Tras aprobar o Consello Reitor o programa de actividades formativas da Escola Galega de Administración Pública (EGAP) para o ano 2026, de conformidade co artigo 6.2 da Lei 4/1987, do 27 de maio, de creación da Escola Galega de Administración Pública, modificada pola Lei 10/1989, do 10 de xullo,
RESOLVO:
Convocar, en colaboración coa Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, no marco da iniciativa Universo EGAP Innova, a Xornada de formación práctica dixital (E-martes) sobre sistemas para a contratación pública, de acordo coas bases que se indican a continuación:
Primeira. Obxectivos
O Universo EGAP Innova é un proxecto multidisciplinar e transversal da Escola Galega de Administración Pública que se desenvolve co obxectivo principal de contribuír, a través de novas prácticas formativas que implican a participación do alumnado, á autoxestión da aprendizaxe e da identificación de novas oportunidades, á innovación e ao cambio nas administracións públicas.
Ao abeiro desta iniciativa, os E-martes teñen como finalidade proporcionar formación práctica presencial ao persoal empregado público da Administración autonómica galega e á cidadanía nas transformacións tecnolóxicas, organizativas e lexislativas derivadas da Administración electrónica.
Segunda. Contidos
A xornada de formación práctica dixital (E-martes), que se desenvolverá o día 24 de novembro de 2026, abordará os seguintes contidos:
– A plataforma de contratos públicos de Galicia (CPG).
– Como facer unha presentación electrónica das ofertas a través do Sistema de licitación electrónica da Xunta de Galicia (Silex).
– O xestor de expedientes de contratación (Plation).
– Como darse de alta no Rexistro Xeral de Contratistas (RXC).
– Como presentar unha factura electrónica a través do Sistema electrónico de facturación (SEF) da Xunta de Galicia.
Os dous grupos de persoas destinatarias participarán de xeito conxunto na parte teórica da formación, que na súa parte práctica se adaptará aos requirimentos específicos de cada grupo de persoas destinatarias.
Terceira. Persoas destinatarias
As persoas destinatarias desta actividade son:
– O persoal empregado público, en situación de servizo activo ou asimilada, da Administración autonómica galega, dos seus entes públicos instrumentais e da Administración institucional. Neste grupo de persoas destinatarias priorizarase a inscrición daquelas persoas solicitantes que poidan xustificar debidamente que as súas funcións están directamente relacionadas coa materia impartida.
– A cidadanía: profesionais e persoas interesadas na materia impartida.
Cuarta. Desenvolvemento
Data: o martes 24 de novembro de 2026.
Modalidade de impartición: presencial.
Lugar: Escola Galega de Administración Pública (EGAP), rúa Madrid, 2-4, Santiago de Compostela.
Horario: de mañá e tarde.
Duración: 7 horas lectivas.
Quinta. Número de prazas
Cincuenta (50).
Sexta. Inscrición
1. A inscrición nesta actividade formativa só poderá realizarse por vía telemática accedendo ao enderezo https://egap.xunta.gal/matricula. As solicitudes entenderanse presentadas unha vez se complete correctamente o proceso de matriculación.
2. Antes de formalizar a súa inscrición nesta actividade todas as persoas deberán introducir ou actualizar os datos da súa área de matrícula, de acordo coas persoas destinatarias e cos requisitos de selección establecidos na bases terceira e oitava, respectivamente. En concreto, deberán indicar correctamente o colectivo de persoas destinatarias ao cal pertencen («Administración autonómica», para o persoal empregado público da Administración autonómica galega, dos seus entes públicos instrumentais e da Administración institucional, ou «cidadanía», no caso de non ser persoal empregado público).
3. As persoas que oculten ou falseen datos esenciais para a selección serán automaticamente excluídas da actividade solicitada e pasarán ao final das listaxes de todas as actividades formativas que soliciten e cuxo prazo de matrícula comece dentro do ano seguinte contado desde que se detecte o feito.
4. As persoas interesadas deberán seleccionar, primeiro, a área na que está integrada esta actividade (Administración electrónica, protección de datos e calidade administrativa) e, despois, seleccionar en «nome do curso» a Xornada de formación práctica dixital (E-martes) sobre sistemas para a contratación pública.
5. O prazo para a inscrición nesta actividade estará habilitado desde as 9.00 horas do primeiro día hábil seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia ata as 23.59 horas do día 22 de novembro de 2026.
Poderá obterse calquera outra información, desde as 9.00 horas ata as 14.00 horas, nos teléfonos 981 54 62 41 e 981 54 63 42.
Sétima. Comprobación de datos
1. Conforme o disposto no artigo 28.2 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, para a tramitación do procedemento de selección consultaranse automaticamente os datos das persoas solicitantes desta acción formativa necesarios para realizar o proceso de selección, salvo que a persoa interesada se opuxese a iso.
2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo expresamente incluíndo os motivos de oposición relacionados coa súa situación particular e enviar os documentos que indiquen a súa situación administrativa, tipo de persoal e antigüidade na Administración a través do seguinte enderezo electrónico: novas.egap@xunta.gal
3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilitase a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.
4. A EGAP poderá pedir as certificacións necesarias para realizar a selección de acordo cos criterios recollidos nesta convocatoria.
Oitava. Criterios de selección
Vinte e cinco (25) das prazas reservaranse para o colectivo do persoal empregado público da Administración autonómica galega, dos seus entes públicos instrumentais e da Administración institucional; para a selección das prazas deste grupo terán prioridade as persoas con funcións directamente relacionadas coa materia impartida, sempre que se poidan confirmar cos datos dispoñibles ou coa documentación achegada antes de que finalice o prazo de inscrición ao correo electrónico novas.egap@xunta.gal
Fóra deste criterio específico para o grupo de persoal empregado público, a orde de admisión virá determinada pola data e hora de presentación das solicitudes.
Novena. Publicación das listaxes de persoas seleccionadas, en reserva e excluídas
A EGAP publicará o día 23 de novembro, en horario de mañá, no enderezo https://egap.xunta.gal a relación das persoas seleccionadas para esta actividade; en reserva, no caso de que o número de solicitudes recibidas fose superior ao número de prazas; e, de ser o caso, as persoas excluídas, de acordo co disposto no artigo 45.1.b) da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (BOE núm. 236, do 2 de outubro).
Décima. Cambios ou substitucións na selección, renuncia e asistencia
1. En ningún caso serán admitidos cambios ou substitucións entre as persoas seleccionadas.
2. Renuncia:
a) As persoas seleccionadas poderán renunciar á actividade formativa. A renuncia deberá ser comunicada á EGAP o máis axiña posible e, en todo caso e como máximo, o día 23 de novembro de 2026, antes das 14.00 horas, por correo electrónico dirixido a novas.egap@xunta.gal, sen prexuízo do previsto no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (BOE núm. 236, do 2 de outubro). Na páxina web da Escola está dispoñible un modelo de renuncia.
b) As persoas que incumpran o prazo previsto pasarán ao final das listaxes de espera de todas as actividades formativas que soliciten e cuxo prazo de matrícula comece dentro do ano seguinte contado a partir do día da finalización desta actividade, agás que a renuncia teña algunha das seguintes causas:
– Por causa de forza maior suficientemente acreditada.
– Por necesidades do servizo debidamente motivadas por parte dos/das responsables dos centros directivos.
– Por razóns de conciliación familiar.
– Por outras causas xustificadas documentalmente.
3. A asistencia e a puntualidade:
a) Serán obrigatorias a asistencia ás sesións da actividade formativa e a puntualidade.
b) Durante a actividade formativa realizaranse controis de asistencia e puntualidade.
c) As faltas de asistencia:
1. Non poden superar en ningún caso o 10 % das horas lectivas presenciais. En todo caso, as faltas de asistencia deberán xustificarse documentalmente ante as persoas responsables da actividade formativa nun prazo máximo de 10 días contados a partir do día da finalización desta actividade. As persoas que incumpran o especificado anteriormente perderán o dereito ao certificado de asistencia desta actividade formativa.
2. Aquelas persoas cuxas faltas de asistencia superen o 50 % das horas lectivas pasarán ao final das listaxes de espera de todas as actividades formativas que soliciten e cuxo prazo de matrícula comece dentro do ano seguinte contado a partir do día da finalización desta actividade.
Décimo primeira. Certificado de asistencia oficial
Ao final desta actividade emitirase un certificado electrónico de asistencia, descargable desde a área de matrícula (https://egap.xunta.gal/matricula/), a aquelas persoas inscritas sempre que a súa asistencia fose igual ou superior ao 90 % das horas lectivas programadas. Este documento estará asinado electronicamente pola EGAP e incluirá, de forma expresa, o contido, a carga lectiva, a modalidade de impartición, a data e o lugar de desenvolvemento, así como un código de verificación electrónica (CVE) para contrastar a súa autenticidade.
Décimo segunda. Facultades da EGAP
1. A EGAP reserva para si a facultade de interpretar e de resolver as incidencias que poidan xurdir no desenvolvemento desta actividade, así como a facultade de cancelala se o escaso número de solicitudes non xustificase a súa realización, caso no que se empregarán os medios de notificación ás persoas interesadas previstos na normativa vixente.
2. A EGAP garantirá na acción derivada desta convocatoria a promoción da igualdade real e efectiva entre mulleres e homes, a eliminación de calquera tipo de discriminación e o fomento dos dereitos de conciliación.
Santiago de Compostela, 9 de novembro de 2026
Sonia Rodríguez-Campos González
Directora da Escola Galega de Administración Pública
