DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 219 Luns, 16 de novembro de 2026 Páx. 57169

IV. Oposicións e concursos

Consellería de Facenda e Administración Pública

RESOLUCIÓN do 9 de novembro de 2026, do tribunal nomeado para xulgar o proceso selectivo para o ingreso, pola quenda de acceso libre, no corpo de xestión da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, subgrupo A2, pola que se fan públicos diversos acordos.

Nas sesións que tiveron lugar o 14 e o 15 de outubro, e o 4 e 6 de novembro de 2026, o tribunal nomeado pola Resolución do 10 de xullo de 2026 (DOG núm. 133, do 17 de xullo) para cualificar o proceso selectivo para o ingreso, pola quenda de acceso libre, no corpo de xestión da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, subgrupo A2, convocado pola Resolución do 19 de novembro de 2025 (DOG núm. 228, do 25 de novembro) e a Resolución do 21 de xullo de 2026 (DOG núm.137, do 23 de xullo) pola que se modifica a composición do tribunal, acordou o seguinte con relación co primeiro exercicio do proceso selectivo:

Primeiro. Ao abeiro do previsto na base II.1.2.7 da convocatoria, logo de revisar as reclamacións presentadas contra o primeiro exercicio deste proceso selectivo, realizado o 19 de setembro de 2026, acordouse:

Rectificar o cadro de respostas inicialmente publicado no portal web corporativo xunta.gal/funcion-publica. Á vista das alegacións presentadas, anúlanse as preguntas 144 e 148 da segunda parte (suposto práctico), que son substituídas polas preguntas de reserva 170 e 171.

Desestímase o resto das reclamacións presentadas.

Segundo. De conformidade co disposto na base II.1.1.1 da convocatoria e cos criterios de corrección publicados no portal web citado, superaron o primeiro exercicio do proceso selectivo as persoas aspirantes que obtiveron unha puntuación mínima de vinte e cinco puntos (25 puntos).

Superarán este exercicio as persoas aspirantes que teñan as mellores puntuacións ata completar o número máximo de duascentas (200) persoas aspirantes (resultado de multiplicar por 5 o número de prazas convocadas), sempre que acaden, en cada unha das partes, o mínimo do 40 % das respostas correctas, unha vez feitos os descontos correspondentes.

Para isto, é necesario acadar un mínimo de 16 respostas correctas na primeira parte (cuestionario de contido teórico do bloque I) e 48 respostas correctas na segunda parte (cuestionario de contido teórico e práctico do bloque II), unha vez feitas as deducións correspondentes, sen que sexa posible compensar os acertos que excedan nunha parte cos que falten na outra.

Todas as persoas aspirantes con idéntica puntuación a aquela que marca a nota de corte establecida de acordo cos criterios anteriores se consideran igualmente aprobadas.

O exercicio cualificouse de 0 a 50 puntos e, para superalo, foi necesario obter un mínimo de 25 puntos. Asignouse a valoración de 25 puntos no exercicio ás persoas aspirantes que obtiveron unha nota equivalente á nota de corte fixada segundo os criterios anteriores. O resto das persoas declaradas aptas tiveron unha cualificación distribuída entre os 25 e os 50 puntos, proporcional ao número de respostas correctas.

Acadaron a puntuación mínima de 25 puntos un total de duascentas (200) persoas aspirantes, e fixouse en 109,75 o número de respostas correctas necesarias para acadar a dita puntuación, unha vez feitas as deducións previstas na base II.1.1.1 da convocatoria.

Terceiro. Publicar no portal web corporativo da Xunta de Galicia, funcionpublica.xunta.gal as puntuacións obtidas polas persoas aspirantes presentadas con relación ao primeiro exercicio deste proceso selectivo.

Cuarto. De acordo co disposto na base II.1.2.8 da convocatoria, as persoas aspirantes poderán presentar as alegacións que consideren oportunas con relación ás puntuacións no prazo de dez (10) días hábiles contados desde o seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia. A súa presentación realizarase a través da aplicación Fides (https://fides.xunta.gal).

Quinto. De conformidade co disposto na base III.13 da resolución da convocatoria, contra esta resolución poderase interpoñer un recurso de alzada ante o conselleiro de Facenda e Administración Pública, nos termos previstos nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Santiago de Compostela, 9 de novembro de 2026

Luis Miguel Vázquez Carreira
Presidente do tribunal