DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 219 Luns, 16 de novembro de 2026 Páx. 57173

IV. Oposicións e concursos

Consellería de Facenda e Administración Pública

RESOLUCIÓN do 12 de novembro de 2026, do tribunal encargado de cualificar o proceso selectivo de acceso libre para o ingreso no corpo superior da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, subgrupo A1, convocado mediante a Resolución do 19 de novembro de 2025 (Diario Oficial de Galicia número 228, do 25 de novembro), polo que se lles dá publicidade a diversos acordos.

O tribunal nomeado pola Resolución do 10 de xullo de 2026 (DOG núm. 133, do 17 de xullo) para cualificar o proceso selectivo,

ACORDOU:

Primeiro. Na sesión que tivo lugar o 22 de outubro, ao abeiro do previsto na base II.1.2.7 da convocatoria, e logo de revisar as reclamacións presentadas contra o primeiro exercicio deste proceso selectivo realizado o 19 de setembro de 2026, anular a pregunta número 153. O seu lugar pasa a ser ocupado pola pregunta 191. Así mesmo, acórdase modificar o cadro de corrección de respostas das seguintes preguntas:

– 156. Resposta correcta a alternativa c).

– 159. Resposta correcta a alternativa b).

– 167. Resposta correcta a alternativa c).

Desestímanse na súa totalidade as restantes alegacións.

Segundo. De conformidade co disposto na base II.1.1.1 da convocatoria, o primeiro exercicio da fase de oposición cualificarase de 0 a 50 puntos, e para superalo será necesario obter un mínimo de 25 puntos.

Así pois, e de conformidade co disposto na citada base, a través da Resolución deste tribunal do 4 de setembro de 2026, déuselles publicidade aos parámetros para a cualificación do primeiro exercicio, que establecen que lo superarán as persoas aspirantes presentadas que acaden as mellores puntuacións, no conxunto de todas as quendas, ata completar o número máximo de 295 persoas, sempre e cando teñan respondido correctamente o 40 % das preguntas do cuestionario consideradas válidas unha vez feitas as deducións por respostas incorrectas, que descontarán un cuarto dunha pregunta correcta. As preguntas non contestadas non penalizan nin reciben puntuación. Todas as persoas con idéntica puntuación a aquela persoa aprobada que marque o corte considéranse igualmente aprobadas, aínda que se superase o número de aspirantes antes indicado (295). Asignaráselles a valoración de 25 puntos ás persoas aspirantes que obteñan unha nota equivalente á nota de corte fixada. O resto das persoas declaradas aptas terán unha cualificación distribuída entre os 25 e os 50 puntos, proporcional ao número de respostas correctas. As persoas aspirantes que non superen o exercicio serán declaradas non aptas.

Terceiro. Unha vez feita a corrección de exames nas sesións do 9 e do 12 de novembro de 2026 de acordo cos criterios anteriores, acadaron a puntuación mínima de 25 puntos un total de 295 aspirantes do conxunto de todas as quendas, e fixouse en 81 puntos o número de respostas correctas para acadar esta puntuación, unha vez feitas as deducións segundo o establecido na base II.1.1 da convocatoria. Así mesmo, acordouse publicar no portal web corporativo funcionpublica.xunta.gal os resultados obtidos polas persoas aspirantes que se presentaron ao primeiro exercicio.

Cuarto. Conforme ao disposto na base II.1.2.8 da convocatoria, as persoas aspirantes poderán presentar as alegacións que consideren oportunas con relación ás puntuacións no prazo de dez días hábiles, contados desde o seguinte ao de publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

Quinto. De acordo co establecido na base III.13 da orde de convocatoria, contra este acordo poderase interpoñer recurso de alzada perante o conselleiro de Facenda e Administración Pública, nos termos previstos nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Santiago de Compostela, 12 de novembro de 2026

Juan José Nieto Montero
Presidente do tribunal