DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 219 Luns, 16 de novembro de 2026 Páx. 57165

IV. Oposicións e concursos

Consellería de Facenda e Administración Pública

ACORDO do 9 de novembro de 2026, do tribunal cualificador do proceso selectivo, mediante o sistema de oposición, para o ingreso, pola quenda de acceso libre, no corpo auxiliar da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, subgrupo C2, convocado pola Resolución do 19 de novembro de 2025, polo que se dá publicidade a diversos acordos.

O tribunal nomeado pola Resolución da Consellería de Facenda e Administración Pública, do 30 de xullo de 2026 (DOG número 146, do 5 de agosto), para cualificar o proceso selectivo para o ingreso, mediante o sistema de oposición, pola quenda de acceso libre, no corpo auxiliar da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, subgrupo C2, convocado pola Resolución do 19 de novembro de 2025 (DOG número 228, do 25 de novembro),

ACORDA:

Primeiro. Ao abeiro do previsto na base II.1.2.7 da convocatoria, en sesión que tivo lugar o 7 de outubro de 2026, desestimar todas as alegacións presentadas, logo da súa revisión, contra as preguntas do primeiro exercicio deste proceso selectivo realizado o 20 de setembro de 2026.

Segundo. De conformidade co disposto na base II.1.1.1 da convocatoria e de acordo cos criterios de corrección, valoración e superación do primeiro exercicio publicados o 16 de setembro de 2026 no portal web da Xunta de Galicia, funcionpublica.xunta.gal, realizada a corrección o 3 de novembro de 2026, superaron o primeiro exercicio as catrocentas quince (415) persoas aspirantes que obtiveron unha puntuación mínima de 25 puntos, fixándose en 79,25 o número de respostas correctas necesarias para acadar a dita puntuación, unha vez feitos os descontos correspondentes na base II.1.1.1 da convocatoria. O resto das persoas declaradas aptas terá unha cualificación distribuída entre os 25 e os 50 puntos, proporcional ao número de respostas correctas.

Terceiro. Publicar as puntuacións obtidas polas persoas aspirantes que superaron o primeiro exercicio do proceso selectivo para o ingreso, mediante o sistema de oposición, pola quenda de acceso libre, no corpo auxiliar da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, subgrupo C2, no portal web corporativo funcionpublica.xunta.gal. Publicar a relación de persoas aspirantes que non acadan o número de respostas correctas necesarias para obter a puntuación mínima de 25 puntos.

Cuarto. De acordo co disposto na base II.1.2.8 da resolución da convocatoria, as persoas aspirantes poderán presentar as alegacións que consideren oportunas con relación ás puntuacións no prazo de dez (10) días hábiles, que se contarán desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia. A tramitación destas alegacións deberá presentarse a través da aplicación Fides (https://fides.xunta.gal).

Quinto. De conformidade co disposto na base III.13 da resolución da convocatoria, contra este acordo poderase interpoñer recurso de alzada ante o conselleiro de Facenda e Administración Pública nos termos previstos nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Santiago de Compostela, 9 de novembro de 2026

Mónica María Castro Pérez
Presidenta do tribunal