DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 221 Mércores, 18 de novembro de 2026 Páx. 57556

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería do Medio Rural

ANUNCIO do 26 de outubro de 2026, do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Ourense, polo que se publica a resolución relativa ao deslindamento dos montes veciñais en man común Serra do Quinxo e Acevedo, no concello de Entrimo.

Examinada a solicitude de deslindamento formulada polos representantes do monte veciñal en man común (en diante, MVMC) Serra do Quinxo, pertencente á Comunidade de Montes Veciñais en Man Común (en diante, CMVMC) da Pereira, e o MVMC Acevedo, pertencente á CMVMC de Guxinde, no concello de Entrimo, resultan os seguintes

Feitos:

Primeiro. O 11.12.2025, a CMVMC da Pereira presentou un escrito (Rexel 2025/3546434) en que solicita a aprobación dun deslindamento coa CMVMC de Guxinde.

Coa solicitude achegou a seguinte documentación:

• Acta de deslindamento levantada o 6.9.2025.

• Acta de conciliación redactada o 5.12.2025 no Xulgado de Paz de Entrimo.

• Certificacións dos acordos das respectivas asembleas xerais do 22.11.2025.

• Informe e planos do deslindamento.

• Arquivos xeográficos en formato vectorial (shapefile) coa proposta.

Segundo. O informe do Servizo de Montes do Departamento Territorial de Ourense, do 5.2.2026, fai constar que a documentación achegada corresponde ao deslindamento do perímetro estremeiro entre o MVMC Serra de Quinxo, pertencente á CMVMC da Pereira, e o MVMC Acevedo, pertencente á CMVMC de Guxinde, desde o vértice 2 (o situado máis ao S) ata a o vértice 5 (o situado máis ao N), considerando ademais un punto auxiliar (vértice 1) situado no peche dos predios particulares e que permitirá casar o remate real da veciñanza coas previsibles revisións do esbozo que se poidan acometer.

O citado informe considera que a solicitude se axusta ao establecido no artigo 53 da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, polo que propón ao Xurado Provincial a súa aprobación.

Consideracións legais e técnicas:

Primeiro. Esta resolución dítase ao abeiro do artigo 53 do Regulamento para a execución da Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común, aprobado polo Decreto 260/1992, do 4 de setembro, e de conformidade co disposto na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Segundo. O artigo 53 da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, recolle o procedemento que se debe seguir no deslindamento entre montes veciñais en man común e establece que o Xurado Provincial de Montes Veciñais en Man Común, logo do exame da documentación presentada, ditará unha resolución, que será publicada no Diario Oficial de Galicia e notificada ás comunidades interesadas.

De acordo cos feitos e fundamentos de dereito expostos, e tendo en conta o informe favorable do Servizo de Montes do día 5.2.2026, o Xurado Provincial de Montes Veciñais en Man Común acordou por unanimidade, o día 6.10.2026:

Aprobar o acto de conciliación acadado polas xuntas reitoras do MVMC Serra do Quinxo, pertencente á CMVMC da Pereira, e MVMC Acevedo, pertencente á CMVMC de Guxinde, no concello de Entrimo.

Contra esta resolución, que pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer un recurso potestativo de reposición perante o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Ourense no prazo dun mes, ou ben directamente un recurso contencioso-administrativo perante o Xulgado do Contencioso-Administrativo de Ourense, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao desta notificación, de acordo co disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e nos artigos 8 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Ourense, 26 de outubro de 2026

José Antonio Armada Pérez
Presidente do Xurado Provincial de Clasificación
de Montes Veciñais en Man Común de Ourense