DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 221 Mércores, 18 de novembro de 2026 Páx. 57444

I. Disposicións xerais

Consellería de Sanidade

DECRETO 139/2026, do 9 de novembro, polo que se modifica o Decreto 145/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica do Servizo Galego de Saúde.

Mediante o Decreto 47/2026, do 1 de xuño, polo que se modifica o Decreto 145/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica do Servizo Galego de Saúde, creouse a Dirección Xeral de Atención Primaria e Comunitaria como órgano de dirección do Servizo Galego de Saúde. En consonancia con esta nova distribución funcional, a Dirección Xeral de Asistencia Sanitaria adecuou a súa denominación e pasou a denominarse Dirección Xeral de Integración e Innovación Asistencial.

A disposición adicional primeira sinala que o Consello da Xunta de Galicia, por proposta da persoa titular da Consellería de Sanidade, aprobará mediante decreto o desenvolvemento da estrutura orgánica dos órganos unipersoais creados ou cuxa denominación varía a consecuencia deste decreto; desenvolvemento que se leva a efecto agora do xeito que deseguido se explica.

En primeiro lugar, a reordenación dos dous órganos de dirección citados fai necesario atribuír á Xerencia do Servizo Galego de Saúde, no artigo 5.2 do decreto, aquelas funcións que teñen un carácter máis transversal, como son, entre outras, as que se refiren á política farmacéutica ou á promoción de medidas orientadas a mellorar a efectividade, calidade, seguridade e eficiencia dos servizos e as prestacións.

E no caso da política farmacéutica a decisión implica que a Subdirección Xeral de Farmacia, que dependía da antiga Dirección Xeral de Asistencia Sanitaria, resulte incardinada na Xerencia. A subdirección contará con tres servizos: o Servizo de Xestión Integral para a Prestación e Seguridade de Produtos Farmacéuticos, o Servizo de Farmacia de Atención Primaria e Comunitaria e o Servizo de Farmacia de Atención Hospitalaria. Estas medidas fanse efectivas coa modificación do artigo 5.5 e o engadido dun novo artigo 7.bis.

En segundo lugar, regúlase a estrutura das direccións que substitúen a antiga Dirección Xeral de Asistencia Sanitaria, que desaparece.

A creación dunha Dirección Xeral de Atención Primaria e Comunitaria específica dota de máxima autonomía e capacidade de xestión un nivel asistencial que require unha reforma integral para adecualo á nova realidade sociodemográfica. O novo artigo 8 configura este órgano como o responsable da coordinación, seguimento continuo e correcta execución da reforma en todo o territorio de xeito homoxéneo, liderando a estratexia de proximidade e centralidade do sistema público de saúde galego.

Contará coa seguinte estrutura para o desenvolvemento das súas funcións (artigos 9 e 10):

a) A Subdirección Xeral de Xestión Asistencial e Ordenación de Profesionais e Recursos de Atención Primaria, que contará con dous servizos: Servizo de Xestión Asistencial de Atención Primaria e Servizo de Ordenación de Profesionais Sanitarios e Recursos Asistenciais de Atención Primaria.

b) A Subdirección Xeral de Atención Comunitaria e Calidade Asistencial de Atención Primaria, que contará cun Servizo de Atención Comunitaria e Calidade e Continuidade Asistencial de Atención Primaria.

A Dirección Xeral de Integración e Innovación Asistencial será o órgano responsable da coordinación asistencial das áreas sanitarias e dos centros e servizos de financiamento público no ámbito da atención hospitalaria (artigo 11). Para o exercicio das súas funcións contará coa Subdirección Xeral de Atención Hospitalaria (artigo 12), a Subdirección Xeral de Integración Asistencial e Innovación (artigo 13), a Subdirección Xeral de Atención á Saúde Mental (artigo 13.bis) e a Unidade de Procesos de Enfermaría (artigo 14), que xa existían, pero que axustan as súas competencias ás concretas da nova dirección xeral, así como cunha nova Unidade de Medicina Personalizada, Resultados en Saúde e Evidencia en Vida Real (artigo 14.bis).

Por outra parte, con esta reforma actualízase tamén a adscrición dos órganos colexiados para axustala á nova estrutura orgánica e á repartición de competencias que resulta dela.

Este decreto está amparado pola competencia exclusiva que os artigos 148.1.1ª da Constitución española e 27.1 do Estatuto de autonomía de Galicia atribúen á Comunidade Autónoma galega para organizar as súas institucións de autogoberno.

O decreto axústase aos principios de boa regulación contidos no artigo 129 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e no artigo 37.a) da Lei 14/2013, do 26 de decembro, de racionalización do sector público de Galicia. En concreto, cumpre cos principios de necesidade e eficacia, é un instrumento necesario e axeitado para servir ao interese xeral e ten como premisas os criterios de racionalización administrativa. Cumpre co principio de proporcionalidade e é o instrumento normativo necesario para o desenvolvemento da estrutura orgánica, coa regulación imprescindible para atender esta necesidade. Finalmente, cumpre cos principios de seguridade xurídica, transparencia e eficiencia, pois é coherente co resto do ordenamento xurídico, identifica o seu propósito e del non derivan novas cargas administrativas, así como cos principios de simplicidade e eficacia.

De conformidade co exposto, por proposta do conselleiro de Sanidade, no exercicio da facultade outorgada polo artigo 34.4 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia, cos preceptivos informes favorables e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día nove de novembro de dous mil vinte e seis,

DISPOÑO:

Artigo único. Modificación do Decreto 145/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica do Servizo Galego de Saúde

O Decreto 145/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica do Servizo Galego de Saúde, queda modificado como segue:

Un. Os números 2, 5 e 7 do artigo 5 quedan redactados como segue:

«2. Correspóndelle a realización das seguintes funcións:

a) A dirección, a avaliación e o control de todas as actividades do organismo autónomo relacionadas coas funcións encomendadas a este polas disposicións legais que o rexen, sen prexuízo das facultades e competencias do Consello de Dirección e da consellería competente en materia de sanidade.

b) Dar conta ao Consello de Dirección do anteproxecto de orzamento do organismo.

c) A execución dos acordos do Consello de Dirección.

d) A xestión do patrimonio do organismo en coordinación coa Dirección Xeral de Recursos Económicos.

e) A xestión do persoal do organismo.

f) A presentación ao Consello de Dirección da memoria anual de actividades do organismo.

g) A coordinación e a planificación das áreas sanitarias, así como das direccións xerais dos servizos centrais do Servizo Galego de Saúde.

h) A actualización e a transformación organizativa e funcións dos centros e áreas sanitarias con miras a mellorar os niveis de efectividade, calidade, seguridade e eficiencia, en coordinación coa planificación sanitaria elaborada pola Consellería de Sanidade.

i) A resolución dos conflitos de atribucións que xurdan entre as direccións xerais dependentes do organismo.

j) O desenvolvemento e a coordinación da política autonómica en relación coa prestación farmacéutica.

k) A coordinación no seguimento dos acordos de xestión, segundo as competencias particulares recoñecidas a outras unidades, e a avaliación do cumprimento dos obxectivos asistenciais recollidos nos mesmos.

l) A aprobación do Plan funcional do Centro de Protonterapia de Galicia, de acordo coa proposta efectuada pola Xerencia da Área Sanitaria de Santiago de Compostela e Barbanza, así como a determinación dos criterios de planificación e directrices de actuación daquel.

m) A promoción das estratexias, iniciativas, procesos e ferramentas orientados á implantación de boas prácticas con miras á mellora continua da efectividade e eficiencia da atención sanitaria.

n) A definición e a posta en marcha do sistema de xestión da calidade para o Servizo Galego de Saúde.

ñ) En xeral, aqueloutras que, dentro do seu ámbito, lle sexan asignadas pola persoa titular da consellería ou pola persoa titular da secretaría xeral técnica da consellería competente en materia de sanidade».

«5. A Xerencia, para o exercicio das súas funcións, contará coa seguinte estrutura:

a) A Vicexerencia.

b) A Subdirección Xeral de Humanización e Atención á Cidadanía.

c) A Subdirección Xeral de Farmacia».

«7. Adscríbense á Xerencia do Servizo Galego de Saúde o Consello Asesor de Pacientes e o Comité de Ética da Investigación con Medicamentos de Galicia, ou órgano que o substitúa».

Dous. Engádese un artigo 7.bis, coa seguinte redacción:

«Artigo 7.bis. A Subdirección Xeral de Farmacia

1. A Subdirección Xeral de Farmacia é o órgano ao cal lle corresponde o exercicio das seguintes funcións:

a) A execución da lexislación sobre produtos farmacéuticos.

b) A elaboración e a coordinación das estratexias de política farmacéutica no ámbito do Servizo Galego de Saúde.

c) O desenvolvemento de programas orientados a garantir unha atención farmacéutica integral e un uso racional dos recursos farmacoterapéuticos nos centros asistenciais e nos centros residenciais de atención sociosanitaria con criterios de eficiencia e equidade.

d) O desenvolvemento e o seguimento da prestación farmacéutica, a análise do consumo de recursos farmacoterapéuticos e o desenvolvemento de estratexias de control do gasto farmacéutico, en coordinación con outros órganos do Servizo Galego de Saúde.

e) O desenvolvemento de estratexias e medidas para a avaliación dos resultados en saúde e da eficiencia da utilización da farmacoterapia na práctica clínica.

f) A autorización dos estudos observacionais con medicamentos de seguimento prospectivo que se leven a cabo na Comunidade Autónoma de Galicia.

g) A coordinación das actuacións relacionadas coa seguridade e farmacovixilancia de medicamentos, dietoterápicos e produtos sanitarios.

h) A participación nas comisións ministeriais relacionadas coa prestación farmacéutica.

i) A colaboración na implantación dos proxectos de transformación dixital que afecten ao seu ámbito material de actuacións.

2. Adscríbense á Subdirección Xeral de Farmacia:

a) A Comisión Autonómica Central de Farmacia e Terapéutica, para a avaliación eo posicionamento da innovación terapéutica con base en criterios de eficiencia.

b) A Comisión Autonómica Central de Seguimento do Concerto coas Oficinas de Farmacia.

c) O Comité Asesor de Hormona do Crecemento.

d) O Centro de Información Farmacoterapéutica.

e) O Centro de Farmacovixilancia de Galicia.

f) Cantos comités e comisións se constitúan referentes a produtos farmacéuticos ou a áreas terapéuticas concretas.

3. Para o desenvolvemento das súas funcións, contará coas seguintes unidades con nivel orgánico de servizo:

3.1. Servizo de Xestión Integral para a Prestación e Seguridade de Produtos Farmacéuticos.

Correspóndelle a realización das seguintes funcións:

a) A xestión, a coordinación e a avaliación da prestación farmacéutica e dos produtos dietéticos no Sistema público de saúde de Galicia.

b) A participación na elaboración e no seguimento do Concerto farmacéutico coas oficinas de farmacia, así como a colaboración na revisión da facturación dos produtos farmacéuticos relacionados.

c) A coordinación e a gobernanza da Unidade de Catalogación de Produtos Farmacéuticos para a Prestación Farmacéutica en Atención Hospitalaria e Atención Primaria e Comunitaria.

d) A promoción e a coordinación dos expedientes públicos de adquisición centralizada de medicamentos, en colaboración co órgano competente en contratación pública.

e) A xestión na fabricación, a distribución e o control de talonarios de receitas médicas oficiais do Servizo Galego de Saúde, así como dos talonarios de vales e receitas de estupefacientes para uso no ámbito público e privado.

f) A coordinación do Centro Autonómico de Farmacovixilancia e a vixilancia de produtos sanitarios, para desenvolver e impulsar programas dirixidos á prevención e á detección de riscos relacionados coa utilización de medicamentos e produtos sanitarios.

g) A xestión da Rede galega de alerta sobre riscos relacionados cos medicamentos e os produtos sanitarios de uso humano. Así mesmo, realizará o seguimento e a comunicación de medidas destinadas a garantir e controlar o abastecemento e a rastrexabilidade de medicamentos e produtos sanitarios.

h) A planificación, a elaboración e a participación en programas de seguridade de produtos farmacéuticos conforme a Estratexia de seguridade do Servizo Galego de Saúde.

i) A colaboración en materia de inspección na verificación do cumprimento das boas prácticas na elaboración de produtos farmacéuticos, na acreditación dos comités de ética de investigación con medicamentos e nas relacións coa Axencia Española do Medicamento e Produtos Sanitarios.

j) En xeral, aqueloutras funcións que, dentro do seu ámbito, lle sexan asignadas.

3.2. Servizo de Farmacia de Atención Primaria e Comunitaria.

Correspóndelle a realización das seguintes funcións:

a) A planificación, o desenvolvemento e a avaliación de programas de innovación dirixidos ao uso racional de medicamentos e produtos sanitarios no ámbito da atención primaria e comunitaria e de programas de atención farmacéutica nas áreas sanitarias, en especial aqueles dirixidos á abordaxe da seguridade e cronicidade, que garantan a continuidade asistencial en colaboración co ámbito hospitalario, sociosanitario (incluíndo os convenios) e os servizos profesionais coas oficinas de farmacia.

b) A colaboración no desenvolvemento de ferramentas tecnolóxicas, así como a súa validación, para posibilitar o seguimento da adecuación, seguridade, adherencia e eficiencia da farmacoterapia a través do sistema de receita electrónica.

c) O liderado e o apoio na gobernanza centralizada da análise e o seguimento da actividade e do gasto farmacéutico destinado á cobertura farmacoterapéutica das persoas usuarias do Servizo Galego de Saúde, en atención primaria e comunitaria.

d) A coordinación da homologación sanitaria dos tratamentos, así como a participación na información e na formación de profesionais en materia de produtos farmacéuticos.

e) A realización e o asesoramento de informes técnicos para as comisións e os comités asesores de seguimento no ámbito da atención primaria e comunitaria.

f) En xeral, aqueloutras funcións que, dentro do seu ámbito, lle sexan asignadas.

3.3. Servizo de Farmacia de Atención Hospitalaria.

Correspóndelle a realización das seguintes funcións:

a) O liderado e o apoio na gobernanza centralizada da análise e o seguimento da actividade e do gasto farmacéutico destinado á cobertura farmacoterapéutica das persoas usuarias dos hospitais das áreas sanitarias do Servizo Galego de Saúde.

b) O asesoramento, a coordinación e a realización de informes técnicos para a Comisión Interministerial de Prezos dos Medicamentos e para comisións autonómicas e outros comités asesores de seguimento e conciliación dos acordos especiais de financiamento dos medicamentos no ámbito hospitalario, así como a participación na información e na formación de profesionais en materia de produtos farmacéuticos.

c) A planificación do investimento, o desenvolvemento de indicadores e programas de innovación para o uso racional de produtos farmacéuticos no ámbito hospitalario e o seu seguimento, así como a coordinación coas áreas sanitarias no ámbito hospitalario.

d) A avaliación dos estudos observacionais con medicamentos de seguimento prospectivo que se leven a cabo na Comunidade Autónoma de Galicia, así como as modificacións substanciais dos protocolos autorizados.

e) En xeral, aqueloutras funcións que, dentro do seu ámbito, lle sexan asignadas».

Tres. Os artigos 8 a 14 quedan redactados como segue:

«Artigo 8. A Dirección Xeral de Atención Primaria e Comunitaria

1. A Dirección Xeral de Atención Primaria e Comunitaria é o órgano responsable da coordinación da atención primaria e comunitaria do Servizo Galego de Saúde.

2. Correspóndenlle as seguintes funcións:

a) A coordinación, o seguimento continuo e a correcta execución da reforma integral da atención primaria en todo o territorio.

b) A definición, a validación e a implantación de programas e obxectivos en materia de atención primaria e comunitaria do Servizo Galego de Saúde.

c) A coordinación, o control e a avaliación da actividade asistencial e o seguimento, control e xestión da accesibilidade na atención primaria e comunitaria do Servizo Galego de Saúde.

d) A ordenación, a planificación e a innovación dos recursos da atención primaria e comunitaria.

e) A elaboración, a implantación e a avaliación de obxectivos en materia de atención primaria e comunitaria que deben cumprir as áreas sanitarias e organismos adscritos ao Servizo Galego de Saúde.

f) O establecemento das directrices de carácter xeral e o seguimento das actividades asistenciais desenvolvidas polas áreas sanitarias, organismos e centros do Sistema público de saúde de Galicia en materia de atención primaria e comunitaria mediante a subscrición dos oportunos acordos de xestión.

g) A análise das necesidades de contratación en centros e servizos, así como a proposta de subscrición dos correspondentes acordos marco de xestión e o seu seguimento e control asistencial no ámbito da súa competencia.

h) A promoción da integración e a coordinación de todos os dispositivos e recursos, fomentando as actuacións multidisciplinares dos diferentes ámbitos ou niveis, para garantir a continuidade asistencial en atención primaria e comunitaria.

i) O impulso da efectividade e da eficiencia nos procesos asistenciais do seu ámbito competencial, e a promoción da seguridade, da calidade e da súa mellora continua.

j) O fomento dun modelo de avaliación periódica da actividade asistencial que permita sistematizar a medición do uso dos recursos sanitarios dedicados á atención primaria e comunitaria.

k) A planificación do dimensionamento dos recursos de todo o persoal sanitario de atención primaria e comunitaria, en coordinación coa Dirección Xeral de Recursos Humanos do Servizo Galego de Saúde.

l) O soporte e o apoio aos e ás profesionais médicos/as da atención primaria e comunitaria, mediante a dirección e a coordinación xeral do persoal médico de apoio á atención primaria.

m) O desenvolvemento, a implantación e o seguimento de proxectos de orientación comunitaria e dos coidados, incluíndo no modelo de atención a todos os axentes implicados.

n) O desenvolvemento, a implantación e o seguimento dos programas de atención domiciliaria no ámbito da atención primaria.

ñ) En xeral, aqueloutras funcións que, dentro do seu ámbito, lle sexan asignadas.

3. Para o cumprimento das súas funcións, contará coa seguinte estrutura:

a) A Subdirección Xeral de Xestión Asistencial e Ordenación de Profesionais e Recursos de Atención Primaria.

b) A Subdirección Xeral de Atención Comunitaria e Calidade Asistencial de Atención Primaria.

4. Queda adscrito á Dirección Xeral de Atención Primaria e Comunitaria o Consello Técnico de Atención Primaria.

Artigo 9. A Subdirección Xeral de Xestión Asistencial e Ordenación de Profesionais e Recursos de Atención Primaria

1. A Subdirección Xeral de Xestión Asistencial e Ordenación de Profesionais e Recursos de Atención Primaria é o órgano ao cal lle corresponde o exercicio das seguintes funcións:

a) O impulso da atención primaria como recurso vertebrador para resolver os problemas de saúde que permita avanzar cara a un modelo asistencial de proximidade baseado na proactividade do sistema e que garanta a atención integral á cidadanía.

b) A coordinación da definición e da elaboración dos obxectivos asistenciais dos acordos de xestión da atención primaria e a realización do seu seguimento e avaliación periódica.

c) A garantía dunha maior accesibilidade e proximidade das prestacións sanitarias de atención primaria á poboación.

d) A xestión da ordenación e dimensionamento dos recursos, estruturas, tecnoloxías e profesionais de atención primaria desde o punto de vista asistencial.

e) A validación dos plans directores e funcionais dos centros sanitarios de atención primaria e o seguimento da implantación de novos recursos, técnicas, procedementos e outros medios sanitarios.

f) O desenvolvemento da función de asesoramento técnico na adquisición do equipamento e tecnoloxía asistencial de atención primaria, de acordo cos criterios xerais establecidos pola autoridade sanitaria, así como a decisión da súa adquisición.

g) A elaboración das carteiras de servizos das categorías profesionais de atención primaria e o impulso da súa implantación.

h) En xeral, aqueloutras funcións que, dentro do seu ámbito, lle sexan asignadas.

2. Para o desenvolvemento das súas funcións contará, con nivel orgánico de servizo, coas seguintes unidades:

2.1. Servizo de Xestión Asistencial de Atención Primaria.

Correspóndelle a realización das seguintes funcións:

a) O fomento da implantación das liñas estratéxicas establecidas no marco de planificación que vertebra o sistema de saúde arredor da atención primaria.

b) O control e o seguimento da accesibilidade nos centros de atención primaria, velando polo cumprimento efectivo dos dereitos, deberes e garantías sanitarios, especialmente no que respecta aos tempos de resposta.

c) O control e o seguimento dos obxectivos asistenciais dos acordos de xestión da atención primaria e dos indicadores de actividade asistencial en atención primaria.

d) A análise da información e da actividade asistencial na atención primaria do Servizo Galego de Saúde, a colaboración na definición de indicadores con base nos obxectivos establecidos pola organización e a proposta de accións de mellora.

e) En xeral, aqueloutras que, dentro do seu ámbito, lle sexan asignadas.

2.2. Servizo de Ordenación de Profesionais Sanitarios e Recursos Asistenciais de Atención Primaria.

A este servizo correspóndelle, no concreto ámbito competencial da dirección xeral, a realización das seguintes funcións:

a) A coordinación das referencias asistenciais entre os distintos centros e áreas sanitarias.

b) A planificación das propostas de modificacións estruturais nos centros sanitarios, así como a validación dos plans de equipamento dos centros desde o punto de vista da atención primaria e comunitaria.

c) O establecemento, o seguimento e o mantemento do catálogo de procedementos do seu ámbito competencial.

d) O dimensionamento, a adecuación e o seguimento dos recursos do persoal sanitario en atención primaria en relación co ordenamento das áreas sanitarias, e o impulso das competencias avanzadas do persoal sanitario.

e) A análise e a realización dos informes preceptivos que procedan en relación coas solicitudes de necesidades de persoal da atención primaria dentro dunha mesma área sanitaria ou de colaboración con outras.

f) A asignación poboacional en función do ordenamento dos recursos de profesionais sanitarios e da súa capacidade asistencial, e a elaboración de informes relativos aos recursos de profesionais asistenciais e de poboación asignada.

g) A xestión, a ordenación e o dimensionamento dos recursos, estruturas, tecnoloxías e profesionais de atención primaria desde o punto de vista asistencial.

h) A xestión e a coordinación da Base de datos clínicos de atención primaria (BDCAP).

i) En xeral, aqueloutras funcións que, dentro do seu ámbito, lle sexan asignadas.

Artigo 10. A Subdirección Xeral de Atención Comunitaria e Calidade Asistencial de Atención Primaria

1. A Subdirección Xeral de Atención Comunitaria e Calidade Asistencial en Atención Primaria é o órgano ao cal lle corresponde o exercicio das seguintes funcións:

a) O impulso da implantación de programas de intervención comunitaria e de coidados en colaboración con outros axentes implicados.

b) A implantación e o seguimento dos programas, procedementos, instrumentos, iniciativas, actividades e procesos asistenciais destinados a mellorar a efectividade e a eficiencia no ámbito da atención primaria e comunitaria.

c) O impulso ás actuacións dirixidas a fomentar os coidados e a atención domiciliaria e a incrementar a accesibilidade e a proximidade das prestacións sanitarias á poboación no ámbito da atención familiar e comunitaria.

d) O impulso e o fomento dos programas asistenciais de continuidade de coidados e de atención á cronicidade no marco das estratexias establecidas polo Servizo Galego de Saúde no ámbito da atención primaria.

e) O impulso, a coordinación e a avaliación das estratexias e os programas asistenciais dirixidos á saúde familiar, con especial atención á infancia, á adolescencia e á saúde integral da muller.

f) A promoción e o desenvolvemento de proxectos de saúde comunitaria que fomenten a participación cidadá, e a colaboración cos activos de saúde locais.

g) A coordinación da implantación de programas de promoción da saúde e prevención da enfermidade específicos para as distintas etapas do ciclo vital familiar.

h) A definición e a actualización dos criterios asistenciais e a carteira de servizos de atención primaria relacionados co enfoque familiar e a intervención comunitaria.

i) En xeral, aqueloutras funcións que, dentro do seu ámbito, lle sexan asignadas.

2. Para o desenvolvemento das súas funcións contará, con nivel orgánico de servizo, co Servizo de Atención Comunitaria e Calidade e Continuidade Asistencial de Atención Primaria. A este servizo correspóndelle a realización das seguintes funcións:

a) A definición, a implantación e a xestión dos programas, procesos e actuacións de continuidade asistencial no ámbito da atención primaria cunha visión integral centrada nas persoas.

b) A colaboración no desenvolvemento, seguimento e avaliación dos procesos asistenciais do/da paciente en situación de cronicidade e/ou fraxilidade multidimensional.

c) O impulso da implantación de programas de intervención comunitaria en colaboración con outros axentes implicados e das actuacións dirixidas a fomentar a atención domiciliaria e a incrementar a accesibilidade e proximidade das prestacións sanitarias á poboación no ámbito da atención primaria.

d) A colaboración na implantación e seguimento dos programas, plans e normas de calidade e seguridade no ámbito da atención primaria.

e) A incorporación da análise sistemática dos problemas de saúde máis relevantes da poboación galega, o control da súa evolución e prevalencia e o fomento do desenvolvemento da innovación e investigación en resultados de saúde na atención primaria.

f) A análise e o seguimento dos resultados en saúde dos procesos asistenciais na atención primaria e a validación e análise dos rexistros oficiais de monitorización de plans, códigos ou programas asistenciais.

g) A promoción das estratexias, iniciativas, procesos e ferramentas orientados á implantación de boas prácticas para a mellora continua da efectividade e eficiencia da atención primaria, en coordinación coa Xerencia do Servizo Galego de Saúde.

h) En xeral, aqueloutras que, dentro do seu ámbito, lle sexan asignadas.

Artigo 11. A Dirección Xeral de Integración e Innovación Asistencial

1. A Dirección Xeral de Integración e Innovación Asistencial é o órgano responsable da coordinación, da integración e da innovación asistencial das áreas sanitarias e dos centros e servizos de financiamento público no ámbito da atención hospitalaria.

2. Correspóndenlle as seguintes funcións:

a) A definición, a validación e a implantación de programas e procesos asistenciais das entidades, organismos, estruturas e centros sanitarios dependentes do Servizo Galego de Saúde no ámbito da atención hospitalaria e da atención integrada.

b) A coordinación, o control e a avaliación da actividade asistencial e o seguimento, control e xestión da accesibilidade, así como do cumprimento efectivo dos dereitos, deberes e garantías sanitarios, en especial no que respecta aos tempos de resposta, na atención hospitalaria do Servizo Galego de Saúde.

c) A ordenación, a planificación e a innovación dos recursos asistenciais da atención hospitalaria.

d) A elaboración, a implantación e a avaliación de obxectivos de carácter asistencial en materia de atención hospitalaria que deben cumprir as áreas sanitarias e os organismos adscritos ao Servizo Galego de Saúde.

e) O establecemento das directrices de carácter xeral e o seguimento das actividades asistenciais hospitalarias desenvolvidas polas áreas sanitarias, organismos e centros do Sistema público de saúde de Galicia mediante a subscrición dos oportunos acordos de xestión.

f) A análise das necesidades de contratación en centros e servizos hospitalarios, así como a proposta de subscrición dos correspondentes acordos marco de xestión e o seu seguimento e control asistencial no ámbito da súa competencia.

g) A promoción da integración e a coordinación de todos os dispositivos e recursos do seu ámbito competencial, fomentando as actuacións multidisciplinares dos diferentes ámbitos ou niveis, para garantir a continuidade asistencial e o mantemento do modelo de integración asistencial das áreas sanitarias.

h) O impulso da efectividade e da eficiencia nos procesos asistenciais da súa competencia, e a promoción da seguridade, da calidade e da súa mellora continua, implantando un modelo de avaliación de resultados en saúde.

i) O fomento dun modelo de avaliación periódica da actividade asistencial que permita sistematizar a medición do uso dos recursos sanitarios adicados á atención hospitalaria.

j) A planificación do dimensionamento dos recursos de todo o persoal profesional sanitario de atención hospitalaria, en coordinación coa Dirección Xeral de Recursos Humanos do Servizo Galego de Saúde.

k) A elaboración dos plans, programas, directrices e criterios de actuación do seu ámbito competencial a que deben someterse os centros, os servizos e os establecementos sanitarios do Servizo Galego de Saúde, así como o exercicio da supervisión e control respecto a estes.

l) A elaboración, o desenvolvemento e a avaliación dos programas sanitarios do seu ámbito competencial do Servizo Galego de Saúde.

m) O establecemento e a xestión da carteira de servizos que presta cada un dos centros, servizos e establecementos sanitarios asistenciais propios ou adscritos do seu ámbito competencial, consonte o previsto no artigo 60 da Lei 8/2008, do 10 de xullo, de saúde de Galicia.

n) O desenvolvemento de programas de calidade e mellora da práctica clínica e de mellora da xestión.

ñ) O deseño e o impulso dun modelo de atención baseado na estratificación poboacional e na medicina personalizada e de precisión, promovendo a avaliación dos resultados en saúde e a eficiencia do modelo asistencial.

o) O impulso e a coordinación de estratexias e proxectos asistenciais de transformación do modelo de atención do cancro e de aliñación do Servizo Galego de Saúde coas estratexias e estándares internacionais de alta complexidade clínica e organizativa.

p) En xeral, aqueloutras funcións que, dentro do seu ámbito, lle sexan asignadas.

3. Para o cumprimento das súas funcións contará coa seguinte estrutura:

a) A Subdirección Xeral de Atención Hospitalaria.

b) A Subdirección Xeral de Integración Asistencial e Innovación.

c) A Subdirección Xeral de Atención á Saúde Mental.

d) A Unidade de Procesos de Enfermaría.

e) A Unidade de Medicina Personalizada, Resultados en Saúde e Evidencia en Vida Real.

4. Queda adscrita á consellería competente en materia de sanidade, a través da Dirección Xeral de Integración e Innovación Asistencial, a Fundación Pública Galega de Medicina Xenómica.

5. Así mesmo, están adscritos á Dirección Xeral de Integración e Innovación Asistencial do Servizo Galego de Saúde os seguintes órganos colexiados:

a) O Comité Clínico de Cirurxía Robótica.

b) A Comisión Galega de Estratexia contra a Dor.

c) A Comisión Galega das Enfermidades Raras.

d) A Comisión de Garantía e Avaliación da Eutanasia da Comunidade Autónoma de Galicia.

e) O Consello Interdepartamental de Coordinación para a Prevención e Atención das Condutas Suicidas.

f) A Comisión Galega de Seguridade Clínica e Calidade Asistencial dos Servizos de Urxencias Hospitalarias.

g) A Comisión Galega de Vixilancia, Prevención e Control da Infección Relacionada coa Asistencia Sanitaria.

h) A Comisión Galega de Coidados Paliativos.

i) A Comisión Galega de Control e Seguimento do Regaliam.

j) A Comisión Central de Documentación Clínica para a Historia Clínica Electrónica (IANUS).

k) Os comités clínicos regulados na Orde do 21 de outubro de 2019 pola que, ao abeiro do establecido no artigo 16.3 da Lei orgánica 2/2010, do 3 de marzo, de saúde sexual e reprodutiva e da interrupción voluntaria do embarazo, se procede ao establecemento de dous comités clínicos na Comunidade Autónoma de Galicia e se regula a súa composición, constitución, réxime de funcionamento e coordinación.

l) O Comité Clínico de Reprodución Humana Asistida.

m) O Comité Molecular de Tumores.

n) A Comisión Central para a Regulación e Seguimento da Prestación Ortoprotésica da Comunidade Autónoma de Galicia.

ñ) A Comisión de Control e Seguimento do Rexistro de Ictus.

Artigo 12. A Subdirección Xeral de Atención Hospitalaria

1. A Subdirección Xeral de Atención Hospitalaria é o órgano ao cal lle corresponde o exercicio das seguintes funcións:

a) A análise e a avaliación da información sanitaria procedente dos indicadores de actividade dos centros sanitarios hospitalarios dependentes do Servizo Galego de Saúde, así como a definición, a elaboración e a avaliación dos obxectivos asistenciais dos acordos de xestión respecto ao cumprimento dos tempos de resposta e á eficiencia asistencial da competencia da subdirección xeral.

b) O control e o seguimento dos tempos de acceso cirúrxicos, probas diagnósticas e consultas dos centros hospitalarios do Servizo Galego de Saúde e a supervisión do cumprimento efectivo dos dereitos, deberes e garantías sanitarios, especialmente no que respecta aos tempos de resposta.

c) A elaboración, a coordinación e o seguimento de plans, estratexias, códigos e/ou programas asistenciais na atención hospitalaria.

d) A promoción das estratexias, iniciativas, procesos e ferramentas orientados á implantación de boas prácticas con miras á mellora continua da efectividade e eficiencia da atención hospitalaria, en coordinación coa Xerencia do Servizo Galego de Saúde.

e) A elaboración, a avaliación, o seguimento e a actualización das estratexias e indicadores orientados a garantir os dereitos da cidadanía no seu ámbito de actuación.

f) A coordinación da implementación e seguimento de actuacións de mellora no ámbito da imaxe médica, asegurando a integración de procesos e a optimización dos recursos asistenciais.

g) En xeral, aqueloutras funcións que, dentro do seu ámbito, lle sexan asignadas.

2. Para o desenvolvemento das súas funcións contará, con nivel orgánico de servizo, coas seguintes unidades:

2.1. Servizo de Atención Hospitalaria.

Correspóndelle a realización das seguintes funcións:

a) A definición, a elaboración, a implantación, a coordinación e o seguimento de plans, estratexias, códigos e/ou programas asistenciais no ámbito hospitalario.

b) O seguimento e a avaliación dos plans extraordinarios para garantir os tempos de espera no acceso a determinadas prestacións sanitarias.

c) O control e o seguimento dos obxectivos asistenciais dos acordos de xestión da atención hospitalaria e dos indicadores de actividade asistencial en atención hospitalaria en relación co seu ámbito asistencial.

d) A xestión da autorización das propostas de creación das unidades funcionais multidisciplinares de atención asistencial das áreas sanitarias do Servizo Galego de Saúde.

e) A coordinación das seguintes comisións: Comisión Galega de Coidados Paliativos, Comisión Galega das Enfermidades Raras, Comisión de Control e Seguimento do Rexistro de Ictus e Comisión Galega de Seguridade Clínica e Calidade Asistencial dos Servizos de Urxencias Hospitalarias.

f) A xestión da prestación de axuda para morrer e a coordinación da Comisión de Garantía e Avaliación da Eutanasia da Comunidade Autónoma de Galicia.

g) En xeral, aqueloutras funcións que, dentro do seu ámbito, lle sexan asignadas.

2.2. Servizo de Procesos de Soporte Asistencial.

Correspóndelle a realización das seguintes funcións:

a) A coordinación, o control e o seguimento da demanda de servizos asistenciais no ámbito dos servizos hospitalarios de soporte asistencial das áreas sanitarias do Servizo Galego de Saúde.

b) A execución das estratexias, directrices e proxectos autonómicos establecidos para o ámbito da atención hospitalaria que impliquen os servizos hospitalarios de soporte das áreas sanitarias do Servizo Galego de Saúde.

c) A coordinación, a supervisión e a avaliación dos recursos asistenciais dos servizos hospitalarios de soporte asistencial do Servizo Galego de Saúde.

d) A coordinación da implementación e seguimento de actuacións de mellora no ámbito da imaxe médica, asegurando a integración de procesos e a optimización dos recursos asistenciais.

e) O desenvolvemento, a coordinación e a avaliación dos programas de optimización do uso de antibióticos no Servizo Galego de Saúde, cos órganos de dirección implicados da Consellería de Sanidade.

f) O control e o seguimento dos obxectivos asistenciais dos acordos de xestión da atención hospitalaria e dos indicadores de actividade asistencial en atención hospitalaria en relación cos procesos de soporte.

g) A coordinación da Comisión Galega de Estratexia contra a Dor e da Comisión Galega de Vixilancia, Prevención e Control da Infección Relacionada coa Asistencia Hospitalaria.

h) En xeral, aqueloutras funcións que, dentro do seu ámbito, lle sexan asignadas.

2.3. Servizo de Normalización, Integración e Avaliación da Información Hospitalaria.

Correspóndelle a realización das seguintes funcións:

a) A garantía da dispoñibilidade dunha información integrada, comparable e de calidade dos procesos asistenciais no ámbito da atención hospitalaria.

b) A avaliación, a análise e o seguimento da actividade asistencial e das demoras de acceso á asistencia hospitalaria.

c) A xestión do Rexistro de Pacientes en Espera de Galicia e a vixilancia dos tempos máximos de acceso regulados na Lei 12/2013, do 9 de decembro, de garantías de prestacións sanitarias, e na súa normativa de desenvolvemento.

d) A análise da información e da actividade asistencial na atención hospitalaria do Servizo Galego de Saúde, a colaboración na definición de indicadores con base nos obxectivos establecidos pola organización e a proposta de accións de mellora.

e) O seguimento e a avaliación dos plans extraordinarios para garantir os tempos de espera no acceso a determinadas prestacións sanitarias no seu ámbito competencial.

f) A definición e o desenvolvemento dun informe periódico da actividade asistencial da atención hospitalaria, así como o control e o seguimento dos obxectivos asistenciais dos acordos de xestión da atención hospitalaria e dos indicadores de actividade asistencial en atención hospitalaria.

g) A definición e o desenvolvemento dun informe periódico da actividade asistencial da atención hospitalaria.

h) A coordinación da Comisión Galega de Control e Seguimento do Regaliam.

i) A análise e o seguimento dos resultados en saúde dos procesos asistenciais da atención hospitalaria, e a validación e análise dos rexistros oficiais de monitorización de plans, códigos ou programas asistenciais.

j) En xeral, aqueloutras funcións que, dentro do seu ámbito, lle sexan asignadas.

Artigo 13. A Subdirección Xeral de Integración Asistencial e Innovación

1. A Subdirección Xeral de Integración Asistencial e Innovación é o órgano ao cal lle corresponde o exercicio das seguintes funcións no ámbito competencial da dirección xeral:

a) A xestión, a ordenación e o dimensionamento dos recursos, estruturas, tecnoloxías e profesionais de asistencia hospitalaria dende o punto de vista asistencial.

b) O desenvolvemento das referencias asistenciais en canto a centro, especialidade e procedemento no ámbito da atención hospitalaria.

c) A validación dos plans directores e funcionais dos centros hospitalarios e o seguimento da implantación nos ditos centros de novos recursos, técnicas, procedementos e outros medios sanitarios.

d) O desenvolvemento e posta en marcha dun modelo de integración sanitaria entre niveis, dispositivos e ámbitos asistenciais que permita mellorar a resolutividade obtendo mellores resultados de saúde na cidadanía, en coordinación coa Dirección Xeral de Atención Primaria e Comunitaria e cos restantes órganos competentes na xestión da traxectoria asistencial do/da paciente.

e) A xestión das estratexias de innovación destinadas a mellorar a prestación asistencial hospitalaria, impulsando a súa avaliación, o seu escalamento e, se for o caso, a súa incorporación á práctica asistencial.

f) O impulso das iniciativas xurdidas no contexto dos proxectos de innovación hospitalaria, e a súa orientación co fin de dar resposta ás necesidades asistenciais.

g) A participación no desenvolvemento dos plans de adquisición do equipamento e tecnoloxía asistencial, mediante a achega de criterios de planificación asistencial para a valoración e a validación das necesidades clínicas e do impacto asistencial esperado, de acordo cos criterios establecidos pola autoridade sanitaria.

h) O impulso e a contribución á participación do Servizo Galego de Saúde en iniciativas e proxectos de cooperación e colaboración supraterritorial, europeos ou internacionais relacionados coa innovación sanitaria e a mellora da asistencia, en coordinación coa Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde e outros órganos competentes, e desde unha perspectiva funcional asistencial.

i) En xeral, aqueloutras funcións que, dentro do seu ámbito, lle sexan asignadas.

2. Para o desenvolvemento das súas funcións contará, con nivel orgánico de servizo, coas seguintes unidades:

2.1. Servizo de Ordenación de Profesionais Sanitarios e Recursos Asistenciais.

Ao Servizo de Ordenación de Profesionais Sanitarios e Recursos Asistenciais correspóndelle, no concreto ámbito competencial da dirección xeral, a realización das seguintes funcións:

a) A coordinación das referencias asistenciais entre os distintos centros hospitalarios e áreas sanitarias.

b) A planificación das propostas de modificacións estruturais nos centros sanitarios, así como a validación dos plans de equipamento dos centros desde o punto de vista da asistencia hospitalaria.

c) O establecemento de criterios e procedementos de autorización para derivar pacientes a outros centros hospitalarios alleos ao Servizo Galego de Saúde.

d) O establecemento, o seguimento e o mantemento do catálogo de procedementos.

e) A análise e o seguimento dos recursos de profesionais sanitarios integrados nos centros hospitalarios en relación co ordenamento das áreas sanitarias, e o impulso das competencias avanzadas do persoal sanitario.

f) A análise e a realización dos informes preceptivos que procedan en relación coas solicitudes de necesidades de persoal no eido hospitalario dentro dunha mesma área sanitaria ou de colaboración con outras.

g) En xeral, aqueloutras funcións que, dentro do seu ámbito, lle sexan asignadas.

2.2. Servizo de Integración Asistencial e Innovación.

Ao Servizo de Integración Asistencial e Innovación correspóndelle a realización das seguintes funcións:

a) O impulso, o seguimento e a avaliación do modelo de integración asistencial entre distintos niveis, dispositivos e ámbitos asistenciais dentro do Servizo Galego de Saúde para a mellora da continuidade asistencial, equidade e resultados en saúde, de acordo cos criterios establecidos pola autoridade sanitaria.

b) O impulso, o desenvolvemento e a implantación de procesos e traxectorias asistenciais integradas, desenvolvendo novas fórmulas organizativas, ferramentas de apoio e caracterización clínica, dirixidas á atención e mellora dos resultados en saúde das persoas.

c) A colaboración no deseño, implementación e avaliación de solucións e proxectos de saúde dixital dende a perspectiva asistencial, impulsando o redeseño de procesos presenciais e a implantación de modelos asistenciais non presenciais e híbridos.

d) A colaboración na implementación de solucións tecnolóxicas que dan soporte á atención non presencial (a telemedicina ou a telemonitorización, entre outras) e ao modelo multicanle de intercomunicación dos distintos ámbitos asistenciais.

e) O impulso das iniciativas xurdidas no contexto dos proxectos de innovación sanitaria, e a súa orientación co fin de dar resposta ás necesidades asistenciais, en coordinación coa Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde e demais órganos competentes.

f) En xeral, aqueloutras que, dentro do seu ámbito, lle sexan asignadas.

2.3. Servizo de Prestacións e Contratación Asistencial.

Ao Servizo de Prestacións e Contratación Asistencial correspóndelle a realización das seguintes funcións:

a) A elaboración e a información das propostas de acordos marco de xestión de asistencia hospitalaria, contratos de servizos asistenciais, así como as cláusulas anuais, realizando o seu seguimento e coordinando as propostas cos centros e áreas sanitarias.

b) A proposta de regulación e criterios nas relacións asistenciais con centros e entidades privados do Servizo Galego de Saúde.

c) A participación nos órganos, grupos e estruturas que se constitúan para a elaboración, o seguimento e a avaliación dos contratos programa coas entidades públicas adscritas á Consellería de Sanidade e/ou ao Servizo Galego de Saúde, no ámbito das competencias asistenciais que correspondan.

d) A promoción do modelo de integración asistencial e de innovación estendido á prestación asistencial realizada por centros externos, así como a promoción do modelo de contratación baseada en valor no ámbito dos servizos asistenciais para estender a xestión por resultados en saúde ás prestacións concertadas co sector privado.

e) A coordinación e o seguimento da prestación ortoprotésica e a coordinación da Comisión Central para a Regulación e Seguimento da Prestación Ortoprotésica da Comunidade Autónoma de Galicia.

f) A resolución dos reintegros de gastos da asistencia sanitaria con medios alleos no que corresponda ás áreas sanitarias.

g) En xeral, aqueloutras que, dentro do seu ámbito, lle sexan asignadas.

Artigo 13.bis. Subdirección Xeral de Atención á Saúde Mental

1. A Subdirección Xeral de Atención á Saúde Mental é o órgano ao cal lle corresponde a realización das seguintes funcións:

a) A proposta de establecemento de novas fórmulas organizativas e programas asistenciais que alcancen unha atención integral e integrada dos recursos de saúde mental no Servizo Galego de Saúde.

b) O seguimento e a supervisión das actividades das comisións multidisciplinares de prevención do suicidio das áreas sanitarias do Servizo Galego de Saúde.

c) O desenvolvemento, o control e o seguimento das actuacións sanitarias en relación coa saúde mental nos centros sanitarios, así como na rede de centros de atención ás condutas adictivas.

d) A xestión e a coordinación cos dispositivos complementarios de atención á saúde mental (unidades residenciais, pisos protexidos ou centros de rehabilitación psicosocial e laboral, entre outros) e outras actuacións no ámbito sociosanitario.

e) A coordinación da definición e a elaboración dos obxectivos asistenciais dos acordos de xestión da atención á saúde mental e condutas adictivas, en coordinación cos órganos de dirección da Consellería de Sanidade, así como a realización do seu seguimento e avaliación periódica.

f) En xeral, aqueloutras funcións que, dentro do seu ámbito, lle sexan asignadas.

2. Para o desenvolvemento das súas funcións contará coas seguintes unidades con nivel orgánico de servizo:

2.1. Servizo de Atención á Saúde Mental e Condutas Adictivas.

A este servizo correspóndelle a realización das seguintes funcións:

a) A definición, a implantación e a avaliación das rutas asistenciais, procedementos e actividades en relación coa saúde mental da infancia, adolescencia e adultos.

b) A avaliación, a análise e o seguimento da actividade asistencial nas unidades de saúde mental e dos tempos de acceso á asistencia dos procesos de saúde mental no Servizo Galego de Saúde.

c) O seguimento dos obxectivos e indicadores, no ámbito da saúde mental, necesarios para acadar unha integración asistencial e a efectiva continuidade de coidados, así como a avaliación destes.

d) O establecemento dos mecanismos de seguimento, avaliación e mellora da execución do Plan estratéxico de saúde mental e das actuacións da planificación sociosanitaria de saúde mental, en colaboración cos órganos participantes nos mesmos, ademais da coordinación da rede de servizos e recursos sociosanitarios vencellados ao coidado e á rehabilitación no trastorno mental grave.

e) A coordinación e a xestión da rede de centros asistenciais de atención ás condutas adictivas, así como a elaboración e o desenvolvemento, en coordinación co Servizo de Prevención de Condutas Adictivas da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade, dos instrumentos de planificación en materia de prevención e atención ás adiccións.

f) En xeral, aqueloutras funcións que, dentro do seu ámbito, lle sexan asignadas.

2.2. Servizo de Xestión e Coordinación Sociosanitaria en Materia de Saúde Mental:

A este servizo correspóndenlle as seguintes funcións:

a) A coordinación da tramitación administrativa dos asuntos competencia da subdirección xeral no ámbito da atención sanitaria e sociosanitaria de saúde mental e adiccións.

b) A coordinación cos recursos sociosanitarios de saúde mental e condutas adictivas para a asignación das prazas, o seguimento dos contratos e a resolución de incidencias.

c) A elaboración da proposta de orzamento e o seguimento da execución dos créditos asignados á subdirección xeral.

d) A tramitación e o seguimento dos expedientes de contratación, convenios, subvencións e demais instrumentos de xestión promovidos pola subdirección xeral.

e) A coordinación da xestión e da xustificación dos programas e proxectos financiados con fondos públicos.

f) A elaboración de informes, memorias e outra documentación técnica e administrativa.

g) O apoio técnico e administrativo á persoa titular da subdirección xeral no exercicio das súas funcións.

h) A coordinación das relacións administrativas cos distintos órganos do Servizo Galego de Saúde, da consellería competente en materia de sanidade e doutras administracións públicas.

i) Calquera outra función que lle sexa encomendada no ámbito das súas competencias.

Artigo 14. Unidade de Procesos de Enfermaría

Baixo a dependencia orgánica e funcional da Dirección Xeral de Integración e Innovación Asistencial, correspóndenlle a esta unidade, con nivel orgánico de servizo, as seguintes funcións:

a) A definición, a normalización, a implantación e a avaliación dos procesos relacionados cos coidados, así como a coordinación transversal das actuacións vinculadas a este ámbito, favorecendo a súa coherencia e homoxeneidade mediante a participación nas fases iniciais das iniciativas e proxectos relacionados.

b) O impulso de modelos de atención orientados á continuidade entre niveis asistenciais e á atención integral das persoas con enfermidades crónicas, fraxilidade e complexidade de acordo cos criterios da Consellería de Sanidade en materia de planificación e coordinación da atención sociosanitaria, así como a implantación de modelos de práctica avanzada e de redes profesionais vinculadas á xestión de procesos e o desenvolvemento de estratexias de educación para a saúde, autocoidado e participación da cidadanía.

c) A participación no deseño de ferramentas tecnolóxicas e sistemas de información clínica relacionados cos coidados, incorporando a perspectiva enfermeira e promovendo a súa interoperabilidade e continuidade entre niveis asistenciais, en coordinación cos órganos da Consellería de Sanidade competentes no deseño, implantación e organización da información clínica.

d) A coordinación da normalización, do rexistro e da interoperabilidade dos plans de coidados entre niveis asistenciais, favorecendo a continuidade da atención e a avaliación dos resultados en saúde en coordinación cos órganos da Consellería de Sanidade responsables funcionalmente do desenvolvemento da historia clínica, así como de toda a información clínica que integra.

e) En xeral, calquera outra función que, dentro do seu ámbito, lle sexa atribuída.

Artigo 14.bis. Unidade de Medicina Personalizada, Resultados en Saúde e Evidencia en Vida Real

Baixo a dependencia orgánica e funcional da Dirección Xeral de Integración e Innovación Asistencial, correspóndenlle a esta unidade, con nivel orgánico de servizo, as seguintes funcións:

a) O desenvolvemento do modelo de gobernanza clínica da información para a xeración de evidencia en vida real, así como o impulso do despregamento de estratexias de medicina personalizada e de precisión e resultados en saúde no Servizo Galego de Saúde, promovendo a súa integración nos modelos e procesos asistenciais definidos pola organización.

b) O desenvolvemento do catálogo de indicadores de resultados en saúde e do marco metodolóxico de captura dos resultados achegados polos/as pacientes (PROM) e a experiencia do paciente (PREM) nos procesos asistenciais.

c) A promoción da avaliación de resultados en saúde, da experiencia das persoas e da utilización de recursos, axustados ao risco e ás características da poboación atendida, como elemento de apoio á mellora do modelo asistencial.

d) O fomento da xeración, análise e utilización de información clínica e evidencia en vida real, co fin de apoiar a toma de decisións asistenciais e a mellora continua dos procesos e as traxectorias asistenciais.

e) A colaboración na incorporación da estratificación poboacional, de novas ferramentas diagnósticas e de terapias de precisión nos modelos asistenciais definidos pola organización.

f) A prestación de apoio técnico aos órganos directivos e ás áreas sanitarias en materia de priorización, deseño e avaliación de iniciativas asistenciais, desde a perspectiva da personalización da atención, o valor e os resultados en saúde.

g) A promoción da coordinación con outros órganos do Servizo Galego de Saúde en materia de innovación sanitaria, calidade, información sanitaria e avaliación de resultados.

h) En xeral, calquera outra función que, dentro do seu ámbito, lle sexa atribuída».

Disposición adicional primeira. Mantemento de nomeamentos

Non será preciso un novo nomeamento e toma de posesión das persoas titulares dos órganos superiores e directivos cuxa denominación varíe como consecuencia do disposto no presente decreto.

Disposición adicional segunda. Cambios de denominación ou dos contidos funcionais dos órganos directivos

Cando, como consecuencia da estrutura orgánica que se establece neste decreto, se modifique a denominación ou o contido funcional das subdireccións xerais ou servizos existentes, autorízase á persoa titular da Consellería de Sanidade, baixo proposta da Secretaría Xeral Técnica da Consellería, para adscribir o persoal funcionario que ocupaba o posto existente ao posto equivalente que figura neste decreto.

Disposición derrogatoria única. Derrogación normativa

Quedan derrogadas cantas disposicións de igual ou inferior rango se opoñan ao establecido neste decreto.

Disposición derradeira única. Entrada en vigor

Este decreto entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, nove de novembro de dous mil vinte e seis

Alfonso Rueda Valenzuela
Presidente

Antonio Gómez Caamaño
Conselleiro de Sanidade