resolución dos recursos |
|
Prazo de presentación de candidaturas ante a Comisión Electoral |
10 días hábiles seguintes ao da publicación dos censos definitivos |
|
Proclamación provisional de candidaturas pola Comisión Electoral Primeiro sorteo para a designación dos membros das mesas electorais |
5 días hábiles seguintes ao remate do prazo de presentación das candidaturas |
|
Período de exposición pública das candidaturas |
3 días hábiles desde a proclamación provisional |
|
Fin do prazo de presentación de reclamacións sobre a proclamación provisional das persoas candidatas |
3 días hábiles desde o inicio de exposición pública das candidaturas |
|
Data límite para a resolución das reclamacións e proclamación das candidaturas definitivas pola Comisión Electoral |
2 días hábiles desde a finalización do prazo de presentación dos recursos |
|
Fin do prazo de presentación de recursos sobre a proclamación das persoas candidatas ante a Xunta Electoral |
3 días hábiles desde a súa publicación |
|
Data límite para a resolución dos recursos pola Xunta Electoral e proclamación definitiva das persoas candidatas |
3 días hábiles desde a finalización do prazo de presentación dos recursos |
|
Comezo da campaña electoral |
Ás 00.00 horas do día hábil posterior ao da proclamación definitiva das candidaturas |
|
Fin do prazo para a presentación dos acordos electorais polas candidaturas |
Antes da finalización da campaña electoral |
|
Fin da campaña electoral |
Ás 24 horas do sétimo día de campaña |
|
Solicitude por parte das persoas representantes de cada candidatura ante o Consello Regulador das credenciais de nomeamento de persoas interventoras e apoderadas |
Ata o terceiro día anterior ao da votación |
|
Prazo para que as entidades asociativas vinculadas ao Consello Regulador poidan solicitar á Comisión Electoral que unha mesa electoral periférica se constitúa no seu ámbito territorial |
Desde a data de convocatoria de eleccións ata o remate do prazo de presentación de candidaturas |
|
Notificación da designación dos membros das mesas electorais |
Prazo de notificación (o máis breve) |
|
Data límite dos candidatos a membros das mesas electorais para presentación de alegacións |
4 días hábiles desde a notificación da designación |
|
Resolución da Comisión Electoral sobre as alegacións anteriores |
2 días hábiles desde a recepción da alegación |
|
Constitución das mesas electorais e votacións |
Primeiro sábado inmediatamente posterior ao día de finalización da campaña electoral |
|
Prazo para que a Comisión Electoral remita a copia do expediente electoral á Xunta Electoral |
No seguinte día hábil |
|
Proclamación de persoas vogais electas pola Comisión Electoral |
2º día posterior ao da votación |
|
Comunicación das persoas vogais electas á Xunta Electoral |
1º día hábil seguinte ao da proclamación pola Comisión Electoral |
|
Fin do prazo de presentación de recursos sobre a proclamación de persoas vogais electas |
3 días hábiles desde o acordo de proclamación |
|
Data límite para a resolución dos recursos sobre a proclamación das persoas vogais electas |
3 días hábiles desde a recepción dos recursos |
|
Proclamación definitiva das persoas vogais pola Xunta Electoral |
Pasado o prazo de recurso sen que se recibise ningún ou unha vez contestados os recursos recibidos |
|
Pleno constitutivo, toma de posesión nos seus cargos e proposta de persoas para ocupar a presidencia ou vicepresidencia ou vicepresidencias |
Oitavo día hábil seguinte ao da proclamación definitiva das persoas vogais |
